publicidade hoxe
Paula Carballeira: “Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira” - Cabecera

Paula Carballeira: “Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira”

paula-carballeira-co-libro-o-principio

Paula Carballeira (Fene, 1972). Escritora especialmente coñecida pola súa faceta como contacontos, pero que ten unha moi longa traxectoria en obras narrativas de Literatura Infantil e Xuvenil (Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico // Smara // A casa redonda…) así coma tamén no teatro para estas mesmas idades (Pressing catch // O refugallo…), sen esquecermos tamén a súa poesía (Contatrás). Ademais tamén temos que nos referir á súa obra narrativa O lobishome de Candeán. Así mesmo é moi coñecida como actriz en series televisivas coma “Pepe o Inglés” ou “Libro de familia”.

Amiga Paula: como te expresas máis a gusto, como contacontos ou como actriz? Canto de interacción hai entre estes dous apartados?

Pois coido que non podería escoller, porque son actividades complementarias. Narrar contos é a maneira máis directa e inmediata de entrar en contacto tanto co público como coa ficción. Sendo actriz, adoptas o punto de vista dun personaxe e traballas en equipo con outr@s profesionais. A soidade aparente de quen conta contos (digo aparente porque sempre estamos acompañad@s polo público) tamén pode xurdir en escena con outr@scompañeir@s, pero como contrapartida entras en contacto con facetas de ti que descobre o personaxe. Das dúas maneiras desenvolves unha ficción diante de quen te ve e quen te escoita, e esa ficción se converte na nosa realidade durante o tempo dunha función.

Por que cando pensamos nun ou nunha “contacontos” sempre se nos vai a mente cara idades máis temperás? Non ocorrerá como cando marcamos uns estremos demasiado chamativos entre obras literarias para diferentes idades?

Tradicionalmente non existía diferenza por idades á hora de contar as historias. Foi despois, coa transformación da sociedade, que comezamos a establecer límites, fronteiras, baixo o pretexto dun mellor aproveitamento. Para min, a diferenza é puramente formal, no tipo de linguaxe que empregas, porque os contos teñen moito que ver coa experiencia vital e basicamente os seres humanos temos preocupacións esenciais moi semellantes: amor, morte, dor, felicidade… que non se expresan igual aos 8 que aos 48 anos.

Existe algún motivo persoal que te levase a te mergullar no mundo dos contacontos ou foi unha simple circunstancia vital? 

No meu caso, o gusto por inventar, escribir e contar historias xa estaba presente na miña vida, de feito decidín estudar Filoloxía por un interese vocacional. O feito de “vivir do conto”, é dicir, o feito de adicarme profesionalmente á narración oral tivo moito que ver coas circunstancias culturais que se daban en Galicia hai máis de 20 anos e na recuperación en toda a Península Ibérica da narración oral contemporánea.

paula-carballeira-actuandoDeducimos en ti unha gran precocidade á hora de escribires -con 16 anos gañaches un segundo premio “O Facho” coa obra A morte do mar-… A que se debeu esta precocidade?

Tiveron moito que ver os meus profesores daquela época, xa en E.X.B., unha das miñas mestras estaba moi interesada en promover a lectura, e polo tanto a escritura, en galego, alén da promoción cultural que se facía daquela no meu concello (Fene) e o apoio da miña familia.

Canto de Paula Carballeira hai nas túas personaxes? -ti mesma tes confesado que te “disfrazaches en peles de personaxes”-… 

Nos meus personaxes está toda Paula Carballeira, só que selecciono dentro de min os rasgos que mellor lles van e intento ver cara a onde me levan. Interpretar un personaxe é toda unha aventura, tes que arriscarte e deixarte ir da man da persoa que dirixe, explorando as túas posibilidades como intérprete de emocións, de movementos, de ficcións.

Naquel fervor teatral finisecular creouse no ano 1995 unha compañía teatral (“Berrobambán”) que marcou un fito importante para o noso teatro infantil e xuvenil. Que supuxo este grupo teatral para a vinteaneira Paula Carballeira?

Berrobambán para min foi unha porta aberta ás posibilidades dun teatro infantil ou familiar tratado con toda a seriedade que as propostas para este público merecen. Chiqui Pereira, que foi quen primeiro me pediu unha colaboración coa compañía e despois me propuxo formar parte dela, quería fomentar a creación de textos de teatro infantil, e tamén favorecer unhas programacións estables onde as compañías que traballasen teatro infantil puidesen amosar as súas propostas. Así naceu “Asteroide B-612”, coa colaboración da “Sala Nasa” e dos Concellos de Ferrol e Santiago. Visto desde agora síntome moi orgullosa de ter contribuído ao asentamento do teatro infantil en Galicia con propostas de calidade e coa escoita precisa a este tipo de público que merece todo o noso respecto. Berrobambán foi clave neste sentido. Grazas a Berrobambán seguín este camiño.

E aquí verás estreadas dúas pezas teatrais túas (Ludovico Petos e tamén Xuvenca e Cochón estrelas da canción)… Por certo, dúas pezas ás que lles ocorreu coma outras moitísimas pezas teatrais, que permanecen no anonimato editorial… Non conviría dunha vez que se tratase de ir recolleitando o noso teatro como feito de transmisión ás novas xeracións, algo que ti mesmo tes abondo reivindicado? 

Por suposto que habería que facer ese traballo. Hai moitas pezas de teatro que se perden por este motivo, pola falta de interese nunha selección e publicación de obras que naceron cunha intención de permanecer no tempo, porque o seu estilo e a súa temática aínda responde a cuestións esenciais da infancia. É algo que acontece con todo o teatro como xénero, faltan coleccións específicas e un tratamento dos textos teatrais fóra da marxinalidade. As peculiaridades do teatro permitirían, ademais, que os textos cobrasen vida con representacións ou lecturas dramatizadas. Falta unha aposta neste sentido, na da promoción e difusión das propostas dramáticas que polo momento están relegadas ás compañías que realizan as montaxes ou á publicación por ter recibido un premio.

No 2011 unha obra túa volve a acadar o “Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil” (O refugallo) -premio que xa acadaras cinco anos antes coa obra Boas noites-. Que sentiu Paula Carballeira ao ver esta premiada obra na escena no 2013 -posta en escena por “Berrobambán” e por “Bichakadela”- e participares como actriz na posta en escena? 

Coido que para calquera autora é un agasallo ver a túa obra en escena, e aínda máis se quen fai o traballo son persoas do teu equipo coas que levas toda unha experiencia e compartes un determinado punto de vista artístico. Como actriz, foi moi divertido. Eu non entendo o teatro sen diversión, sen xogo, e diso había tanto en escena que era como cando xogaba cos meus irmáns de pequena. Ademais, o universo construído ao redor do texto, froito de improvisacións, de traballo en equipo, sempre enriquece a proposta inicial e acaba sorprendéndome, que é outra das cousas marabillosas do teatro, e máis se participas como actriz, descubrir como as ideas dos demais acaban confluíndo nunha montaxe coordinadas e dirixidas neste caso por Chiqui Pereira, que coñece perfectamente o meu imaxinario.

Ah, e falando da obra anterior… unha firme aposta polo didactismo e polo ecoloxismo, non? 

Calquera obra para calquera público ten unha mensaxe. Aborrezo a obviedade neste sentido, pero con todos os temas que hai para a reflexión escollín pensar sobre esta sociedade de consumo que non pensa nas consecuencias da súa voracidade e no concepto de refugallo no seu sentido máis amplo, por exemplo, en que non só os obxectos que consideramos obsoletos forman parte do refugallo, tamén moitas persoas entrarían a formar parte dese concepto. A miña intención era facer pensar sobre os valores da nosa sociedade, sobre o que chamamos “útil” ou “en desuso”, sobre o que desbotamos e co que nos quedamos, aínda que ao facelo de maneira teatral o compoñente lúdico e o lirismo das imaxes pretendían non caer na moralexa fácil.

paula-carballeira-actuando-en-o-refugalloE o complemento musical á posta en escena da obra anterior precisamente con instrumentos reciclados… digno complemento á temática… 

Pois si. Para iso contamos con Nacho Sanz, da compañía Bichakadela, un percusionista incrible que esperta os sons de obxectos que consideramos mudos. Foi un complemento ideal, baixo o meu punto de vista.

Escribir e contar contos para idades máis temperás require imaxinación, compromiso… pero cando falamos de versos, iso xa é outra cousa, e estamos a nos referir ás túas obras poéticas de Contatrás… 

A poesía require se cadra maior imaxinación, maior compromiso, como dis, hai que seleccionar moi ben as palabras, escoitar a súa música, debuxalas no papel. Para min a poesía sería a linguaxe universal, porque nela se crean xogos, melodías, imaxes, todo un mundo.

E para amosar unha vez máis a interdisciplinariedade entre xéneros, achamos a versión teatralizada das anteriores obras poéticas so o título de A folla máis alta… Sería buscando unha maneira mellor de chegar ao publico máis novo ou foron outras as circunstancias? 

Con A folla máis alta pretendemos demostrar que ás veces a nosa condescendencia co público infantil non nos deixa descubrir que a súa capacidade de evocación, de entrar na ficción do xogo teatral, lles permite atopar respostas para desenvolverse no mundo que nos rodea. Desde a poesía, os ritmos, as coreografías de movementos e o humor, sorprendémonos coa boa acollida que o espectáculo tivo por parte do público e, ao mesmo tempo, puxemos o noso gran de area para contribuír ao emprego de formas teatrais contemporáneas tamén para público infantil e familiar.

Até que punto é demasiado importante a improvisación, que non deixa de ser unha arte literaria-interpretativa, cando te pos a contar, ou a interpretar? 

A improvisación permite resolver conflitos, circunstancias inesperadas, e demostra que estás aí neste momento, que estás no presente das persoas que te ven e te escoitan, que é o que lle dá vida aos espectáculos teatrais e á comunicación directa dos contos.

paula-carballeiraSabemos que ti es unha moi asidua participante en actividades nos centros educativos… Non cres que esta actividade tería que ser moito máis promocionada dende as institucións como mero alicerce para a normalización futura da nosa literatura e para o fomento en futuras idades da lectura?

Por suposto. O papel dos centros educativos é fundamental na creación dunha sociedade preocupada pola cultura. A educación non ten o recoñecemento nin o coidado que merece desde as grandes estruturas institucionais. Dentro diso, os profesionais que traballamos día a día nese ámbito, sexa cal sexa a nosa actividade, atopámonos nunha inmensa soidade cando demandamos máis apoio institucional.

Que pretendiches cando te puxeches a escribir O lobishome de Candeán? Porque non é un lobishome tradicional como o coñecemos senón que digamos menos malvado e quizabes máis enfermo… 

Cando escribín as tres novelas que teño fóra do ámbito infantil, pretendín darlle unha volta aos grandes mitos da literatura fantástica: o vampiro, o morto vivinte e o lobishome, co obxectivo de buscar as orixes da ficción na realidade, é dicir, como o material literario xorde das nosas experiencias vitais transformadas e recreadas pola capacidade de imaxinación. No caso do lobishome, quixen tratar o tema da enfermidade, como ti ben dis, non só do personaxe senón tamén dunha sociedade que a miúdo recorre á química para solucionar comportamentos destrutivos no canto de analizar a orixe da doenza.

E de súpeto encontramos a Paula Carballeira como actriz de Televisión (“Pepe o Inglés”, “Libro de Familia”…). Que supón este paso para unha actriz de actuar en directo ao gravado? 

Coa televisión eu aprendín outro tipo de traballo en equipo, moi diferente ao teatro. Actúas para unha cámara á que non miras en ningún momento e o punto de vista é o dela, o da cámara, non o do público. Non existe o “feedback” máis que entre @s compañeir@s, ti es só unha peza da engranaxe, e iso debería devolverche a humildade. O equipo é moito máis amplo, traballas acotío con máis de vinte persoas, a maior parte delas no apartado técnico, que acaban sendo da túa familia pola cantidade de horas que pasas con elas. A televisión é rapidez, gran capacidade de memorización de texto e de indicacións, respecto por todas as persoas que fan o seu traballo nas sombras e, para os actores e actrices, grandes doses de popularidade, porque cando a serie se emite chegas a milleiros de fogares.

E dende logo que a pequena pantalla dá moitísima máis sona que a actuación teatral… 

Exacto. A min impresionoume moito ese recoñecemento e esa popularidade. Tamén me conmoveu o cariño co que a xente se me achegaba para felicitarme ou darme uns bicos ou sacarse unha foto comigo. Esa familiaridade é máis difícil que se dea no teatro polas súas propias características. Se cadra algún día, cando consigamos que ir ao teatro sexa unha acción tan normal como prender o aparello de televisión.

paula-carballeira-de-contacontosNon botas de menos que a túa extensísima obra figure noutros idiomas e que isto sería fundamental para a universalización da nosa importantísima literatura contemporánea? 

Teño algúns libros traducidos a outras linguas, moi poucos, e sería fantástico telos todos, pero considero que o que ti propós é moito máis importante. A literatura galega ben merece unha difusión máis alá das nosas fronteiras e un recoñecemento que é inviable se non se traduce e non hai toda unha planificación de distribución e fomento que a normalice. Claro que o boto de menos, sería absurdo non facelo.

Que papel xoga a ilustración nas obras de literatura infantil e xuvenil? Non cres que tería que ter unha moito maior presenza e que moitas das veces a súa ausencia se debe a factores de edición? 

Depende do tipo de obras. En formatos coma o álbum, a ilustración é imprescindible. Noutros formatos, a ilustración ten unha presenza fundamental, pero dependendo das coleccións e do criterio editorial pode ser inexistente ou moi pobre. En Galicia temos grandes profesionais da ilustración, pero, baixo o meu punto de vista, falta un recoñecemento maior ao seu traballo. Moitas veces, nos álbumes ilustrados, o autor ou autora do texto segue tendo máis recoñecemento que o ilustrador ou ilustradora, cando son dous traballos equivalentes. Nas mencións aos libros sempre se fala do autor ou autora do texto e poucas veces do ilustrador ou ilustradora. Esa é unha maneira de empobrecer o seu traballo, cando unha grande baza dos libros publicados en papel é precisamente, o seu deseño e as creacións d@s ilustradores/as.

E para finalizarmos, que sentes canto te ves inmiscida en festivais interculturais e ves que a nosa literatura infantil e xuvenil nada ten que envexar á doutras nacionalidades onde está moito máis normalizada?

Síntome orgullosa por vir de onde veño e por formar parte dunha tradición literaria que lle prestou especial importancia a ese tipo de literatura pouco valorada noutros ámbitos. Por outra banda, non podo evitar a tristeza de sentir que aínda hoxe é pouco coñecida fóra das nosas fronteiras, pero manteño a esperanza que coa calidade das novas xeracións isto mude.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 29 de Xullo do 2015 | 10:48 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura