publicidade hoxe
Xoque Carbajal, actor e fotógrafo - Cabecera

Xoque Carbajal, actor e fotógrafo

xoque_carbajal1

Xoque Carbajal é un actor e fotógrafo galego, dúas veces nominado ós premios Goya de fotografía publicitaria. En 2005 crea a compañía de teatro “Malasombra”, na que fai diversas montaxes como “Non é tan fácil”, “O día do pai”, “GO ON!” ou “Smoke city”. Combina a súa actividade teatral con traballos de TV e cine como “Poland night” de Martin Gouvreau, “Frio” de Román Gutiérrez ou “Todo es silencio” de José Luis Cuerda.

Tempos de crise para o cine, para o teatro, para as artes escénicas ¿non si?

Tempos moi duros! Estamos todos vivindo uns tempos moi difíciles, só hai que botar unha ollada ao noso arredor, pero no noso sector isto acentúase aínda máis.

comillas_openFalamos dun sector moi delicado, onde por primeira vez se estaban a ver creacións feitas aquí con gran recoñecemento de público e crítica fóra das nosas fronteiras

Falamos dun sector moi delicado, onde por primeira vez se estaban a ver creacións feitas aquí con gran recoñecemento de público e crítica fóra das nosas fronteiras. Poderiamos falar de produtoras, directores, creadores musicais, actores e actrices, etc. a quen reclaman dende fóra. E isto non é froito da casualidade, é grazas a un bo traballo que se estaba a facer en Galicia dende hai un tempo. Agora con esta crise todo isto está parado, é unha pena.

Todos os sectores sufriron recortes, pero no noso foi tremendo. De feito, houbo certas partidas que non se recortaron, elimináronse directamente. Elimináronse determinadas axudas tanto a cine como a teatro, elimináronse algunhas redes de distribución… e aquelas nas que non se eliminaron o recorte foi brutal, de mais do 50 ou 60% na maioría dos casos. Así que nos queda seguir pelexando dende as trincheiras e intentar sobrevivir.

Cómo foi a experiencia de traballar ás ordes de José Luis Cuerda?

Foi unha experiencia moi bonita. Saber que estás ás ordes dunha das lendas do noso cine é moi emocionante. Tiven moita sorte por que é un director que sempre me gustou moito. “Amanece que no es poco”, “O bosque animado”, “A lingua das bolboretas”, todas películas marabillosas e saber que na seguinte vas estar ti, faite sentir privilexiado.

O teatro galego anda mal economicamente, pero ¿Como anda artisticamente?

comillas_openTes que pensar moito que tipo de produción vas facer e pode que non optes pola mellor, se non pola que ten mais posibilidades de saír adiante

Eu creo que todo vai da man, cando non hai diñeiro, non hai funcións, os concellos non contratan… Tes que pensar moito que tipo de produción vas facer e pode que non optes pola mellor, se non pola que ten mais posibilidades de saír adiante. Como xa dixen, hai moi bos profesionais, pero sen diñeiro pódese facer moi pouco. Estamos a falar de teatro profesional, no que son imprescindibles actores e actrices, directores, escenógrafos, músicos, autores, etc. E aínda por enriba falamos dun montón de persoas que temos a manía de comer todos os días, de manter os nosos fillos, de pagar un aluguer… excentricidades seino, pero aí está e sen diñeiro é moi complicado.

xoquecarbajal06Cales foron os teus inicios –tardíos– na escena?

En Ouzande (A Estrada) onde vivín, faciamos teatro dende que tiñamos 5 ou 6 anos, máis tarde no instituto. Despois deixeino unha tempada e retomeino de adulto. Nunca pensei en dedicarme profesionalmente a isto, pero Eva Vila, unha actriz que estaba a dar un curso ao que asistín, foi a que me convenceu de ir a unha escola, e iso fixen. Matriculeime en “Espazo Aberto” e estívenme a formar durante tres anos. Cando estás na escola vas vendo as posibilidades de que deixe de ser unha afección por unha profesión. Empezan a saír os teus primeiros traballos e pouco a pouco vas facendo o teu camiño. Eu combinei durante os primeiros anos a fotografía, da que vivía, coa interpretación. Despois montei a compañía “Malasombra” e en pouco tempo convertémonos nunha das compañías que máis estaba a traballar en Galicia, así que non quedaba demasiado tempo para a fotografía, e pasei a dedicarme case en exclusividade á interpretación

É dura a profesión?

Cando tes que preparar unha personaxe, ao principio non tes nada e tes todas as posibilidades. Pode ser como ti queiras, ti es quen o crea, quen lle pon voz, quen decide como se move, como mira, como fala, como respira…E todas esas decisións tómanse despois de longas horas de traballo.

Si, é unha profesión moito máis dura do que parece dende fóra. Son sempre moitas horas de traballo e un exercicio extraordinario de busca no teu interior. Cando tes que preparar unha personaxe, ao principio non tes nada e tes todas as posibilidades. Pode ser como ti queiras, ti es quen o crea, quen lle pon voz, quen decide como se move, como mira, como fala, como respira…E todas esas decisións tómanse despois de longas horas de traballo. Pero tamén é unha parte moi emocionante, como dicía Sabina, poder poñerte “no traxe e a pel de todos os homes, que nunca serei” e a quen non lle gustaría vivir moitas outras vidas, aínda que sexa por un anaco. E enriba que che paguen por iso, é marabilloso.

Que lles dis ós que neste momento se están formando como actores e actrices?

Pois que vai a ser duro, que vai ser moi difícil atopar traballo, que hai outras profesións nas que gañarán máis diñeiro e terán máis posibilidades de traballar, pero que na vida un ten que pelexar polo que quere. Só se vive unha vez e paga a pena intentar cumprir os nosos soños.

go_on_xoque_carbajalPor último, recoméndanos unha obra de teatro para ver estes días. Ou mellor, dúas, unha da túa propia compañía e ou tra da “competencia”

Recoméndovos o traballo dunhas compañeiras que se titula “As do peixe” Montaxe dirixido por Cristina Domínguez, cun texto de Cándido Pazó e interpretado por Casilda Alfaro, Mónica Camaño, Susana Dans e Rocío González, que mostran unha visión sobre o mundo das mulleres galegas na conserva, un dos principais motores da modernización de Galicia.

E vouvos recomendar dous máis da nosa compañía “Malasombra”. Unha é “Misión sapiens” escrita por Jose Luís Prieto e na que estamos Luís Iglesia, Jouse García, Xabier Deive, Marcos Orsi e eu e a outra é “GO ON! ” Montaxe co que levamos 3 anos e aínda se sigue a representar, na que estamos Jouse García e eu e que se poderán ver nun montón de teatros a partir de outubro. Así que os que queiran pasar un bo rato, poden ver o calendario na nosa web www.malasombra.eu

Todos ao teatro e a disfrutar!

Por:
Publicado o 28 de Agosto do 2013 | 3:21 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura