publicidade hoxe
Xavier Queipo: “A cultura a defenden os galegos os escritores somos só unha expresión dela” - Cabecera

Xavier Queipo: “A cultura a defenden os galegos os escritores somos só unha expresión dela”

Expresión que Xavier Queipo mantén día tras día, ano tras ano, dende Bruxelas, aí é nada. Toda unha vida lonxe da súa Compostela natal, aínda que unido a través das letras a este “porto desexado” que tanta saudade lle provoca. Comezou a escribir como xeito de expresar o que non se atrevía a dicir de viva voz, e acabou por gritarlle ó mundo páxina tras páxina a súa maneira de entender as cousas. Reborda sinceridade, tanto na súa escrita como na súa conversa, e iso, non nos enganemos, non resulta sinxelo de atopar.

Xabier Queipo

Nome e apelidos: Francisco Xavier Vázquez Álvarez

Un lugar : O Rial (parroquia de Iria Flavia)

Un hobby: camiñar sen rumbo fixo

Unha comida: chocos en tinta con
arroz branco

Unha virtude: a constancia

Un defecto: a teimosía

Un soño: seguir soñando

Se mo permites, imos comezar esta conversa cunha frase túa, a ver que che parece, “nunca se me deu ben falar de min, igual é unha das miñas grandes eivas, non saber venderme”…

Nunca fun bo vendedor, de nada, e moito menos dos produtos do meu traballo. Hai xente que ten a cualidade de vender fume, de mudar a auga en viño ou de vender novelas coma se fosen churros (que o son). Eu síntome máis á vontade promovendo os produtos doutros compañeiros, recomendando a súa lectura, reseñando as súas obras. Ser xeneroso sempre compensa, un sinte unha certa satisfacción.

O feito de falar de vender, de comercializar, non é o acostumado dentro do mundo da literatura. Está claro que ese é o obxectivo final de todo escritor, pero parece que custa dicilo así abertamente, non?

Non debería. O obxectivo de calquera escritor é acadar o maior número de lectores posíbel (e quen diga o contrario minte), mais a literatura non deixa de ser un produto e, por tanto, réxese polas leis do mercado. A publicidade, o escándalo, a imaxe pública, a notoriedade dos autores (estou pensando neses comunicadores que publican libros, nos políticos a quen lles escriben as memorias, etc) son armas para vender. Ás veces úsanse e outras non. Xa ves que non me custa dicilo, isto é un negocio e para iso hai tipos listos que deseñan un público específico como obxectivo. Eu non son un tipo listo ou se cadra teño

“Eu non son un tipo listo,non preciso escribir un produto prefabricado e só escribo o que me peta”

unha profesión que me permite polo de agora vivir sen dificultades e, por tanto, non preciso escribir un produto prefabricado e só escribo o que me peta, cunha grande liberdade creativa. Hai xente que lle gusta o que eu escribo e outra non me le porque as editoras concentran a súa publicidade noutros libros que eles consideran de maiores ventas potenciais. Iso é así, o mercado, a lei da oferta e da demanda, a concentración de capital, o mainstream, os produtos feitos para ser vendidos nos centros comerciais,…

Nestes momentos, dende hai xa tempo, vives en Bruxelas e non te dedicas a escribir como forma de gañala vida, non é posible neste momento vivir da escrita?

Son médico e como tal exercín alternativamente entre 1982 e 1986, mais logo deixeino para seguir o camiño da miña outra profesión que é a de biólogo. Foi esta a que me trouxo a Bruxelas hai agora 25 anos. Eu escribo bastante. De feito logo de dúas ducias de libros publicados, teño case tanto material sen publicar do que publicado (o que fala tamén dunha escolla antes de por un texto diante dos lectores). Por circunstancias da vida non tiven fillos e Xabier Queipoa miña parella tamén é un creador. Iso facilitou as cousas, sobre todo a nivel de convivencia (vivir cun escritor é difícil). Ao ter un traballo ben remunerado, as presións son menores e daquela a liberdade aumenta de xeito exponencial. Non, coido que non sería unha boa idea dedicarme só á escrita. En galego non dá para vivir e tería que traballar de xornalista, o que non é algo que me atraia.

“Escribía o que non era quen de dicir (xa imaxinas, amores imposíbeis e outras preocupacións da mocidade), Ós trinta anos pensei que estaba maduro bastante para publicar un libro”

Como xurde a túa vocación? En que momento comezas a escribir e por que?

Comecei a escribir por necesidade de expresar sentimentos. Estaba aínda no ensino primario, mais como era moi tímido, escribía o que non era quen de dicir (xa imaxinas, amores imposíbeis e outras preocupacións da mocidade). Gustábame ler e coa práctica e a lectura cotián fun avanzando até que en chegando os trinta anos pensei que estaba maduro bastante para publicar un libro, o que foi case unha casualidade, por mediación do tamén escritor Xelís de Toro e do editor Paco Macías, que me animaron a publicar “Ártico” e dos que fiquei por sempre agradecido.

E que me dis das túas colaboracións en revistas como ”A Nosa Terra”, “Grial” ou “Vieiros”? Que supuxo para ti esta actividade?

Xabier QueipoParticipei en cantos proxectos solicitaron a miña colaboración, como agora estou facendo con “Sermos Galiza”, a convite de Carme Vidal. Permitíronme e permítenme aportar unha visión ex-céntrica (no senso de afastada do centro, pois vivo fóra de Galiza) da realidade cultural dentro e fóra de Galiza. Non sei se chego a máis xente pois adoito ter pouco “feed-back”, mais podo dicirche que de cando en cando os amigos botan en falta as miñas colaboración radiofónicas ou os meus artigos de opinión. Teñen a importancia que teñen, mais axudan dalgún xeito a transmitir ideas e algunhas veces fan acordar conciencias, o que non é pouco.

Ó longo da túa traxectoria tocaches varios xéneros, máis narrativa que do resto, pero tamén houbo poesía e ensaio. Que che ofreceu cada un deles?

É difícil avaliar a importancia diferencial dos varios xéneros que invocas. A narrativa é o que eu chamaría o meu terreo favorito, onde teño experimentado máis e con resultados mais evidentes, mais a poesía tenme dado un certo prestixio en Bélxica como membro fundador do Colectivo de Poetas de Bruxelas, do que non gozo na Galiza por razón de ausencia ou se cadra de sensibilidade (quen sabe). Nas universidades anglosaxonas teñen estudado a miña poesía varios profesores (Martin Veiga, Kirsty Hoper, Cornelia Grabner), salientando o seu carácter anovador e non lírico, mais as universidades galegas prefiren outros autores, se cadra porque se encontran máis próximos na concepción da poesía e nos gustos dos investigadores, quen sabe.

“Nas universidades anglosaxonas teñen estudado a miña poesía, salientando o seu carácter anovador e non lírico”

Mesmo tiveches “unha columna” na Radio, outro mundo de posibilidades…

Si, foi unha experiencia moi interesante e teño que llo agradecer a Ana Romaní, que me deu liberdade absoluta para dicir o que quixera, sen atrancos e sen máis medida que a do tempo dispoñíbel. Por certo, tivo moita paciencia comigo. Sentín deixar o programa logo de dous anos, pois ela quixera que eu seguise, mais os compromisos profesionais non me deixaban tempo abondo para aquel empeño semanal.

Sen esquecer a literatura infantil, que ten que ter grandes diferenzas coa adulta…

Si. Xa dixen que non tiven fillos, mais comunícome bastante ben cos cativos dos amigos, sobre todo con aqueles que aman a natureza. Os meus coñecementos de bioloxía permítenme ensinarlles cousas curiosas, e adoitan escoitarme coma se fose un avó que sabe de peixes e de plantas. Pola idade xa podería ser avó, ou sexa que non me sinto mal no papel. Non lle dedico moito tempo e de feito só teño publicados dous libros que se poidan considerar para público infantil: “O espello e o dragón”, publicado por Xerais, que esgotou a súa edición e agora é case inencontrábel (o que considero unha mágoa) e “A illa dos cangrexos violinistas”.

Dentro desta literatura, a túa última obra foi traducida a Xabier Queipovarios idiomas. O tema das traducións tamén é complicado vindo do galego, non si? Supoño que máis orgulloso aínda…

Teño que lle agradecer a editora OQO que me dera esa oportunidade, pois “A illa dos cangrexos violinistas” foi traducido a catro linguas (francés, castelán, portugués e mais italiano), o que para outros escritores acostumados ao éxito non será moita cousa, mais que para min foi un paso importante. É verdade que atopar quen te traduza a partir dunha lingua como o galego non é sinxelo, pois non hai tradutores directos para moitas outras linguas e a potencia das editoras galegas para publicitar os seus libros e vender os dereitos a outras linguas é relativamente pequena. Volvemos ao negocio. Unha editora que vai vender o teu libro en inglés non merca os teus dereitos se non tes unhas vendas importantes na lingua de orixe, o que a partir do galego é difícil, agás nalgunhas ocasións puntuais e moi meritorias.

“Atopar quen te traduza a partir dunha lingua como o galego non é sinxelo, pois non hai tradutores directos para moitas outras linguas”

Cantos anos hai que marchaches de Galicia? Bótala de menos? Que é o que máis estrañas?

Eu marchei varias veces. Primeiro aos Pirineos, onde fixen o meu servizo militar dende Xaneiro de 1982 até Marzo de 1983 (por certo nas manobras era o médico da compañía, onde o privilexio maior era esquiar con dúas mochilas en troques dunha soa). Logo estiven embarcado de xeito case ininterrompido dende Maio de 1984 a Agosto de 1985 (nas augas de Terranova e do Círculo Polar ártico, que supoño que tamén conta como fóra da casa, e alí exercín de médico e biólogo, salvando algunha que outra vida). Dende febreiro de 1989 a Febreiro de 1999 pasei dez anos en Bruxelas, e xa a última saída foi dende Agosto de 2001 até agora que continúo residindo en Bruxelas. Como ves intentei regresar en varias ocasións, mais as circunstancias do país leváronme unha e outra vez fóra da angra acolledora do porto

desexado. Regreso con certa frecuencia tanto por razóns de traballo como por razóns de lecer e sempre a Vigo, onde teño aberta casa e onde me sinto tan ben. Boto de menos aos amigos e a familia, mais como dixen regreso varias veces por ano e así as feridas da saudade, mesmo que crónicas, non chegan a ser importantes.

Malia a distancia, continuaches escribindo sempre na túa Xabier Queipolingua materna, en galego. Por que?

Foi precisamente a distancia o que me fixo escribir en galego, e orgullarme da lingua no contacto con outras linguas que non eran nin maiores nin menores que a nosa. Foi para non a perder, para afondar no seu coñecemento, para ter unha identidade propia nunha cidade con tantas identidades e tantas linguas, que pasan dun cento.

Outra frase túa tamén, menos politicamente correcta digamos, é: “escribo, polo mesmo que os meus colegas, por satisfacer o meu ego, no te fíes de quen non o recoñeza, é un mentireiro”…

“Boto de menos, mais regreso varias veces por ano e así as feridas da saudade, mesmo que crónicas, non chegan a ser importantes”

Non teño razóns para pensar diferente e cada día menos. Non concordo coa súa apreciación de que non é politicamente correcto polo feito de ser sincero. Si, é o que penso, mais como tantas veces na miña vida, se cadra algún día alguén me convence de que estou errado, o que por certo non é infrecuente.

Non escribes por defender a lingua nin a cultura, pero supoño que bo amor lle terás a ambas para dedicarlles tanto tempo…

Eu non son un salva-patrias. A lingua e a cultura a defenden os galegos. Ás veces decepciona o xeito en que a defenden, mais son os falantes e os cidadáns os que defenden a cultura. Os escritores podemos ser unha vangarda no uso literario da lingua, uns facilitadores de uso, uns axentes culturais, mais nós non somos “a cultura”, senón tan só unha expresión da mesma.

Con cal das túas obras te quedas? De cal te sentes máis orgulloso ou cal delas che deu máis satisfaccións?

Eu quedo con todas se mo permites. Téñolle moita lei a aquelas que sufriron máis a indiferenza e que eu quero tanto como as outras, estou pensando en varias delas como “Dragona”, “Malaria Sentimental”, “Os ciclos do bambú”, “Glosarios” ou “Cartas marcadas”, merecentes, ao meu parecer, de máis recoñecemento.

E en canto ó xénero? En que xénero te atopas máis a gusto?Xabier Queipo

Depende das estacións, aínda que soe estraño. Ollando para as datas dos arquivos, pódoche dicir que a meirande parte dos poemas que escribín foron escritos no inverno e que a primavera e o outono son estacións doadas para a narrativa. Para o verán fican os haikus, os microcontos e a praia.

Recibiches varios premios, algún deles che emocionou especialmente? Es dos que se ilusionan cos recoñecementos ou non lles das especial importancia?

Eu emociónome cando a xente que quero se emociona. O que máis me emocionou foi o Xerais, sen dúbida, ver á miña xente gozando da festa na Illa de San Simón foi un galano que non vou esquecer con facilidade. O arcebispo San Clemente tamén me emocionou moito pois a entrega foi en Compostela, a cidade onde nacín, aquela onde descubrín o amor e o sufrimento. Foi como un rexurdir, coma se os rapaces dúas xeracións máis novos me acolleran como parte da comunidade. Un luxo.

Algún proxecto en mente? Estás traballando nalgunha obra ou polo de agora non?

Eu sempre estou ocupado en traballar, diría que felizmente. Agora estou preparando a edición dunha colección de 55 contos que sairá a mediados de ano en Xerais (ou cando menos iso é o que está programado) e que levará ese nome “55”, rememorando a limpeza que fixen no portátil cando cheguei aos 55 anos. Xalogo chegará algunha que outra sorpresa en forma de narrativa ou poesía, dependendo do que dea rematado antes. 

 

Fotos: Ce Tomé

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 20 de Febreiro do 2014 | 1:57 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura