Celia Díaz: “Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo”
E para tratar de evitar iso o único que se pode facer é tratar de transmitirlles o amor pola literatura. Celia Díaz asegura que a súa intención non é crear futuros lectores, senón facer disfrutar ós cativos no momento no que a len, pero malia todo recoñece que transmitir certos valores é inevitable. Esta mestra de secundaria e de universidade, co abano que isto abrangue, ten na escrita o seu pequeno refuxio persoal. Ese no que deixa voar a imaxinación como se ela mesma fose un dos nenos ós que se dirixen as súas obras. |
Nome: Celia Díaz Núñez (O Páramo, 1961) Un lugar: O cume do Pía Páxaro, no Courel Un hobby: as flores que cultivo en Quiroga Unha comida: a empanada de bonito de miña nai Unha virtude: a constancia Un defecto: a impaciencia Un soño: voar en parapente, confío que algún día o levarei a cabo. |
Licenciada en Filoloxía Galego – Portuguesa e en Filoloxía Hispánica, e tamén diplomada en Maxisterio. A que lle tes máis amor, á lingua ou á docencia?
Gústame moito a miña profesión e teño ademais a sorte de dar clase de literatura, de modo que compatibilizo ambas paixóns.
Quizais a confluencia de ámbalas dúas paixóns é a literatura infanto-xuvenil?
É posible. Moitos escritores son tamén profesores, talvez porque o contacto directo cos rapaces e o o coñecemento dos seus intereses estimula a creación de textos para eles.
Como comeza un a escribir literatura dirixida a este público? É o resultado dun proceso ou xorde en si mesma a inquedanza de escribir para os nenos?
Eu comecei a escribir desde nena, despois deixeino durante algún tempo e recupereino cando naceron as miñas fillas. O pai inventáballes contos que lles contaba ao ir á cama e eu comecei a escribirlles pequenas historias. A primeira obra que escribín pensando nelas foi Adeliña.
Obra que ademais che valeu xa un Premio Pura e Dora Vázquez. Serviuche de pulo para continuar ou os premios son máis ben anecdóticos?
Os premios son un gran estímulo. Por unha parte, aportan unha dose de confianza, que é fundamental cando se empeza, porque un sométese ao veredicto dun xurado e iso supón a priori unha certa garantía de calidade, aínda que permanece o medo, a dúbida e a autocrítica. Ademais, os premios axudan a dar visibilidade xa que supoñen unha publicidade engadida, e sobre todo porque normalmente van acompañados da publicación da obra gañadora e hoxe publicar sen contar cun premio ou sen ter xa un nome é realmente difícil.
E como valoras os certames literarios en canto ó seu papel para a normalización da lingua e a literatura? Unha lingua con actividade neste senso é unha lingua viva?
É o que falabamos, os certames literarios danlle visibilidade aos textos literarios e facilitan o seu achegamento aos lectores. Nese sentido, os premios literarios en lingua galega contribúen a normalizar a nosa lingua e tamén a incrementar a presenza das obras literarias. Por iso é importante que existan certames para todos os xéneros, non unicamente para a narrativa, que son os que máis abundan.
Poderíamos dicir que a literatura infantil é o mellor garante que ten unha literatura para a súa persistencia? É a maneira de crear lectores futuros?
Os nenos len moito pero despois na adolescencia en moitos casos deixan de facelo porque descobren outros intereses e teñen acceso a outros medios, cada vez a idades máis temperás. É importante contar con bos textos literarios e con historias potentes para que non decaia o interese dos rapaces. É fundamental que existan edicións de calidade destinadas aos máis novos, porque nesas idades os libros entran sobre todo polos ollos. E como non, actualmente cómpre tamén unha presenza no ámbito dixital, no libro electrónico, así como a difusión a través do medio audiovisual, estou pensando nos booktrailers, por exemplo, que son un magnífico medio para a promoción das obras literarias.
E todo isto suporá tamén unha gran responsabilidade…
O escritor de literatura infantil non se ten que rexer por un labor de apostolado, co obxectivo de crear lectores futuros. Bástalle con que os nenos o pasen ben coas súas obras mentres teñen idade para lelas. Tamén hai que ter en conta o papel que desempeñan a familia, a escola ou os clubs de lectura na transmisión do pracer de ler. Sen todo isto non é posible o mantemento do hábito lector.
E fora das presións entón, cal dirías que é o obxectivo da túa obra?
Non escribo pensando en transmitir valores ou en moralizar, aínda que por suposto teño coidado en non introducir prexuízos ou estereotipos negativos. Ao rematar a obra decátome de que inevitablemente transmito valores, no caso do último libro estes son a amizade, a liberdade, a loita por realizar os soños… Pero o que pretendo é escribir unha obra que entreteña, que sexa dinámica e que enganche ao lector.
Ademais doutros premios a outras obras, 7 anos despois do primeiro Premio Pura e Dora Vázquez por “Adeliña”, volviches recibilo por “Rugando”. Que cambiou en ti? Que cambiou na túa obra?
Son dúas obras con grandes semellanzas, aínda que Rugando é unha obra para lectores de máis idade. Nas dúas hai un grupo de rapaces que, por si sos, desvelan un misterio. En Adeliña predomina a aventura e a fantasía e o misterio xira en torno a unha nena desaparecida. Rugando combina o tema da alquimia coa historia das vellas ferrerías da provincia de Lugo, incorpora elementos etnográficos e referencias literarias e ten maior complexidade argumental.
E ademais da narrativa, está o teatro. Despois de “Cataventos e cía”, que foiPremio Barriga Verde de teatro de monicreques no 2004, ves de presentar “Velaí vai o papaventos”. Fálanos desta obra.
É unha obra protagonizada por Berto, un papaventos que soña con voar libremente e vivir aventuras. Coa axuda doutros xoguetes consegue o seu desexo e inicia unha viaxe aérea na que coñecerá personaxes amables e agarimosos, pero tamén outros malvados e crueis que porán en perigo a súa vida. Todas estas experiencias serán enriquecedoras e, nunha especie de viaxe iniciática, axudaranlle a coñecerse mellor a si mesmo e a valorar a importancia da amizade. É unha obra en tres actos, con escenas breves, nas que se conxuga a palabra coa música, a canción e a imaxe.
Difícil escribir teatro? Moitas diferenzas?
Escribir teatro resúltame difícil pero tamén moi divertido porque teño que escoitar falar aos personaxes e ao mesmo tempo visualizar os seus desprazamentos, os escenarios, os decorados… e hai que expresalo mediante os diálogos e as anotacións. Ademais, busco combinar distintas artes (música, baile, plástica) para crear un espectáculo global, con moita acción. Por iso necesito darlle moitas voltas aos diálogos ata conseguir a frescura e a naturalidade necesarias.
Teatro ou narrativa? E en canto a probar con outros xéneros? Que cres que permite cada un deles?
Gústanme os dous xéneros e vai por épocas. Acabo de rematar un par de obras teatrais e agora ando a voltas cunha novela. Teño tamén publicado cousas de ensaio, pero ultimamente interésame menos. O xénero dramático gústame especialmente porque a súa fin última é a representación da obra nun escenario. É moi emocionante asistir a unha montaxe teatral e ver os personaxes que un inventou convertidos en seres de carne e óso.
E pola outra banda, dende o punto de vista da túa labor docente, como valoras a situación actual? Que papel xogan a lingua e a literatura no ensino actual? Que papel deberían xogar?
A lingua é a ferramenta principal de comunicación e, polo tanto, cómpre formar alumnos cunha boa competencia lingüística, oral e escrita. Debería haber unha maior presenza das estratexias comunicativas orais para habituar aos alumnos a expresarse en público con fluidez, que é unha das grandes carencias do noso sistema educativo.
E no que respecta á literatura? Ten o peso que debería ter? Ensínase como se debería?
Unha das grandes eivas é a pouca presenza da literatura nos currículos escolares. En secundaria non hai, como anteriormente co BUP, un curso específico de literatura; agora estúdase en todos os cursos conxuntamente lingua e literatura e iso supuxo a imposibilidade de entrar a fondo e dedicar tempo á lectura e á análise demorada dos textos. A literatura acaba ás veces reducida a unha simple sucesión de datos teóricos sen o coñecemento directo dos propios textos. E así non hai maneira de que resulte atractiva para os alumnos.
Sería preciso darlle máis valor ás Humanidades nos sistemas de educación actuais?
Continúa existindo un menosprezo polas “letras” e unha valoración esaxerada do ámbito científico e os rapaces manteñen eses prexuízos segundo os cales só as materias científicas son importantes e difíciles. As Humanidades son necesarias para aprender a pensar críticamente, para coñecer a nosa cultura, para deleitarse coa poesía ou coa música… É na educación secundaria cando os rapaces adquiren unha bagaxe cultural fundamental. Con frecuencia teño oído a ex-alumnos, profesionais de éxito en diversos ámbitos, lembrar con agarimo as clases de literatura ou de arte do instituto, temas cos que xa nunca máis volveron estar en contacto na súa carreira.
Dás clase no ensino secundario e na universidade, non si? Ten que ser moi diferente…
Si, totalmente distinto. Ademais, en secundaria son profesora de lingua e literatura galega, mentres que na universidade impartín didáctica da lingua galega para mestres, e actualmente un máster. Do instituto valoro moito o contacto directo cos rapaces e rapazas, plenos de enerxía e vitalidade. Da facultade, a posibilidade de achegar a miña experiencia docente aos futuros profesores e, ao mesmo tempo, aprender novos métodos e estratexias para levar á práctica na miña actividade diaria nas aulas.
Que tratas de transmitirlles ós teus alumnos en cada unha das etapas?
A idea de que son capaces de facer moitas máis cousas e moito mellor do que eles mesmos supoñen. Refírome, por exemplo, á súa capacidade para a creación literaria. Poden escribir unha cantiga de amigo ou un haiku e sentirse sorprendidos e orgullosos do seu traballo. Hai que valorar e difundir as súas creacións e hoxe contamos con ferramentas informáticas que o permiten.
Como valoras a situación da literatura que ti máis coñeces, da literatura infantil? Como se atopa a literatura galega neste senso?
Temos unha moi boa literatura infantil e xuvenil, extraordinariamente rica e variada. Contamos con escritores de prestixio dentro e fóra da nosa terra, cunha obra importante, en moitos casos recoñecida internacionalmente. E tamén con editoriais que publican obras de gran calidade, especialmente para os lectores máis novos. Hai abundancia de propostas literarias. A literatura infantil e xuvenil é ademais o motor de moitas editoriais, grazas á que sobreviven e poden levar adiante outros proxectos.
E xa para rematar, Celia, algún proxecto en mente? Esa novela da que nos falabas…
Si, ando traballando nunha novela. Agora está en fase de repouso e espero retomala e darlle novo pulo. Talvez agora coas vacacións.
Agardamos que así sexa. Moitas grazas por ter conversado connosco.