publicidade hoxe
Manuel Pereira Valcárcel: “A miña poesía, a miña literatura xorde da vida” - Cabecera

Manuel Pereira Valcárcel: “A miña poesía, a miña literatura xorde da vida”

manuel-pereira-2

Manuel Pereira Valcárcel, (Ouzande-A Estrada-Pontevedra, 1955) é un escritor exemplo de como incluso vivindo fóra (Madrid) se pode manter un compromiso íntegro cunha terra e cunha cultura, aquí e alá. Leva publicado tanto lírica coma narrativa, aínda que curiosamente sempre foi máis coñecido polo seu labor poético, quizabes por ser este xénero onde comezou a publicar. Imos aquí facer unha viaxe pola súa obra para así (re)coñecermos o seu labor literario tanto a nivel creativo como tamén de divulgador da nosa cultura alén as nosas fronteiras.

Amigo Manuel, desde os oito anos conviviches coa circunstancia de vivires en diferentes lugares fóra de Galiza (Asturias, Zaragoza, Madrid…). Até que punto esta circunstancia te concienciou e te enriqueceu? Porque non podemos esquecer que, a pesar de nacer nunha aldea, a túa lingua materna foi o castelán…

A miña relación co galego foi de agarimo sempre. Dende pequeniño. Tratábase de algo espontáneo, era unha corrente afectiva natural cara a lingua que eu escoitaba ás persoas do mundo rural no que transcorreron eses 8 anos primeiros da miña vida en Galicia. Levo máis de cincuenta anos fóra, pero ese sentimento de necesidade e amor non cesou. E, aínda estimando moito os lugares de residencia, o interese pola cultura galega foi e é unha constante ao longo da miña vida. Non sabería precisar como influíu o feito de non vivir en Galicia na miña conciencia galeguista.

A nosa literatura xa está moi afeita dende antano a se ter que agrupar fóra debido á nosa diáspora… Vista dende dentro desa circunstancia por unha persoa coma ti, que finalidade pretenden eses agrupamentos culturais? Compromiso, reivindicación, autodefensa polo presunto esquecemento que produce esa separación, non perder o cordón umbilical coa nai…?

Coido que hai un pouco de todo e considero que esa diferenza de matices que sinalas é a que fai que sexa un tipo de agrupación ou outra. Digamos que existe un abano grande de posibilidades, dende asociacións que teñen como único fin celebrar unha especie de nostalxia gastronómica, até as que son de carácter reivindicativo e político. En calquera caso, sempre responden á necesidade de manter viva a luz da orixe.

manuel-pereira-6E desde logo que en Madrid a creación deste tipo de grupos literarios foi sempre moi significativa (“Grupo Brais Pinto”, “Irmandade Galega”, “Lóstrego”… e múltiples revistas como “Loia”…) Será que, como dixo Manolo Rivas, era para “facer patria alén das circunstancias que os rodeaban e alentar emocións na ausencia do noso mar azul”?

No caso dos grupos que citas, sen dúbida era unha resposta dende unha conciencia cultural e política clara. E, por suposto, pretendíase facer patria, claro.

1996, creades en Madrid o “Grupo poético Bilbao”. Que foi e que importancia tivo este grupo poético? Por que esta denominación se a finalidade e configuración do grupo tiña como referente a nosa literatura galega?

Eu non son, estritamente, dos creadores. Incorporeime á segunda xuntanza no Café Comercial. Sede dos nosos encontros mensuais. O feito de estar ese café na glorieta de Bilbao, serviu de motivo para que Vicente Araguas o bautizase con ese nome.

O grupo serviu de base para o encontro de escritores galegos en Madrid; tamén propiciou a organización de recitais, publicación de libros, homenaxes, participación en actos para o Día das Letras Galegas etc. E segue ofrecendo esas actividades, xa que, por fortuna, se mantén vivo.

E non podemos esquecer desde logo aquí “En tránsito”, onde ti e o teu amigo Vicente Araguas verquestes os vosos anceios…

É un libro feito seguindo o modelo do que elaborou Xosé Lois García para “Ediciós do Castro”, Alén do azul (Unha ducia de poetas galegos en Catalunya). Propuxémosllo á mesma editorial e aceptounos o proxecto e penso que foi unha antoloxía de poesía representativa do labor poético de autores e autoras galegas en Madrid.

Hai na túa extensa obra literaria dúas obras onde os teus proxenitores son protagonistas e, por que non dicilo, os receptores do alí narrado, unha é verso e outra narrativa (Todo morte e Días do final). Xa o dicía Rosalía de Castro: “Se eu non puden nunca fuxir ás miñas tristezas, os meus versos menos”

Pois si, na miña obra a morte está presente porque na miña vida o está. Nese sentido a cita de Rosalía é perfecta.

manuel-pereira-1A miña poesía, a miña literatura xorde da vida, por tanto todo o vivido está presente dunha maneira máis ou menos explícita.

A pesar de escribires dende sempre poesía, narrativa… a túa irrupción, cando menos no que respecta á publicación, foi en lírica. Hai algunha explicación para esta circunstancia ou foi simplemente puntual? Non podemos esquecer que tras isto case pasas a ser coñecido realmente como “poeta”…

Escribo dende o principio poesía e narrativa de xeito simultáneo. Pero o primeiro libro concibido e escrito como conxunto é de poesía. Sen ningunha razón particular.

É verdade que predominan as obras poéticas. Dende ese punto de vista é correcta a túa apreciación de que paso a ser coñecido como poeta; aínda que sería máis exacto sinalar que son menos “descoñecido” como poeta…

Para entendermos a poesía, o que é a poesía, de/para Manuel Pereira temos que tomar como referentes aqueles dous primeiros poemas da túa primeira obra publicada (Poemas de cinza) ou aquel concepto primixenio de poesía foi mudando co pasar do tempo?

Aqueles poemas seguen vixentes. Tamén o poema final de “Inventario de fragmentos” que di “Escribir para gardar os recordos e que o/ tempo non leve máis ca o seu.”

En definitiva a poesía aparece motivada por múltiples causas, mesmo ás veces contraditorias. Unha mestura de sensacións nas que predominan, no meu caso, o que se sente e o que se perde.

A experiencia, as vivencias… nunha palabra, o existencialismo, obra como base na maior parte da túa obra poética… Serías quen de escribir unha obra sen este principio, digamos de base claramente vangardista?

Un personaxe meu de Traxectos curtos di que non pretende ser a “cabezalla de ningunha vangarda” e nese aspecto estou de acordo con el, cousa que non sempre sucede.

Poderiamos discutir se unha obra realista pode ou non estar en vangarda, pero non é o momento. Eu confórmome con deixar o testemuño da miña voz, coma un camiñante deixa a marca dos seus pasos.

E voltando a aqueles primeiros poemas, dis nin máis nin menos que queres espallar os teus versos para que “a terra, a chuvia, o sol lle dean nova vida / para os teus ollos”. É dicir, crear para os demais, para que estes versos deixen de ser teus e pasen a ser universais?

É fermoso o que dis, pero considérome moi pequeno como para que chegue a ser universal algún verso meu. Contentaríame con que a alguén lle gustasen e os considerase coma seus.

manuel-pereira-5E a seguir aparecerá a túa segunda obra, unha elexía (Todo morte) e tomando como base a cita de T.S. Eliot: “Todo poema é un epitafio”. E comezando por estes tres versos: “hai días nos que / a vida é / todo morte”… Amor, e homenaxe, de fillo, non?

Tanto Todo morte coma Días do final son libros sobre a morte, pero non os considero tristes. Son libros de celebración e amor. Obras nas que celebro ter a nai e o pai que tiven.

E chegamos a esoutro amor… (Rosa íntima). Xa o dicía Gottfried Leibniz: “Amar é achar na felicidade de outro a túa propia felicidade”

Antes falaba da influencia da biografía na obra. É evidente que o amor non podía pasar desapercibido. Que unha muller decidise acompañarme na vida, nesta altura van trinta e oito anos xuntos, penso que é un motivo inescusable na miña poesía.

E non podiamos pasar sen che facer unha pregunta verbo da túa obra Inventario de fragmentos… É esta unha obra que bebe en toda a túa poética anterior a modo de reflexión -como se dixo por algures- ou simplemente é unha visión moi parcial da crítica literaria cara esta obra?

Inventario de fragmentos, foi unha obra que apareceu sen esperala. Xorde dos diálogos cunha persoa coa que coincidín no traballo e con todas as conversas e puntos de vista intercambiados elaborei esa colección de reflexións e impresións.

Ultimamente estamos moi afeitos á aparición na nosa literatura da viaxe como base estrutural de obras, especialmente narrativas… pero ti xa anticipaches isto, e en verso, na túa obra Libro das viaxes… Que é, que supón, a viaxe como eixe dunha obra poética, e máis concretamente nesta túa?

As viaxes, os cambios, foron constantes na miña vida. Todo o que comporta unha viaxe ten un atractivo especial para min. Ese foi o motivo que orixinou a pescuda en clave poética do libro ao que te refires e no que tratei de referirme ás viaxes dende todos os puntos de vista.

manuel-pereira-4E aquí aparecerá un espazo na publicación das túas obras reservado á narrativa (Traxectos curtos / Días do final / Malas cartas) É isto simplemente circunstancial ou hai algo máis que nos levase a esta realidade no teu devalar como escritor?

Non é circunstancial. Como xa dixen, dende que comecei a escribir fixen poesía e prosa simultaneamente, e seguirei facéndoo.

É Traxectos curtos unha especie de autobiografía ou máis ben unha recreación dunha realidade coñecida?

Coido que en toda obra hai autobiografía, pero Traxectos curtos non é a máis autobiográfica. Hai personaxes deste libro cos que concordo plenamente, pero con outros non coincido en nada.

É un libro no que combino narrativa, fotografía e poemas. Supón unha combinación de tres manifestacións que me apaixonan, pero non é unha autobiografía.

E mergullarte no mundo da inmediata posguerra coa obra Malas cartas supón unha aventura na túa obra diferente dado que até este momento foras percorrendo o teu pasado e o teu presente, pero aquí xa te vas ao máis pretérito… Como xustificar este flash back tan forte na túa obra?

Coñecín a historia real na que baseo a narración e de inmediato vin unha novela. Púxenme a escribila e deina acabado. Así de simple. A isto hai que sumar que eu intento que cada libro meu sexa diferente e supoña unha sorte de desafío.

E, tras esta túa aparición na narrativa, volta ao verso… (Tatuaxes e Interior con froiteiro e feridas / Interior con frutero y heridas) Por que esta volta? É unha vez máis algo circunstancial?

Volta ao verso e á prosa. O que sucede é que hai varias pezas de narrativa que non están publicadas. Non existe unha relación directa entre o escrito e o publicado. Pero ben, na orde de edición aí están eses dous libros que citas, xunto coa tradución ao español de Tatuaxes que saíu en edición bilingüe co título Tatuaxes/Tatuajes.

Despois houbo un libro histórico que coordinei xunto con José María Gago, Sargar Palanques e Jordi Bonet. Eu levei a parte de organización e revisión de textos e supuxo un traballo grande. O título é El colegio de Huérfanos del Magisterio Nuestra Señora del Pilar: una memoria, publicouse baixo subscrición e imprimíronse os primeiros exemplares en setembro de 2014.

É Tatuaxes o pagamento literario coa túa cidade de acollida?

Non me gusta falar de pagamento, prefiro dicir agasallo de correspondencia a unha cidade que me deu e que me dá moito.

SONY DSCInterior con froiteiro e feridas / Interior con frutero y heridas…Obra bilingüe que volta á túa infancia ou simplemente a unha reflexión verbo do pasado?

Ben, bilingüe é a edición; a obra foi escrita en galego e logo, cando o texto estaba fixado, traducina ao español. Hai que ter en conta que o libro publicouse en Zaragoza. Cidade á que lle debo moito, pois foi o espazo da miña adolescencia. Pero tamén é unha cidade na que teño moitas amizades actuais, como o xornalista e marabilloso escritor galego Antón Castro. Penso que non hai só pasado nese libro, ou polo menos a miña intención non foi a dun sentimentalismo nostálxico do que non son nada partidario.

E para rematarmos, sabemos da túa adoración pola fotografía… non cres que moitas das veces o dito de “máis vale unha imaxe ca mil palabras” neste caso é do máis real? Cantas veces plasmaches nunha imaxe o que che gustaría facer nun poema ou á inversa?

Pois si, adoro a fotografía, a segunda edición de Todo morte, Traxectos curtos e Tatuaxes van ilustradas con fotografías feitas por min.

É certo que hai imaxes que valen por mil palabras, pero hai palabras que xeran millóns de imaxes. Pensemos en bágoa, amor, xustiza ou soño. Teríamos tantas imaxes dende esas palabras coma visións persoais a través da cámara. Cada expresión ten a súa linguaxe, unha estética particular e non son, en absoluto, excluíntes. Penso eu.

Grazas amigo Manuel por seguires a dignificar a nosa lingua e a nosa literatura dende dentro e dende fóra de Galiza e seguir amosando ese teu compromiso coa nosa Terra e coa nosa Cultura.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 8 de Abril do 2015 | 11:28 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura