publicidade hoxe
María López Sández: A escritora á que lle gustaría ser unha nube - Cabecera

María López Sández: A escritora á que lle gustaría ser unha nube

maria-lopez-sandez-2

María López Sández (Lugo, 1973) é unha das voces narrativas máis prometedoras da Literatura Galega segundo a crítica especializada a pesar de levar aínda pouca produción publicada. A nivel narrativo cómpre salientarmos a súa obra A forma das nubes (Premio Narrativa Breve Repsol, 2012), obra coa que obtivo un fondo recoñecemento e un espazo propio na nosa literatura. Tamén temos que salientar o seu ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, 2007). E xusto nestas datas está dando os seus primeiros pasos a súa última obra titulada O faro escuro, obra que explora, a través dos mecanismos da intriga e a violencia propios do xénero negro, o peso da intuición e a razón na súa íntima relación coa construción do xénero.

Amiga María, que se sente cando a crítica literaria está a falar de ti como unha voz narrativa do máis prometedor? Impón ou anima?

Eu coido que calquera reacción positiva anima sempre. Tampouco é que eu o percibise así tan categoricamente. Por exemplo, desde o principio sentín tamén reaccións de estrañeza ante unha obra narrativa, de ficción, despois do ensaio, como se houbese unha incompatibilidade entre a tarefa crítica e a escrita de ficción. Nese sentido, a verdade, síntome moi libre, non creo que me condicionasen excesivamente as reaccións. Pero dito iso, si, calquera recoñecemento ou valoración positiva dá sempre pulos para continuar.

Mergullácheste de cheo na Filoloxía (galego-portuguesa, inglesa, hispánica). Foi isto o que te levou a adiar a túa entrada no ensaio e na narrativa?

Máis que os estudos de filoloxía, talvez o adiamento obedeza aos anos de tese, no sentido de que esta implicou unha tarefa intelectual máis racional, impuxo un estilo de pensamento moi distinto ao da escrita ficcional. De algunha maneira, rematada esta, dediqueime a explorar un xeito distinto de pensamento e coñecemento, un que implica máis o traballo co subconsciente, co irracional. A tese, que se plasmou en Paisaxe e nación, enriqueceume moito, permitiume aprender sobre o funcionamento do mundo e de min mesma nun sentido, pero a ficción explora outros camiños, traballa con outros mecanismos. Tamén, cando menos no meu caso, os anos traen certas perdas e crebas na vida ás que para enfrontarse o racional non basta, e así chegou un momento no que verdadeiramente necesitei a ficción.

paisaxe-e-nacionAno 2007 no que ves recompensado o teu traballo co premio Ramón Piñeiro de Ensaio polo teu ensaio Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio. Como naceu este ensaio?

O ensaio é o resultado dos oito anos de lecturas e reflexións que dediquei a facer unha tese de doutoramento. Por que nun primeiro momento escollín ese tema? Porque me permitía achegarme a varios campos do meu interese: en primeiro lugar, á reflexión sobre como se constrúen as ideas sociais, como se estabelecen as percepcións colectivas; logo, o funcionamento ideolóxico da arte en xeral e a literatura en particular; e tamén, claro está, a paisaxe e a identidade galegas. Foron anos intensos na pescuda intelectual, nos que fixen moitas lecturas, e o ensaio é a decantación de todo iso nun intento de facelo menos académico e especializado do que necesariamente é unha tese de doutoramento, facéndoo chegar a un número máis amplo de lectores.

Por que esa simbiose entre a paisaxe e o país, a nación? E claro, unha paisaxe vista desde diferentes ópticas conducentes todas a amosar o propio dun país, neste caso de Galiza… Canto tivo que ver na creación deste ensaio a túa especialización verbo da relación literatura-paisaxe?

A paisaxe e a lingua constitúen as principais condicións simbólicas da nación. Así se constituíu no paradigma romántico, ao abeiro do cal xurdiu o nacionalismo e do que derivaron os procesos de construción nacional. A paisaxe interésame en si mesma, en tanto que constitúe un dos campos de máis forte investimento estético, é un dos grandes temas literarios, que deu orixe a un grande número de tópicos (locus amoenus, locus horríbilis…), é fundamental na xeración de atmosferas. Como lectora, desde sempre exerceron sobre min unha especial fascinación os textos moi espaciais, aqueles nos que se xeraba unha atmosfera potente. Reflexionar sobre a paisaxe permitíame todo iso e asemade analizar os mecanismos de construción da percepción colectiva, os mecanismos do imaxinario, tan importantes cando se trata de influír na captación estética e decisivos na creación de valores e identidades colectivas.

E tomando como referentes tres obras literarias galegas demasiado significativas de tres épocas moi importantes para Galiza e para a nosa literatura (Cantares Gallegos -Rexurdimento-, Arredor de si -Grupo Nós- e Retorno a Tagen Ata -fins da ditadura-). Por que estes referentes para o teu ensaio?

Ao comezar un traballo de investigación da magnitude dunha tese o normal é pecar de exceso de ambición. Nun principio supoño que eu aspiraba a contemplar a totalidade da literatura galega e maila irlandesa, porque de feito nun comezo a intención era facer unha tese de literatura comparada. Pero despois de seis anos atendendo ás dimensións teóricas, lendo todo canto había escrito sobre a modalidade descritiva, e canto puiden abranguer sobre espazo e paisaxe, sobre nacionalismo e imaxinarios sociais, decateime de que para a parte práctica tiña que acoutar ou non remataría nunca. Decidín pois restrinxirme á literatura galega e nesta facer unhas calas que fosen significativas, que pechasen en si mesmas o percurso histórico. E cando se trata de falar de imaxinarios so-ciais, cómpre escoller obras e autores con transcendencia, que sexan retomados nunha rede intertextual, porque todo iso é o que garante a proliferación necesaria para que as súas propostas teñan impacto e valor instaurativo nos imaxinarios sociais. Nun comezo, no título da tese, partía de Pondal; pero decateime de que o auténtico éxito instaurativo correspondía a Rosalía. Axiña se me fixo evidente que o fío máis relevante, o que permitía unha maior representatividade do que eu quería estudiar, era o estabelecido por Rosalía, Otero e Ferrín.

marial-lopez-sandez-3E aquí encontramos a Galiza personalizada nun corpo de muller: beleza e tamén machismo… unha Galiza sometida igual que a muller está sometida a un patriarcado social…

Ningunha escolla do imaxinario é inocente e toda elección, independentemente da intención primeira que a guíe, pode ter efectos inesperados. Cando Rosalía constrúe a percepción da paisaxe galega como feminina faino cunha intención dignificadora, tanto da paisaxe como das súas xentes -cómpre ter en conta que isto en Rosalía ía ademais unido a unha postura feminista, como se ten salientado nos achegamentos críticos recentes-, pero o discurso dominante usou este trazo para desartellar a potencia política desa construción. Neste sentido compréndese mellor a suposta misoxinia pondaliana, o feito de que el intentase unha construción de signo diferente, que procuraba a asimilación cos valores masculinos da agresividade e a loita. O éxito instaurativo correspondeu á imaxe rosaliana, pero o discurso dominante, patriarcal e antinacionalista, atopou unha vantaxe en asociar Galicia co estereotipo feminino, sen dúbida.

Para despois aparecer Galiza como aquela “Terra Nai”, vista desde a óptica masculina, unha óptica erótica… algo que emana da literatura ferriniana…

O que fai Ferrín é, como analizo na tese e en Paisaxe e nación, un xeito intelixente de seguir a presentar o imaxinario paisaxístico galego nun momento no que xa se desvelara na súa construción. Faino dun xeito autosinalado, consciente, que evita calquera acusación de inxenuidade; mais que permite seguir afirmando e revisitando, con fermosa nostalxia, aqueles espazos tanto máis belos porque foron literaturizados e construídos a través dunha rede textual. Ferrín é a perda de inocencia do imaxinario paisaxístico que, malia todo, consegue reter o seu engado.

Cando alguén che preguntou (coido que Ramón Nicolás) qué che gustaría ser, ti contestaches que “Unha nube”, por que? Pola súa morfoloxía, polo fuxidío ou por impedir a claridade do sol?

Pois supoño que pola elevación, porque suxire unha perspectiva zenital, na que todo se pode ver e -metaforicamente- comprender. E porque ao mesmo tempo é cambiante, libre, reconstrúese ante os nosos ollos para adoptar calquera forma, non se deixa apreixar.

E falando de nubes, chegamos á túa obra narrativa tan representativa A forma das nubes… Ten que ver este título co visto na pregunta anterior?

Si, no dobre sentido que acabo de sinalar. Porque a protagonista da novela é consciente en si mesma da incurable necesidade de interpretar e de entender, mesmo sabendo que iso implica unha ansiedade e unha dificultade para ser feliz. As nubes son a metáfora perfecta dun escenario cambiante, cheo de signos posibles, pero nos que calquera interpretación, a visión de calquera forma, se perde irremediablemente.

a-forma-das-nubesA crítica literaria foi unánime á hora de xulgar esta obra pola súa calidade… mais, o principal crítico dunha obra é o/a autor/-a cando remata de escribila… Fuches ti consciente ao lle dares remate que acababas de escribir unha moi boa obra?

Digamos que, unha vez rematada, gustoume, e iso foi suficiente para dar o seguinte paso e presentala ao premio. E tamén é certo que a relación coa propia obra, cando se ten a dedicación ou o gusto por ler e interpretar, é unha experiencia curiosa, que non se pecha coa publicación. Certos aspectos, algunha das escollas, desde as máis estruturais ás aparentemente triviais, só se revelan enteiramente máis tarde, andando o tempo. Nese sentido a obra segue viva en min, porque pode ocorrer, e ocórreme de feito, que unha determinada pasaxe, un elemento narrativo, se me presente nun momento a xeito de revelación. Curiosamente é algo que me ocorre especialmente cando vou conducindo soa, que é unha situación que xera unha especie de calma meditativa especialmente lúcida. E mesmo nese proceso posterior A forma das nubes seguiume gustando.

Ultimamente vemos que a viaxe está moi presente nas tramas da novela galega (Rosa Aneiros, Xavier Queipo… e ti mesma nesta novela). Como xustificar o emprego desta viaxe (persoal, física…) na trama novelesca?

En realidade non é algo que suceda ultimamente, senón que vén ocorrendo desde sempre, desde a Odisea homérica. O camiño, a viaxe, é a máis potente e ubicua metáfora existencial. Nas novelas de formación, a viaxe adoita acompañar o traxecto interior, e diso hai tamén exemplos sobranceiros entre os clásicos da literatura galega, como non podería ser doutro xeito. A viaxe é aventura, exploración, saída do eu e autocoñecemento. Hai xéneros enteiros, como a picaresca ou a novela de aventuras e exploración que se constrúen sobre este motivo. A viaxe exerce unha forte atracción e está chea de potencial narrativo. Xa en Propp toda narración adoitaba unha forma de viaxe, de saída ao outro reino, porque todo crecemento implica saír dunha mesma e iso é xa, en si mesmo, viaxar. A iso hai que sumar que nas narracións clásicas, e aí está outra vez a Odisea, a muller adoitaba ficar estática, encarnar esencias, agardar; o xiro dos últimos tempos é esa incorporación da muller á viaxe e á aventura, á vida, en suma, como reclamou Xohana Torres nese poema que chegou a ser un auténtico manifesto do feminismo galego e co que titulou o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

Tamén vemos que o emprego da primeira persoa narrativa é algo bastante cotián…

Foi a opción modalizadora absoluta do Romanticismo, coa súa obsesión pola expresión do individuo; cedeu logo ante o afán cronista do Realismo e recuperouse, sen monopolio, ao longo do século XX. Hai algo potente na narración en primeira persoa e está en moitas das narracións e dos autores que me gustan especialmente, desde Stefan Zweig a Kazuo Ishiguro. Unha terceira persoa cun uso eficiente de estilo indirecto libre, por exemplo, pode gustarme moito tamén; pero sen dúbida A forma das nubes admitía unicamente a primeira persoa: é o eu quen mira as nubes, quen intenta ver formas, interpretalas.

maria-lopez-sandez-1Identificar un personaxe cunha simple letra (nesta novela é “C”) permite unha maior universalidade deste personaxe ou cal pode ser a causa?

Pois, como teño contado, nun comezo foi un xeito de demorar a denominación; mais logo foime resultando suxestiva. C é unha forma aberta, a máis semellante a un interrogante. C e D, xuntas, pechan un círculo, a forma da totalidade, a da perfección que só existe en O.

E se nas bases deste certame non houber un límite na súa extensión, poderiamos estar perante unha novela moito máis longa ou simplemente narraches o que quixeches?

Foi concibida desde o comezo como unha narración breve. Foi moi intensa no seu proceso de escritura e a súa propia estrutura, caleidoscópica, de escenas que en si mesmas completan unha imaxe de puntos que xuntos constrúen a historia, esixe intensidade e brevidade. Seguramente para facela máis longa habería que aplicar nela outros recursos narrativos. É unha narración sen partes de transición. Que conste que son consciente de que para acadar certas atmósferas hai que usar este tipo de escenas, cambiar os ritmos, e a min mesma me gustan algunhas narracións moi longas, atmosféricas e descritivas; pero este é outro tipo de narración: máis espida, sen espazos intermedios, só os puntos iluminados.

Outra circunstancia que cremos importante nesta novela -algo que cremos máis difícil cá propia linealidade temporal- é o xogo co tempo narrativo… por que este xogo pasado-presente ou á inversa?

Porque así é a identidade, o xeito en que construímos ese relato da nosa vida que somos nós. Aínda que talvez a día de hoxe ese relato, como tantos outros metarrelatos, xa non sexa importante. Pero para C. si. A súa necesidade de sentido, a propia metáfora das nubes, significa iso: que ela quere construírse como un relato coherente, integrar as crebas, e para iso necesita mirar atrás e comprender, porque no pasado atopa iluminación para o presente e porque ela se ve a si mesma como o fío mesmo que atravesa e tece o tempo e a narración.

Nesta novela case todo ten un referente (estamos a falar dos diferentes sentidos): a sensualidade, o erotismo… Non é unha temática tremendamente difícil para desenvolver nunha trama narrativa sen caer en banalismos?

Ao meu modo de ver a sensualidade e o erotismo aparencen n’A forma das nubes dun xeito natural, nin máis nin menos relevante ca na vida. Non comparto algunha interpretación da obra que se fixo en clave erótica; para min é existencial, pero o erotismo forma parte da existencia. Non hai, iso si, a censura que adoita haber das escenas sexuais nas narracións que non son explicitamente eróticas. A estas escenas dáselles o seu lugar e a súa importancia, porque constitúen parte importante da construción de C. e da interpretación que ela fai da vida.

A paisaxe (o mesmo ca no teu ensaio do que falamos ao comezo) ten unha verdadeira presenza nesta obra… Será que, como dixo un tal Joaquín Araújo, “A paisaxe é un presente do pasado”?

A paisaxe, a natureza, é un dos temas máis antigos da literatura e tamén unha das fontes máis importantes de metáforas existenciais. Falabamos da viaxe, do camiño, pero aí están tamén o mar ou o río. A paisaxe está tamén intimamente ligada ás emocións. O correlato obxectivo do que falaba T. S. Eliot atopa a miúdo na paisaxe o xeito de expresar a emoción. N’A forma das nubes ese mundo que se presenta á ollada, expresado paradigmaticamente nas nubes, é un enigma, un puzzle que quere ser descifrado, como se nese desvelamento do exterior unha fose atoparse a si mesma. É o mundo, que nos interpela, que nos reflicte e nos desvela.

No ano pasado tamén te vimos alá por Alemaña falando da nosa literatura… Até cando teremos que seguir dependendo de entidades coma Galaxia… para que a nosa literatura traspase fronteiras mentres que a nosa Administración siga na sombra, máxime nesta época marcada polo feito dixital?

o-faro-escuroCreo que a miña participación no Festival Primeira Novela de Kiel ten que ver realmente coa diáspora galega, co feito de que en Kiel existe un lectorado de galego, no que está neste momento a poeta Antía Marante, e que alí está tamén un profesor de orixe galega, Javier Gómez Montero. Eu de feito visitara Kiel xa no ano 2006, no marco dun programa europeo de mobilidade de profesorado e estudantado que xiraba sobre a análise das cidades europeas. Así que iso facilitou que coñecesen alí a miña novela e como o festival está xustamente orientado a reunir a un conxunto de autores europeos cunha primeira novela publicada -coa excepción do mundo anglosaxón, ao que xa se lle supón maior facilidade para atopar foros de expansión- recibín a invitación. Foi unha ocasión magnífica de coñecer autores e autoras doutras literaturas, algunhas tan minorizadas como a galega e outras tan relevantes como a francesa, por exemplo. Fixemos lecturas na belísima Literaturhaus de Kiel, escoitamos partes da nosa obra traducidas ao alemán, participamos en debates e discusións… Estou segura de que é unha experiencia que non esqueceremos ningún dos doce autores que participamos. Tamén estaban presentes os editores. No meu caso, Carlos Lema non puido vir e acompañoume Francisco Castro. Tamén desde ese lado, o dos editores, creo que foi un encontro fascinante.

Para cando nova narrativa? E outros xéneros?

Pois, de xeito inminente. Está xa aí… Outros xéneros, iso aínda non, de momento vou ficar un pouco máis nos terreos explorados. Non se pode estar dando sustos todo o tempo.

Moitas grazas, amiga María, e a seguires facéndonos soñar…

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 11 de Marzo do 2015 | 10:49 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura