publicidade hoxe
Rosalía Morlán: “Os anos de nenez na aldea marcáronme moito e iso plásmase na poesía para nenos” - Cabecera

Rosalía Morlán: “Os anos de nenez na aldea marcáronme moito e iso plásmase na poesía para nenos”

Rosalia Morlan

Rosalia MorlanUnha persoa incapaz de vivir sen soños. Isto é o que responde Rosalía cando se pregunta por ela, pola súa forma de ser, pola súa persoa. Imaxinan unha definición mellor para alguén que escribe poesía para nenos? Eu non. Imaxinan unha definición mellor para alguén que se dedica a coidar enfermos? Eu non. Imaxinan unha definición mellor para quen se dedica á docencia. Exacto. Eu tampouco.  

Rosalia MorlanNome e apelidos: Rosalía Morlán Vieites

Un lugar: Santiago de Compostela

Un hobby: viaxar

Unha comida: cocido galego

Unha virtude: a puntualidade

Un defecto:  son moi testaruda

Un soño: que meu pai nunca deixe de recoñecerme, que malia a enfermidade saiba sempre quen son. 

A primeira pregunta é obrigada, es unha enfermeira con vocación de escritora ou unha escritora que se gaña a vida entre pacientes? Es máis dunha das dúas ou unha mestura?

Son unha enfermeira por vocación á que lle apaixona escribir. Son efectivamente unha mestura das dúas.

Como nace Rosalía Morlán como escritora? Como foron os teus comezos? 

Con dez ou once anos escribín o meu primeiro poema no colexio Divino Maestro de Santiago. Era unha especie de concurso, o mellor poema da clase sería exposto no taboleiro e ese foi o meu. Lembro que falaba da neve. Dende ese momento a poesía sempre formou parte da miña vida

E pola outra banda, como decides dedicarte á sanidade? En que momento che aparece esta vocación e de que xeito?

Nunca pensara en ser enfermeira. Empecei traballando no Hospital Provincial de Santiago como  “axudante sanitaria”, algo que naquel momento era parecido a ser auxiliar de clínica. Ese contacto co paciente e o mundo sanitario enganchoume, e decidín prepararme. Primeiro formeime como auxiliar de clínica e despois fixen enfermería ao mesmo tempo que traballaba.

Son dúas facetas moi distintas, non? Ou teñen máis en común do que pode parecer?

Dicía Florence Nigtingale “A enfermería é a máis bela das belas artes”.  Así, ao falar de enfermería podemos utilizar palabras tan fermosas e tan verdade como: fortaleza, coñecemento, humanidade, imaxinación, sensibilidade, xenerosidade, corazón. Sen dúbida a enfermería é arte, e sen dúbida a enfermería é ciencia.  E se falamos de poesía temos que falar tamén de sensibilidade, imaxinación, corazón…

Ademais de traballar como enfermeira propiamente, tamén es profesora, que che aporta esta faceta? Como chegaches á docencia? 

Rosalia MorlanSempre me gustou moito o contacto e dedicación ós alumnos que tiñamos na planta facendo practicas, saíu unha praza como profesora de prácticas e, animada pola que era nese momento a miña supervisora, presenteime e conseguino. Poder participar na formación práctica de futuros profesionais é algo que me reconforta. Intento transmitirlles por riba de todo certos valores imprescindibles para esta profesión.

Saben os teus alumnos e compañeiros do teu ‘outro eu’?

Os compañeiros si, aínda que a maioría non hai moito tempo que se decataron, dos alumnos poucos o saben.

“Dicía Florence Nigtingale que a enfermería é a máis bela das belas artes”

Cales son eses valores que tratas de transmitirlles? Inflúe a vea de escritora, a poética incluso?

Trato de transmitirlles eses valores, como día antes, que considero imprescindibles para esta profesión. Sobre todo a humanidade, o trato humano e próximo é algo que o paciente xamais esquece.

Rosalia MorlanComo te definirías Rosalía? Refírome a nivel persoal, para empezar tes que ser unha persoa con moitas inquedanzas… 

Si, son unha persoa inquieta, entusiasta, positiva e intento desfrutar das pequenas cousas. Gústame a pintura, a fotografía, as manualidades, a música. Gustaríame ter tempo para ir a clases de pandeireta, guitarra , baile galego … Sobre todo, son incapaz de vivir sen ilusión e sen soños.

Pero supoño que iso é o que che falta… Tempo…

Non hai tempo para nada pero vou facendo cousiñas!

Sempre escribiches poesía? Que che ofrece a poesía que non teñen o resto dos xéneros?

Si, sempre escribín poesía, quizais porque durante moito tempo e

“A poesía é xa en si mesma un xénero difícil de chegar a calquera, pero aos nenos quizais mais”

scribía so para min e a poesía era o que me enchía, agora tamén fago algunha outra cousa.

Que diferenzas hai entre a poesía de adultos e a poesía para nenos? A priori podería parecer que a poesía é un xénero máis difícil de achegar aos cativos, é así? 

A poesía é xa en si mesma un xénero difícil de chegar a calquera, pero aos nenos quizais mais. O mundo infantil é moi esixente, non é sinxelo enganchalos á poesía pero cando o consegues é moi moi gratificante.

Como comezas ti a escribir poesía infantil? Creo que a túa neta tivo algo que ver nisto…

Rosalia MorlanPois si, ela foi a musa que me puxo en marcha e fixo que os versos se apoderaran de min e xa non deixara de escribir. Tiña algo escrito para nenos pero o que realmente me meteu no mundo da poesía infantil foi o seu nacemento.

Ademais da escrita propiamente dita, tamén estás implicada noutras actividades como visitas ou encontros cos rapaces ou eventos culturais de todo tipo…

Teño visitado xa moitos colexios e a verdade é que a experiencia é incrible. Ver o entusiasmo co que reciben os teus poemas, como os aprenden de memoria, como xogan con eles, como os debuxan, como queren saber cousas de ti,… É moi difícil explicar o que se chega a sentir.

“A noite dende ben pequena fascinoume, por iso a lúa sempre me acompaña”

Que hai de experiencia persoal na túa obra? Tiras de recordos e de vivencias?

Evidentemente as experiencias vividas e os recordos están presentes na miña poesía, pero tamén experiencias próximas, ou simplemente o feito de observar a vida. Os anos de nenez na aldea marcáronme moito e iso está plasmado na poesía para nenos.

Algún elemento no que te inspires especialmente? “A coitada lúa”, “Estrelas de azucre”, moito ceo, non?

Moito ceo e moita noite. A noite dende ben pequena fascinoume, e con ela a lúa e as estrelas, por iso a lúa sempre me acompaña e percorre moitas veces o meus versos.

Como valorarías a situación na que se atopa nestes momentos a poesía? E a poesía en galego en particular?

Rosalia Morlan3Penso que se escribe moita poesía e hai moitos escritores mozos coun xeito de escribir fresco e áxil. Hai moitos concursos e moitas publicacións, pero outra cousa é que se lea poesía. En Galicia creo que se está indo por un camiño fantástico que é o de achegar a poesía  ás escolas, o que falabamos de achegala ós mais pequenos. Hai colexios que están facendo un gran traballo cos nenos. Por exemplo, no colexio do Foxo, na Estrada, ademais de outras moitas actividades, teñen “o xardín da poesía”. Nel os poemas colgan das árbores dando un aspecto máxico. Os pequenos medran convivindo coa poesía e disfrutando dela.

Se falamos de premios, son xa uns cuantos os que tes no teu haber, algún ó que lle gardes especial cariño? 

Quizais ao primeiro pola sorpresa que supuxo, foi o primeiro premio da Festa do Aquelarre Poético das Fogueiras de San Xoán na Coruña.

E que me dis do futuro Rosalía? Creo que tiñas en mente un proxecto que sería case a culminación desas “dúas Rosalías” das que falabamos. Unha iniciativa para achegar a poesía ós rapaces que se atopan hospitalizados, non? Creo que hai algún CD polo medio tamén…

É un proxecto fermoso no que achegariamos a poesía, as cancións e a musica,  aos hospitais, aos nenos ingresados. Seria facer un libro cun CD onde estean cantados os poemas. O problema é que corren malos tempos e haberá que esperar a que se poida facer realidade.

 Rosalia Morlan

 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 26 de Marzo do 2014 | 6:29 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura