publicidade hoxe
Xosé María Barreiro - Cabecera

Xosé María Barreiro

É un dos máis firmes valores da pintura galega actual. Fundador da tendencia chamada Prismatismo, a súa obra expúxose en cidades como Niteroi (Brasil), Chicago, Miami, Madrid, Lisboa, Caracas, Bos Aires ou Ghent (Bélxica). Naceu en 1940 en Forcarei.

Xosé María Barreiro

“Comecei a traballar nos Almacéns Olmedo e un día que estaba enfermo o escaparatista propuxéronme a min substituílo, eu, que xa debuxaba de sempre, aceptei e aí comecei a deseñar escaparates e a pintar”

Que foi o que te inclinou a pintar, o que está na orixe da túa vocación?

Comecei por facer mecanografía para poder entrar nun banco, que era para o que te preparaban na miña época, pero despois comecei a traballar nos Almacéns Olmedo e un día que estaba enfermo o escaparatista propuxéronme a min substituílo e eu, que xa debuxaba de sempre, aceptei e aí comecei a deseñar escaparates e a pintar. Ademais de me dedicar a esa profesión, montei un estudio, cerca de onde estaba o cine Victoria, e comecei a pintar profesionalmente. Pero o meu soño era irme a París, así que, en canto fixen o servizo militar, alá me fun, atraído polos pintores da cor: Picasso, Matisse, Kandinsky, Raoul Dufy, e vivín a bohemia da cidade da luz. Teño durmido máis dunha noite baixo unha ponte do Sena, e algunha vez teño descargado algún camión de laranxas que viña de España para poder ter algo de cartos. Despois de estar en París volvín e establecinme en Vigo, onde volvín traballar de escaparatista e montei outro estudio na rúa de Velázquez Moreno. Na miña casa de Vigo viviu comigo Urbano Lugrís, que daquela era xa maior. Sempre tiven moi boa relación con el e con Laxeiro, que non obstante non tiñan moi boa relación entre eles.

Café Gijón con Laxeiro

Xosé María Barreiro no café Gijón con Laxeiro

Os teus inicios foron impresionistas, pero pasas por ser o fundador do Prismatismo, como se define este movemento pictórico?

A idea veume dun anticuario no que atopei un vello prisma de cristal que procedía dun tanque. O prisma descompón a luz, e aquilo quedaba moi ben plasmado no cadro. Fixen unha primeira exposición con 25 pinturas en Barcelona, pero despois desbotei seguir con aquel xeito de pintar, quen sabe, se cadra algún día retómoo?

Por que é tan recorrente a figura do gaiteiro e da música en xeral na túa pintura?

Ben, o gaiteiro é un referente noso, sobre todo cando te atopas fóra, como eu estiven durante anos. Oír unha gaita en Bos Aires non é en absoluto o mesmo ca oílo aquí na terra. Por outra parte, a música sempre me cautivou. Cando era pequeno meus pais sempre me regalaban instrumentos como unha bandurria ou unha harmónica, e a min quedoume esa paixón que vivín dende tan cativo.

O mesmo se podería dicir do circo e das ventás?

Si, o circo é un mundo tamén moi atractivo para min. Lembro cando viñera a Pontevedra o circo dos Tonetti, e eu quedei impresionado. Na Galería Durán expuxen cada dous anos cambiando de tema. Unha vez eran as Meninas, outra vez o Café Gijón, outra vez as ventás, e un ano déuseme por facer unha exposición monográfica sobre o circo. É un mundo fermoso e dinámico.

Eu considero que tanto Lugrís como Laxeiro merecen unha grande exposición tanto en Galicia como noutros lugares de España, en Madrid por exemplo. Creo que se lles debe aos dous.

Naciches en Forcarei, na Terra de Montes, como inflúe esa orixe na túa vida?

Si, nacín moi preto do Castro de Loureiro, en Dúas Igrexas. Nacer na Terra de Montes imprime carácter. Ademais, considero as xentes de Forcarei e da montaña moi boas xentes. Alí nunca hai problemas graves, nin pelexas nin agresións, son xente moi pacífica, xente boa e xenerosa.

Pintor Antonio Lopez

Barreiro co pintor Antonio López e outros

Outro feito importante da túa vida, e do que nos falaches antes, é a relación con Laxeiro e Lugrís. Fálanos dela.

Xa dixen que non se levaban moi ben entre eles, pero eu conseguín que tiveran unha mínima relación, mesmo levei a Lugrís á casa de Laxeiro nunha viaxe na que pasamos por Terra de Montes, por Aciveiro, e nos fixemos alí unha foto os tres, foto que aínda anda por aí nos meus arquivos. Lugrís pintaba daquela etiquetas para a casa Massó e outros encargos, e levaba unha vida moi bohemia. En canto a Laxeiro, vivín con el en Bos Aires e é padriño do meu fillo. Tiven con el unha grande amizade e aprendín moito con el, pero tamén el comigo. Eu influín na época colorista de Laxeiro, comezou a pintar con máis cor a partir de que viviramos xuntos. Eu considero que tanto Lugrís como Laxeiro merecen unha grande exposición tanto en Galicia como noutros lugares de España, en Madrid por exemplo. Creo que se lles debe aos dous.

Onde che gustaría expoñer que non o fixeras xa?

Home, sen dúbida na Tate Gallery de Londres, pero tamén en París, algo que non ha tardar moito, estou preparando unha exposición para ir a París. Xa participara nunha colectiva, pero nunca fixen nada individualmente, e agora quixera preparar unha para ir á cidade da luz.

Por:
Publicado o 11 de Marzo do 2013 | 7:44 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura