publicidade hoxe
Anxo Fariña: “Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas” - Cabecera

Anxo Fariña: “Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas”

anxo-farina

 

 

Anxo X. Fariña Temprano (Vigo, 1977). Ademais de ilustrador, director artístico… no ámbito literario é un dos mellores representantes contemporáneos da nosa literatura infantil e xuvenil, creando series literarias con personaxes coma Don Quixote e Breogán…, Antón e Pompón…, O pelelliño… ou actualmente cos Megatoxos… No ano 2011 resultou gañador do “Premio Merlín” coa súa obra A chave da Atlántida.

Amigo Anxo, falarmos de Anxo Fariña e falarmos de Literatura galega infantil e xuvenil será porque concorren en ti todas as características fundamentais para chegar a este público (ilustración, deseño, imaxinación…)?

Non sabería dicir que foi antes, a galiña ou o ovo, pero así é. Desde logo para min é unha sorte poder estar presente en todos os procesos creativos dun libro ou dunha colección, e gozo moito con cada paso do camiño. Todo é moi natural, cando penso nun proxecto xa o fago desde moitas perspectivas, desde a escrita, desde o deseño, desde o debuxo… Incluso xa penso na forma de promocionalo ou incluílo nos meus obradoiros creativos.

Temos visto por aí que escribes para idades de “entre 2 e 40 anos”… Non será isto algo como intentar poñerlle portas ao campo? 

Eu digo que escribo para rapaces e rapazas, de calquera idade, sen especificar o que aparece no seu DNI. Polo que descubro nas feiras, hai moitos seareiros dos Megatoxos que pasan dos 40, e que se ofenden cando lles suxiren que eses libros non son para eles. Por outra banda, este ano rematei dúas novelas que si que están dirixidas para un público máis adulto.

anxo-farina-foto-lucia-cruzPor que como compañía de D. Quixote o heroe celta Breogán (serie de “Don Quixote e Breogán”)? Será unha maneira de galeguizar a historia por moito que tamén Dulcinea estea presente? 

Podería ser, pero non só iso. Quería introducir un novo personaxe xa que os libros non eran unha versión do clásico de Cervantes, senón unha interpretación do mesmo. Para que ese novo protagonista, un neno, tivese o peso suficiente ocorréuseme tomar emprestado o nome do mítico heroe. Dous personaxes de diferentes épocas e lugares unidos nunha nova historia conxunta.

Que é primordial para ti á hora de te mergullares nestas longas historias: o didactismo, o entretemento, espertar a imaxinación… -inda que cremos que todos estes obxectivos se poidan complementar-?

Depende os libros, por suposto. Nalgúns, o punto de partida é didáctico, mentres que noutros o máis importante é a historia, o propio pracer da lectura. O compoñente didáctico moitas veces nin sequera é premeditado. Por exemplo, como cando trato o tema da natureza. Para min o respecto ao medio ambiente é algo que vai máis aló dun mero afán didáctico e, polo tanto, sempre está presente nas miñas narracións. Aínda que se teño que escoller, escollería a imaxinación. Para min a imaxinación é a máis sorprendente das facultades humanas. É a que nos permite soñar, avanzar, descubrir… Calquera das creacións humanas é froito da imaxinación dun, ou milleiros de persoas.

Es un experto en participar en campañas para a promoción do galego… Non podería ser isto un remendo máis ca un complemento á nosa normalización actual debido á situación que todos coñecemos? 

O ideal sería que fose un complemento, pero o certo é que non é así. Para poñer un exemplo ilustrativo, podo falar da miña serie dos Megatoxos. Cando comecei con ela, os libreiros sorprendíanse cando entraban os rapaces a pedir os libros por si mesmos, e non porque llos mandaran ler na escola, simplemente porque lles gustaban.

Este modo de proceder, totalmente normalizado con libros en castelán, semellaba un feito extraordinario con libros en galego. Eu síntome fachendoso de que os meus libros fosen unha excepción, pero o que me gustaría é que se mercasen todos os libros en galego igual que se fai noutras linguas.

Penso que este tipo de campañas normalizadoras debe seguir adiante, pois hai moito camiño por facer. Estes anos, coa escusa da crise, reduciuse unha barbaridade o orzamento adicado a estas campañas e á cultura en xeral. Desde logo que hai prioridades como a sanidade, ou axudar aos que o precisen, pero non debemos esquecer que a cultura é aquilo que nos define.

Poderiamos dicir que a serie dos heroes “Antón e Pompón” é posibelmente a máis didáctica de todas as series que ti escribiches? 

anton-e-pomponEn galego diría que si. En castelán teño outra que é: El jardín de Alethea para a editorial Oxford.

Agora ando argallando outra colección en galego que tamén ten un certo enfoque didáctico, e que espero estea nas librarías o vindeiro ano.

Na maior parte da literatura infantil e xuvenil hai uns protagonistas moi recorrentes: os animais. Por que apenas recorres a eles e empregas outros digamos “máis humanos”? 

Nunca reparara nese detalle, e iso que me gustan os animais. Nos meus libros aparte de humanos, abundan os seres imaxinarios. Encántanme estes últimos porque podo inventalo todo, desde o seu aspecto ao seu comportamento. É un proceso marabilloso partir de cero e deseñar un novo ser, reparando en todos os seus detalles, desde o que lle gusta comer, o seu aspecto… ata o lugar onde vive.

En dez anos máis de corenta obras publicadas… A túa imaxinación e a túa pluma non poden ter repouso… Houbo xa algún momento en que estes dous elementos creativos pasasen apuros puntuais?

Son un pouco hiperactivo.

Normalmente cando non traballo é porque estou mal fisicamente. Desde neno padezo unhas migrañas terribles e crónicas. Nalgunhas épocas, estas dores vólvense diarias, e entón, non son quen de traballar.

O ano pasado vivín unha mala época e estiven uns meses de baixa. Cando comecei a sentirme mellor, a cabeza xa me pedía comezar con outra historia, pois levaba tempo inactivo, e así o fixen. Influenciado polo meu estado físico escribín unha novela para adolescentes-adultos baseada en experiencias persoais, no que un dos temas principais é a dor. Para min, que sempre escribo ficción, foi unha experiencia terapéutica.

Que papel xogou, e xoga, a cultura “Manga” na túa obra escrita e ilustrativa?

Encántame o que denominas a “cultura Manga” e desde logo a cultura xaponesa. Como non pode ser doutra maneira, aquelas cousas que lle gustan a un, acábanse por reflectir no seu traballo. En particular síntome máis influenciado na estética, como nas ilustracións dos Megatoxos, que na forma de narrar ou nas temáticas elixidas.

Podemos observar que até o momento o número dez marca unha importante meta nas túas series… Cantos Megatoxos quedan por cobrar vida? 

Vaia, non reparara niso. Terei que analizalo…

Ben, con respecto aos Megatoxos, non quero que se converta nunha serie eterna e que os lectores non poidan rematala. Pensa que hai case dez anos que comecei a publicala, e isto supón que aqueles primeiros lectores da colección agora pasan dos vinte anos. Algún deses fans aínda me escriben para preguntarme cando sae o próximo volume.

Levo cinco libros… eu calculo que farei dous, ou tres máis. Pero, quen sabe?

os-megatoxosPor que nos Megatoxos te rexes máis polo mundo da ficción e menos polo digamos real?

Iso sempre mo preguntan os lectores e sempre respondo o mesmo: é máis divertido. Gústame crear, inventar cousas novas… mesmo gozo cando lles deseño a roupa aos “Megatoxos”. É algo innato, e déixome levar polo que me pide o corpo.

Pero como todo hai excepcións. Xa mencionei que acabo de rematar unha novela de corte realista, completamente diferente ao que fixen ata o de agora.

Cando poderemos ver obras literarias túas para “maiores de 40 anos”? 

A principios de 2016 se todo vai ben.

Ah, e iso de debuxar, ilustrar… con música de Frank Sinatra…? 

Sempre escoitei todo tipo de música, e na época que fixen o meu primeiro libro para “A Nosa Terra”, descubrín os crooners, e con eles a Frank Sinatra. Cando debuxo, sobre todo para infantil, gústame acadar un estado de ánimo especial, e este tipo de música conecta con esa parte de min mesmo.

Nalgún momento a túa pluma colleu liberdade e ti tiveches que fanarlla porque se ía dos límites polos que te rexes para o teu público lector? 

Cando penso nun libro, penso a que público quero dirixilo e concéntrome nese rexistro. A experiencia, e o meu contacto cos lectores, axúdanme a non perder o norte. Pode acontecer que mentres escribo xurda unha idea máis complexa do que debería para ese manuscrito en concreto. Cando é así, gárdoa para outra ocasión.

O teu contacto directo cos nosos xoves é realmente salientábel… Non cres que esta proximidade debese ser algo máis cotiá para achegar a literatura de noso como algo divulgativo e normalizador?

Sen dúbida. Para min é algo fundamental. Nos meus encontros non só falo de libros, falo de creatividade, de arte, de imaxinación… trato de mostrarlles aos rapaces que outro camiño é posible. E iso sen contar o que eu aprendo deles neses encontros.

a-chave-da-atlantidaNo ano 2011 acadaches o “Premio Merlín” coa túa obra A chave da Atlántida… O Atlántico, as Illas Cíes… Cando e como lle comezaches a dar forma a esta novela? 

Un día, mentres estaba a preparar unha guía de viaxes sobre a comarca de Vigo, tiven a ocasión de permanecer un día nas Illas tomando fotografías. Puiden percorrelas en tranquilidade e soidade, pois só estaban os gardas e non había máis visitantes. No Alto da Campá, sentado na pedra que leva o mesmo nome, foi cando argallei a trama principal e a hipótese de que a Atlántida era en realidade unha cidade coa capacidade de trasladarse polos océanos. Unha facultade que a faría invisible incluso no mundo actual.

Poida que o xerme fose incluso anterior, pois no libro aparece o primeiro ser humano artificial, e desde neno sentín unha fascinación absoluta polo mundo dos robots.

Sempre dicimos que os fillos son todos iguais, pero tras un tempo convivindo con Antón e Pompón, con Don Quixote e Breogán, co Pelelliño, cos Megatoxos… con quen te sentiches máis a gusto?

Os “Megatoxos” déronme moitas satisfaccións, pero os “Pelelliños” son moi, moi divertidos. Aínda agora me sorprendo de que uns libros en aparencia tan simples, teñan tanto éxito entre os máis pequenos. Ben, e non só os pequenos. Cando debuxo un “Pelelliño” en directo, ás veces os sorrisos dos pais son máis amplos que os dos nenos.

Non podiamos deixar de che preguntar por “A Nosa Terra”, dende logo. Que significou para ti e para Galiza e para o noso idioma e literatura?

Para min foi a casa onde eu nacín como escritor, e iso é moito. Os comezos non foron fáciles, pero débolle a miña gratitude á editorial polas oportunidades que tiven sendo un autor descoñecido.

A nivel histórico, o que acadou “A Nosa Terra”, é algo do que moitos poderán falar mellor ca min. Unha mágoa como rematou todo.

os-pelellinosQue sentiches cando viches como ía esmorecendo?

Tristura, moita tristura. Amigos, profesionais da cultura, moi boa xente implicada nun proceso desastroso e sen sentido.

Logo, sentín carraxe polo trato recibido por algún sectores. Ademais de que me deixaron unha grande débeda económica, tiven que ir a xuízo para poder recuperar os dereitos dos meus libros e poder seguir traballando. Foi horrible, sobre todo porque eu confiaba en algunhas persoas que logo se puxeron na miña contra sen eu facer nada para merecelo, simplemente por reclamar o que era meu.

E para rematarmos, tamén a túa pluma adoptou o castelán para chegar ao público infantil e xuvenil… pero cando neste idioma os teus heroes “galegos” traducidos? 

Polo de agora non podo dar datas concretas, agardo que sexa pronto.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 15 de Xullo do 2015 | 11:01 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura