publicidade hoxe
Eva Moreda: “unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición” - Cabecera

Eva Moreda: “unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición”

eva-moreda-3

 

 

Eva Moreda (A Veiga, Asturias, 1981). Xove creadora que desde moi nova pasou a vivir en Ribadeo e, tras o paso por diferentes países, recalou en Inglaterra. Especialista en Musicoloxía e Filoloxía Clásica, con estudos de Xornalismo. Destaca a súa aportación á nosa narrativa con obras como Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota // Organoloxía (“Premio Narrativas Quentes”) // A Veiga é como un tempo distinto (“Certame Literario Terras de Melide”)Así mesmo temos que salientar a tradución da obra Lisístrata de Aristófanes.

Dende logo que a túa precocidade literaria é evidente… Hai algo que poida xustificar tal precocidade?

Ler e escribir moito desde moi pequena e, tamén, formar parte dun sistema literario que moitas veces valora a precocidade por enriba dunha obra traballada e pulida.

Con todo tamén cremos que as precocidades teñen que estar alimentadas con outras realidades… pode ser que o certame “Diadema de Ribadeo” tiver que ver no teu rápido progreso literario? 

O certame consistía en xuntarnos aos rapaces dos colexios durante unha tarde e propoñernos un tema para desenvolver en dúas horas, xa fose nun poema, un relato ou unha peza de non ficción. Mirado desde a distancia, penso que foi unha das primeiras veces en que tiven que escribir nunhas condicións concretas que non escollera eu, pero ao mesmo tempo intentando poñelas do meu favor para dicir o que quería dicir.

eva-moreda-1Moitas das veces conceptuamos que os premios menores (?) ou locais (?) son só iso e non pensamos nas súas futuras repercusións… Non se debería potenciar ben máis este tipo de premios? 

Pois ao mellor non, se o modelo é que varias persoas envían os seus traballos e despois dun tempo un xurado (que algunhas veces non ten unha grande bagaxe lectora) ditamina cal é o mellor. E outras veces o que vemos é o mesmo xurado, case case cos mesmos nomes, ditaminando unha vez nun lugar e outra vez noutro, o que crea unha certa uniformidade. Gustaríame ver certames máis innovadores na forma, como o de “Biblos Clube de Lectores”, que consistía en enviar os primeiros capítulos dunha novela e o gañador traballaba despois cun mentor para rematala. Modelos coma este terían a vantaxe de, por unha parte, visibilizar a literatura e o proceso de escritura e, por otra, cuestionar un pouco o modelo agonístico que padecemos, que semella buscar a canonización instantánea.

Unha curiosidade… es especialista en música e no mundo clásico… Non te levou a arte musical a pensar en escribir poesía -cando menos de forma seria- ou o mundo clásico a escribir teatro? 

Ocasionalmente si, pero non sei se a música e o mundo clásico foron os que me levaron a iso.

E sen embargo o mundo da música levoute a empregar esta arte como tema nin máis nin menos que dunha obra narrativa erótica (Organoloxía)…

Unha pregunta recurrente cando a xente sabe que son historiadora da música e que escribo é se escribo moito sobre música. Por iso escribín Organoloxía, como unha especie de exercicio en que me impuxen escribir sobre música. Pero non sinto unha especial urxencia por xuntar estas disciplinas nin creo ter nada demasiado importante que dicir sobre a combinación das dúas, como si tiveron Thomas Mann, Elfriede Jelinek, Vikram Seth ou, no outro extremo, musicólogos e críticos musicais que usan a linguaxe de xeito case literario, como Ernest Newman, Katherine Bergeron ou Bal y Gay.

E nesta obra vemos o sexo-música dende unha narración con voces femininas… Conlevan estas visións unha certa reivindicación? 

Si; daquela chamábame a atención a falta de voces femininas na narrativa erótica galega (na poesía a situación era e é moi distinta), ao tempo que me esgotaban os tropos e clichés que proliferaban, xa non só na narrativa erótica galega escrita por homes, senón tamén en escenas de sexo en xeral.

portada-o-pais-das-bestasSe a fin de contas a maior parte das veces a literatura e a reflexo dunhas realidades sociais, persoais… por que vemos a obra erótica -xa for lírica, narrativa…- como case un subapartado literario?

Non sei se podo achegar moito a esta pregunta, porque non son lectora deste xénero. Supoño que, nun determinado momento, pesaron criterios editoriais máis que literarios.

Ti mesmo dixeches que a túa literatura é ecléctica… Significa isto que non te queres encaixar e agardar até acadares unha certa madurez literaria ou indica unha certa sensación de liberdade, de liberación? 

Non concibo a literatura sen unha certa parte de exploración e experimentación; dicir algo novo, dicir o que outros dixeron xa pero doutro xeito. De aí o eclecticismo. O contrario, non sei se pode chamarse creación literaria.

O mundo artúrico, da Táboa Redonda… de sempre tivo un certo peso na nosa literatura… Ti mesma xa te mergullaches neste mundo… por que? 

O que me atraía daquela é o que a materia artúrica ten de materia, as diferentes maneiras de contar a mesma historia, a creación dunha comunidade literaria transnacional e atemporal.

E aquí aparecerá o teu Breogán de Guisamonde… unha maneira máis de achegar a corte do Rei Arturo a Galiza, algo que xa aparecera a comezos do século pasado con Cabanillas… 

Daquela eu era moi consciente do peso da materia artúrica na literatura galega. Penso que foi a primeira vez que me decatei de ata que punto a literatura galega ten dialogado coas literaturas europeas na súa historia.

portada-o-demo-e-o-profundo-mar-azulApenas es partidaria da maxia na túa narración… Non é difícil escribir, fantasiar (máxime se nos metemos nos mundo artúrico, clásico…) sen recorrer á maxia? 

Nunca a botei de menos. Creo que o que fan certos escritores realistas (Cormac McCarthy, por citar a un que lin recentemente; Joseph Brodsky e Sebald en ensaio) co seu tratamento da realidade en todos os seus detalles si que pode chamarse maxia.

Dende moi nova a emigración formou parte da túa vida… ti mesma escribiches verbo deste feito… Que supuxo para a túa literatura esta realidade persoal? 

A emigración foi o mellor que me pasou na miña vida adulta. Transformou para ben a miña vida e a min mesma ata uns extremos que non podía nin soñar. Pero penso na literatura e, a primeira vista, o balance semella ser máis ambiguo. Anos en que a penas escribín ao comezo da miña experiencia migratoria; agora ando na aventura de escribir nunha lingua estranxeira e imaxino que iso tardará tempo en dar os seus froitos, se os dá. Espero, que a longo prazo, o resultado sexa tan positivo e transformador coma o foi sobre o resto de aspectos da miña vida.

E falando da emigración, a túa novela A Veiga é como un tempo distinto (Premio “Terras de Melide”) ten como eixe central precisamente a emigración a Londres e como espazo referente o teu lugar de nacemento, A Veiga… a propia vida?

Hai detalles autobiográficos ou collidos da biografía de persoas que coñezo.

E, de novo, a voz feminina, a visión feminina… Compromiso feminista? 

Considérome feminista pero non sei ata que punto a miña literatura o é, supoño que na medida en que reflicte preocupacións de meu. A Veiga foi, con Organoloxía, o meu intento máis obvio de escribir unha historia declaradamente feminista, pero creo que cansei axiña diso. Para min, unha das grandezas da literatura é que dá cabida á contradición dun xeito que o ensaio non o fai, e isto, penso eu, non casa ben con facer literatura de tese. Por exemplo, hai pouco decateime de que nos últimos tempos teño escrito varias pezas sobre mulleres de dereitas, e non foi algo deliberado, pero, a posteriori, ten moita lóxica, porque me permite verme de fronte coas miñas contradiccións e as de outros e mirar atentamente unha parte do mundo, unha parte da sociedade, á que se cadra non podería mirar con tanta atención fóra da literatura.

portada-a-veiga-e-como-un-tempo-distintoE por suposto que tampouco podía faltar a túa voz en Narradoras 

Penso que o libro foi, daquela, unha proposta editorial interesante, por xuntar a mulleres que tiñan publicado narrativa en galego nalgún momento. Sobre ese libro tense escrito moito e sobre a etiqueta “literatura de muller” en xeral no contexto galego, tamén, así que non vou engadir moito máis. Ás veces pregúntome ata que punto foron e son estratexias editoriais e críticas, máis que puramente literarias, para promocionar a algunas autoras.

Na literatura cobran peso a imaxinación e loxicamente a propia vida… Que é máis importante para ti á hora de escribires, a propia vida, a sociedade da que te ves rodeada, ou a imaxinación que poida dar cobertura a esta realidade narrada? 

As tres, e non sabería dicir cal é máis importante. A sociedade percibímola na nosa propia experiencia e o noso propio corpo, e a imaxinación literaria é o único que pode transformar esta experiencia en literatura. Gústame deixar esta imaxinación literaria libre, non actuar moito sobre ela, permitir que me sorprenda.

E tamén te achamos metida a xornalista, algo que coidamos que non chegou a callar, non? 

Non. Penso que a profesión xornalística, polas condicións en que se realiza, tende a favorecer dous males dos que tento escapar na miña escrita: a superficialidade e o clixé.

Ao mesmo tempo tamén probaches coa narrativa curta, co conto (Veas verdes…)… Como foi esta experiencia narrativa? Volverá a túa pluma a este apartado narrativo abondo difícil? 

Coincidiume hai uns meses de ler uns autores de relato curto que me impresionaron fondamente (Lydia Davis, Tobias Wolff, Allan Sillitoe) e niso ando.

eva-moreda-2Así mesmo aportaches á nosa lingua a tradución dunha obra clásica (Lisístrata). Non é un apartado abondo esquecido o das traducións de obras clásicas? 

Non sei se estou de acordo. Hai varias editoriais que teñen textos grecolatinos no seu catálogo, desde os máis canónicos ata outros menos coñecidos, aínda que hai lagoas importantes (o que fai o catálogo, se cadra, máis emocionante).

E para darmos fin a esta conversa, considéraste máis artesá ca artista… Como entendermos isto cando un artista literario, ou musical, non deixa de ser un artesán? 

Valoro moito, e cada vez máis, a técnica, a artesanía. Non creo na dicotomía entre técnica e emoción ou expresión. Penso que dominar a técnica non só nos permite expresar máis, senón tamén coñecer mellor o que expresamos.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 30 de Novembro do 2015 | 6:24 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura