publicidade hoxe
Pilar García Negro: “Rosalía de Castro soubo máis de todos nós do que nós chegaremos a saber dela” - Cabecera

Pilar García Negro: “Rosalía de Castro soubo máis de todos nós do que nós chegaremos a saber dela”

Pilar García Negro con Henrique Albarellos na presentación dun libro.
Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, e Doutora en Filoloxía Románica, dicir que a vida de Pilar García Negro está irremediablemente unida á lingua, máis que unha declaración é unha obviedade. A súa labor académica e literaria centrouse no estudo das grandes figuras das nosas letras, e da súa labor docente destaca case máis o que ela aprendeu, que o que ensinou. Aínda que isto semella máis unha visión persoal que unha realidade, pois unha profesora que ensina a pensar é en si mesma puro aprendizaxe. Feminista, nacionalista e pouco partidaria das medias tintas, con Pilar un sabe cando comeza a falar pero non cando remata.

Pilar García Negro

Nome: María Pilar García Negro (Lugo, 1953)

Un lugar: tres! A Muralla de Lugo, o monte Tahume (entre o Porto do Son e Ribeira) e as Cataratas do Iguazú, do lado arxentino

Un hobby: rebuscar músicas queridas e cancións varias entre os discos vellos (LPs)

Unha comida: o lacón con grelos

Unha virtude: eu que sei! Non me atopo, a verdade… O desexo de transmitir o amor a Galiza ou o intento de que o idioma de noso viva digno e auténtico… É o único que se me ocorre.

Un defecto: un só? A pesadez, unhas veces; a nugalla outras… Mais que eu non o advirta, si os demais claro está

Un soño: nadar indefinidamente, sen canseira ningunha…

Din de vostede que é unha persoa clara e directa, dúas características importantes sen dúbida á hora de realizar traballos de investigación e análise…

Pois se “din” iso, alégrome… Dende logo non me afilio á tipoloxía de galega ecléctica ou “pactista”. Coido que nos cómpre, ás galegas e aos galegos, moita clareza e rotundidade na proclamación do noso ser colectivo, dos nosos dereitos, das nosas aspiracións. E en canto ao traballo académico ou literario, tamén xulgo que son virtudes practicábeis. Outra cousa son os custos que esta actitude leva consigo, mais eu non son moi do refrán que di “Deus é bo e o demo non é malo”, nin tampouco de ir dosificando silencios e palabras para contentar a quen manda.

Dentro da amplitude que ten a cultura galega, cales son os temas que máis lle interesan ou preocupan a Pilar García Negro?

Varios relacionados coa literatura, nomeadamente do século XIX e da primeira metade do XX; o feminismo; a lingua en toda a súa extensión e, en concreto, na súa didáctica.

Que importancia ten a lingua, a palabra, a comunicación, na súa vida?…

Tena toda. Se falamos e escribimos en galego estamos exteriorizando algo tan evidente, mais tan negado ou disimulado, como é que somos galegos e queremos que se note. O idioma é así o noso indisimulábel carné de identidade colectivo. Levo dedicado moitas páxinas a partillar este afán cos meus compatriotas e a tratar de converter a evidencia en necesidade. Verbalmente ou estilisticamente vou bastante “pola vella”, isto quere dicir que me repelen as vulgaridades, as frases feitas banais, as consignas da moda… Tento falar co máximo respecto á semántica e á sintaxe; ó galego auténtico, xenuíno, dentro do sistema ao que pertence, por tanto, con ollada de amizade para o noso consanguíneo, o portugués.

De feito, que quede constancia de que na miña transcrición se perderán moitas expresións súas. Vaia por diante. Continuando co anterior, de onde diría que lle ven esta paixón, esta inquedanza cultural e lingüística…

Da miña práctica de moitos anos atrás: das miñas primeiras aulas no Seminario Diocesano de Lugo (1975), dos Institutos de Ensino Medio onde fun profesora e, despois, da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Por falar galego sempre, en toda circunstancia, lugar e persoas, por isto entrei a militar no nacionalismo político e sindical, non ao revés.

Pilar García Negro acompañada de dous amigos nunha foto de arquivoDe cal das súas obras se sinte máis orgullosa? En cal delas hai máis de vostede?

Talvez no libro que recolle a miña tese de doutoramento (O galego e as leis. Aproximación sociolingüística), mais tamén nas dedicadas a Rosalía de Castro e Castelao (O ensino da língua: por un cámbio de rumo; Arredor de Castelao; O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: ensaio e feminismo; Cantares gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada). “Máis” de min, unha especie de autorretrato, no volume Outramente, que recolle mesmamente artigos de prensa (os publicados no extinto Xornal de Galicia).

De todos os escritores e persoeiros sobre os que levou a cabo estudos, con cal se identifica máis? Por que?

Sen dúbida, con Rosalía de Castro, por moito que sigo a pensar que soubo ela máis de todos nós do que nós chegaremos a saber dela. A admiración por esta muller que nos fundou é a cada paso maior.

E á inversa? Cal diría que é o máis oposto a vostede? Por que?

O máis oposto, ideolóxica e moralmente, pode ser unha escritora como Dona Emilia Pardo Bazán, sobre a que traballei e sigo a traballar, porén, con moito agrado, porque é moi “agradecida”. Con isto refírome a que confirma coa súa elocuencia moitas das hipóteses das que parto. Sendo unha grande escritora, sen dúbida, non abdica nunca do seu aristocratismo, clasismo e integrismo relixioso, envolvidos en mundanidade. Iso si, para que non se atribúan estas afirmacións á miña condición de nacionalista galega, citarei especialistas na súa obra como Nelly Clemèssy ou Leda Schiavo, que as acreditan. Hai moita reverencia a figuras que triunfaron en España e moita “paiolada” analítica á hora de as xulgar (descúlpeseme tanta explicación).

Pilar García Negro na súa faceta máis familiarEntre a poesía e a política as diferenzas teñen que ser moitas, mais vostede traballou sobre ambas. Diría que teñen algo en común?

Á parte de que ambas comezan pola mesma sílaba e comparten xénero gramatical (e perdón pola infantilada!), non cabe dúbida de que a primeira, sendo humanista e de boa calidade, vai alumar moitos aspectos da vida que unha política responsábel sempre debera coñecer. Dáse a circunstancia, como é ben sabido, de que a nosa nación, a Galiza, renace para a historia da man da literatura e dunha conxunción afortunada: enorme valor estético e alta voltaxe patriótica. Teño utilizado con moita frecuencia poesía clásica ou contemporánea en actos directamente políticos, mitins incluídos, procurando, iso si, facerlle as honras debidamente. Detesto a utilización do literario como ritual de ocasión, como adobío que a nada compromete.

Tamén foi vostede Presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña durante cinco anos. Como foi aquela etapa?

Lémbroa moi gratamente e con saudades. Coido que, na medida das nosas posibilidades (autofinanciamento, traballo voluntario e voluntarista…) criamos na Coruña, un público para moitas actividades relacionadas coa cultura galega: historia, literatura, arte, excursións polo país, cursos varios, defensa do topónimo, colaboración con outras entidades culturais ou sociopedagóxicas…

Cre no asociacionismo como mecanismo de defensa cultural?

Desde logo, mais anovado e adaptado ao tempo presente, sen que se cancelen por vellas iniciativas do pasado, como as que antes enumerei. Ou dito doutro xeito: xulgo perigosa a uniformización “apantallada” en detrimento da leitura tradicional e da observación directa.

Pilar García Negro durante unha sinatura de libros

Podemos falar de Literatura Feminina? Ou este cualificativo é, en si mesmo, un tipo de machismo?

Coido que non cabe falar de literatura feminina nin como un totum nin como un continuum, por tanto, nin do punto de vista histórico nin do temático, ou ideolóxico. Hai múltiplas sinaturas femininas (na política, na empresa, na escola, na universidade…) que serven competentemente ós predominantes intereses masculinos e masculinistas ou, máis concretamente, capitalista-masculinistas (falo de capitalismo, porque quen non o discuta pouco pode defender en positivo para a maioría das mulleres). Dentro da literatura feminista, hai tamén considerábeis diferenzas de óptica e de mentalidade. Porén, entre autoras moi diferentes, existe un río profundo de afinidade ou de compenetración, que revela respostas semellantes a unhas realidades materiais e sociais marcadas pola servidume, a discriminación, a subordinación a patróns externos e superiores a elas mesmas. A atracción que suscita a nosa Rosalía de Castro por parte de reputadas intelectuais feministas de moitos lugares do mundo é proba disto. Unha cousa é o “feminismo de catálogo” dos nosos días, que só admite a quen previamente o compón. Ou a banalización do concepto que o priva de todo sentido liberador: “poña uns gramos de feminismo no seu discurso, a ver a cantas incautas conquista”.

Pilar García Negro no Parlamento de Galicia nunha imaxe de arquivoCon respecto á igualdade, en que situación diría que nos atopamos? Realmente evolucionamos tanto como cremos?

Lamentabelmente, penso que non. Sen dúbida no noso tempo son evidentes os avances legais e progresos sociais de nome feminino. Mais non participo da valoración que di que a igualdade legal xa se conseguiu e agora falta por conseguir a igualdade real. É xusto ao revés. É a falta de igualdade real a que baleira de contido a igualdade legal. Esta é simplemente declarativa se non vai acompañada das mudanzas político-sociais que permitan que exista. No núcleo duro do capitalismo figura de modo irrenunciábel a explotación das mulleres; man de obra abaratada, dupla xornada laboral, tarefas domésticas,… Co aforro correspondente de recursos públicos; negocio da prostitución e do tráfico sexual de nenas e mulleres… Se non se ataca ao corazón do sistema, de pouco van valer as proclamas ou leis protectoras de dereitos. Un exemplo dramático: recrúa o número de mulleres mortas violentamente polo feito de o seren, mentres toda a noxenta propaganda cousificadora e degradante das mulleres continúa rampante. É alarmante que non se combata o machismo con instrumentos represivos moito máis claros e contundentes (si, represivos, como por educación xeral básica reprimimos os actos anti-hixiénicos ou as agresións físicas). Falamos dunha forma extrema e directa de racismo contra o máis próximo e semellante; as mulleres, e é alarmante que non se eduque ás rapazas no hábito da autonomía persoal, da independencia de criterio, da necesidade de emancipación económica, da construción da súa personalidade libre da adoración do masculino… Neste sentido, penso que recuamos verbo da miña mocidade.

E na liña da educación, dende o punto de vista do seu labor como docente, como valora a situación do ensino? Como están as cousas?

Mal, porque seguimos a padecer un cóctel de torpezas antigallas do pasado; españolismo puro e duro, co seu inevitábel correlato de desgaleguización; falta de coordinación en temarios e disciplinas; carencia de destrezas básicas (leitura, escritura, comprensión do escrito); disparate da aplicación do plan Boloña nas universidades; falta de conexión ensino-economía-traballo na Galiza…

Pilar García NegroQue trata de transmitirlle aos seus alumnos?

Primeiro, que pensen por eles mesmos. Segundo que se decaten de que é infinitamente máis o que ignoramos que o que sabemos. Terceiro que somos galegos e o normal é que se note e que nos orgullemos de o sermos. Cuarto, que abandonen o pensamento cómodo, plano e imposto. Quinto que amen a literatura galega, coñezan a historia e a arte da Galiza e practiquen sen complexos o idioma galego. Sexto que aprendan a dubidar e a preguntar, para se dotaren de recursos, non de receitas.

E xa para rematar Pilar, algún proxecto entre mans neste momento? Está traballando nalgunha obra?

O meu “parto” é rápido e sen moitos ires e vires, mais a “gravidez” é máis lenta. Quero dicer que para poñerme a escribir algo novo preciso telo antes ben remoído na cabeza. Se é así, despois sae seguido e con moi poucas correccións. En fin, estou a “xestar” un novo libro sobre a didáctica da lingua galega, que xulgo nova e necesaria. Continúo coa dedicación de sempre a Rosalía de Castro e gostaría, co tempo, poder dar cabo a un libro moito máis persoal, que comunicase, ao menos, algunha das verdades parciais que me tocou vivir no seo do nacionalismo galego contemporáneo.

Grazas por compartir as súas reflexións connosco Pilar.

 

Fotos: arquivo persoal de Pilar García Negro e extraídas das súas redes sociais

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 13 de Xuño do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura