publicidade hoxe
Luís Rei Núñez: “A historia que me interesa é a que está nas raíces do presente” - Cabecera

Luís Rei Núñez: “A historia que me interesa é a que está nas raíces do presente”

Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958). Desde hai máis de dúas décadas exerce como xornalista en Televisión de Galicia, onde foi director de programas culturais. Como narrador logrou os premios “Xerais”, 2000, coa súa novela Expediente Artieda, “Blanco Amor”, 2009, coa novela Monte Louro, “Premio da Crítica, 2007” pola obra O señor Lugrís e a negra sombra… Tamén é moi importante a súa faceta poética con obras como Alma mareira (2003) ou  Estrela do norte (Premio “Ánxel Casal”, 2014).

Que nos poderías comentar da túa longa pasaxe pola Televisión de Galicia? Segue a nosa televisión a cumprir unha función normalizadora a nivel cultural?

Aínda que como medio público debería prestar unha atención especial á cultura nas súas diferentes manifestacións, a TVG está máis centrada en entreter e, desde os informativos, en condicionar a visión da realidade política da audiencia que a segue. Para mudar as cousas habería que garantir o respecto ó pluralismo e unha xestión profesional, sen interferencias do poder.

Dicíanos nesta mesma páxina Miguel Sande que “a función da literatura é reinterpretar a vida, non reflectila”… Toda obra escrita ten que beber do pasado do/da seu/súa autor/-a como nalgures tes dito?

A literatura nace da memoria, porque nace de pensamentos que sempre se nutren de memoria, mesmo para imaxinar o porvir. Pero o pasado e o futuro unicamente están afastados polo fráxil celofán do presente.

luis-rei-nunez-2Hai autores e autoras que din que un premio non deixa de ser unha circunstancia puntual, un aliciente… ti, que gañaches dous dos premios máis importantes a nivel de narración (“Xerais” e “Blanco Amor”) que pensas dos premios literarios? Bótanse de menos máis premios en Galiza?

Para os heroicos escritores galegos, afeitos á non profesionalización, os premios son un mal menor. Obter un pagamento, máis ben módico, por un esforzo, máis ben continuado, e gañar visibilidade nun país que adoito ignora os escritores que o escriben, e o describen.

Normalmente un escritor é unha persoa comprometida. Non choca un chisco que cando maior compromiso se viu na nosa literatura for naquela desgraza do “Prestige” e ao mellor se bote ben de menos un compromiso literario máis extenso e firme verbo da realidade social que estamos a sufrir?

O compromiso téñeno de serie non só os escritores, senón todas as persoas, incluídas aquelas que din ignorar a política e negan a existencia de dereitas e de esquerdas. Os que afirman iso están comprometidos, si, coa marcha dun mundo gobernado desde a desigualdade e onde se destrúe o ambiente, en beneficio sempre do poder.

estrela-do-norteOs teus primeiros pasos na nosa literatura -cando menos a nivel de publicación- foron na lírica (Para matar o tempo // Arca dos faiados // A rolda invisible), xénero que xamais abandonaches. Que che fornece a lírica que non che forneza a narrativa e á inversa?

A poesía expresa mellor o que, poñéndonos estupendos, chamariamos inmanencia. Nace dunha loaira, pode resolverse nunha ou nunhas poucas sentadas, compite coa música e chega moi en liña recta ó corazón das persoas. Quizais porque tamén nace máis inmediata e directamente do pulo emocional do autor.

E seguindo a falar de poesía, o ano pasou viu a luz a túa última obra poética (Estrela do norte) coa que acadaches o premio “Ánxel Casal”. Nesta túa obra cómpre salientarmos a forma, unha forma versística digamos que un tanto ríxida, clásica… Pode levar esta característica formal a unha limitación no contido poético?

Coido que ó contrario. Os límites da métrica, a rima e os recursos que se foron construíndo coa fala constitúen o mellor dos mapas cando un se interna na aventura poética. No canto de seren un problema, axudan á solución. Eu acóllome á protección dos límites. Humildemente.

Normalmente na lírica é onde un autor ou unha autora adoitan recorrer ao seu máis íntimo, ao seu eu, ao seu pasado… Canto ten esta obra do eu e do pasado de Luís Rei?

Teno todo. Mesmo cando intento escribir, desde o meu, no nome doutros. No fondo, para escribir en nome de todos, unha aspiración lexítima, non hai máis camiño que o de escribir unicamente desde o máis persoal. É dicir, desde as grandezas e as miserias do teu eu.

E iso de que esta obra é “coma unha viaxe polo túnel do tempo”…?

Todas as obras literarias teñen diso. Viaxas ó teu propio pasado, ó da túa tribo, ó da túa nación. Constantemente. Aínda que a túa maior aspiración sexa a de acabar construíndo un futuro, persoal e colectivo, onde sexa máis confortable instalarse.

Cres que quizabes os teus éxitos e recoñecementos a nivel narrativo obrasen coma aquela “negra sobra” de Lugrís no tocante á túa lírica?

expediente-artiedaPode ser. Durante unha boa temporada estiven dedicado moito máis ó traballo de construír mundos, desde a narrativa. Necesitábao porque esa construción ordenaba o meu mundo diario, o do cotián, e permitíame vivir unha vida alternativa, no interior da novela en marcha. Ocorre tamén con soamente ler novelas, que permiten ensanchar a vida, e por iso se len. E ocorre de maneira moito máis completa ó escribilas. Ese é o ouro que atopamos tras pasar horas e horas, durante meses ou anos, escribindo.

Na túa obra a nosa historia está pero que moi presente (Expediente Artieda // O corvo de chapapote…) Non pode ser isto como unha reivindicación perante a circunstancia do negativismo oficial que temos sobre a nosa memoria histórica?

A historia que me interesa é a que está nas raíces do presente, a que inflúe e condiciona o noso tempo, e as máis das veces para detectar feridas e axudar a sandalas.

E falando do Expediente Artieda (Premio Xerais, 2000), mergullácheste no heroísmo, no ánimo de vinganza… da nosa loita antifranquista xusto naqueles anos do teu nacemento e nenez… Houbo algunha circunstancia que te levase a tratar ese tema?

A gratitude coas persoas anónimas que, contra toda esperanza e en tempos escuros, entregaron o mellor de si mesmas para facer máis respirable unha realidade ante a que a maioría prefería optar pola evasión.

Por que a obra na que Urbano Lugrís é o protagonista (O señor Lugrís e a negra sombra)? Será unha reivindicación da súa obra perante a negra sombra que envolveu até o seu pasamento a este xenial pintor e incluso ao seu pai, un dos próceres do noso teatro do XX?

o-senor-lugris-e-a-negra-sombraA referencia a Rosalía tiña máis que ver co desacougo existencial do pintor protagonista, que rimaba en consoante co de toda unha xeración malograda pola grande hecatombe da guerra civil. A figura do pai non a estudei, quizais por non resultarme tan interesante, e non pinta nada no libro.

Monte Louro (Premio Blanco Amor, 2009; Premio Fervenzas Literarias)… unha obra procurando case a intriga da novela negra, pero nunha realidade que comeza na mesma República, coa pobreza, a emigración… como realidades adxacentes… Unha vez máis un percorrido novelístico á nosa memoria histórica?

Unha viaxe á memoria colectiva e mais á memoria familiar, polo berce xeográfico, polos personaxes, e polos camiños da emigración e do desterro. Tamén un argumento que serve para reflectir o deambular todo da nación ó longo dun tempo de penitencia.

Pero tamén achamos nesta túa novela un fondo traballo literario no tocante á psicoloxía dos protagonistas…

Creo que hai que circular pola vida poñéndose na pel dos demais. Hai que facelo sen ser escritor, e toca facelo, moito máis aínda, se un escribe. Non queda outra que meterse na cabeza das nosas propias criaturas literarias. Para ser todas elas. Coma Flaubert coa señora Bovary.

Tamén temos que dicir que estamos ante unha moi extensa obra… Tanto te enguedellou a historia que non eras quen de pór fin ou foi máis ben un traballo literario de anos, provisión de ideas…?

monte-louroFoi un traballo que me acompañou durante oito anos, con algún descanso intermedio, e é a novela en que máis claramente creo terme situado na liña sucesoria dos clásicos ós que tanto estimo. A literatura é tamén unha carreira de fachos, e eu quero crer que en Monte Louro me sitúo aí, recollendo a luz de Eça, Galdós, Tolstói ou Marsé, e deixándollela ós que veñan detrás…

Non cres que á nosa literatura lle falte unha maior difusión fóra, algo que dende logo tería que vir a través nun forte pulo institucional interno? Por que botamos de menos unha política cultural de apoio á tradución a outros idiomas da nosa literatura?

Fáltanlle traducións para as grandes linguas, é certo, pero só poden chegar desde un maior apoio, seguimento e agarimo dentro da casa. Ninguén vai tomarnos en serio se nós mesmos non o facemos. O Sétimo de Cabalería non pode ser máis que nosoutros mesmos.

A nosa poesía a nivel editorial no momento poida que estea a pasar polo seu momento máis crítico. Ti, que dirixes a colección “Tambo” da “Editorial Kalandraka”, que futuro lle agoiras á nosa lírica a nivel publicación? Pode ser a rede unha solución ou nun problema?

Eu vexo que a cousa vai máis ou menos coma sempre, entre nós, e que non se distingue demasiado do que ocorre noutras literaturas, mesmo as máis normalizadas. Temos unhas cantas coleccións, seguen facéndose edicións de autor, e agora ofrécese o amplo campo da Internet, máis acaído, penso eu, para a divulgación de poemas ca para a de narrativa…

Non nos gusta preguntar por preferencias filiais, mais poida que fose Alma mareira posibelmente a túa mellor obra poética?

Quero a todos os fillos por igual. Se acaso, un pouco máis ós que acaban de chegar…

Non serían moi necesarias revistas poéticas actualmente ao estilo de “Dorna”… para que as novas voces poéticas comezasen a ver luz na súa obra?

Talvez. Si. Soamente teñen que aparecer dúas persoas que se poñan de acordo entre si, ou unha que se leve ben consigo mesma. Juan Ramón Jiménez puido facelo. E aquí e agora non ten por que ser imposible. Acreditemos niso.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 3 de Xuño do 2015 | 12:18 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura