publicidade hoxe
Xosé Neira Vilas - Cabecera

Xosé Neira Vilas

Neira Vilas

“Un rapaz da aldea, coma quen dis, un ninguén”. Así se presenta o protagonista do que é o libro máis internacional da literatura galega de todos os tempos, “Memorias dun neno labrego”. Do seu autor, Xosé Neira Vilas, pouco queda por dicir a estas alturas. Orgulloso fillo de labregos, recorda cando rezaba de pequeno para que chovera e así poder ir a escola, senón había que traballar. As súas ansias de estudo levárono a emigración, pero o seu amor pola terra tróuxoo de volta para continuar a súa labor dende o seu Gres natal.

“Os emigrantes hai sesenta anos eran campesiños semianalfabetos, agora son licenciados”

 

Neira VilasNome e apelidos: Xosé Neira Vilas

Un lugar: dous, Gres e A Habana

Un hobby: dous, ler e escoitar música

Unha comida: dúas, polbo á feira e tortilla

Unha virtude: A sinceridade

Un defecto: Insistir coas persoas na mesma teima ata que o tema se realice

Un soño: Que os nenos do mundo non pasen fame

Comezo esta conversa coas súas memorias nas mans, “Xosé Neira Vilas, Memoria Gráfica”. Unha maneira diferente de relatar a súa vida, non si? En imaxes…

O editor, Antonio Couto, director de Bolanda, pediume só un cento de fotografías con pés de gravado moi detallados. Logo díxome que para utilizar como fío condutor desas imaxes era necesario que eu escribise unha autobiografía. Non me gusta falar de min mesmo pero o texto debía ser breve e urxía, polo tanto, en vez de trasladarlle o encargo a outra persoa redacteino eu.

Como foi ese proceso de selección e organización? Ó longo dos anos un acumulará moitas fotografías así que o traballo sería arduo. Iso si, algo de axuda creo que tivo…

Anisia, a que foi miña compañeira, deixou organizados uns trinta albumes de fotos. Entre miña sobriña, Chus Neira, e o cineasta Pablo Iglesia, que me trouxo a encomenda da editorial, escolleron esas fotos. Supervisei logo unha por unha e estiven de acordo salvo dous pequenos cambios. A tarefa non era doada.

Neira VilasNeste libro vostede resumiu a súa vida…  Resultoulle difícil?

Apelei á memoria e non me foi difícil redactar ese texto. O único é que non me gustaba facelo, pero na derradeira cumprín a encomenda. Non foi difícil.

Mención especial merece tamén a portada, obra dun vello amigo…

O autor é Rofer, ou sexa, Roberto Fernández, veciño meu que vive dende hai moitos anos en Madrid. É un dos mellores acuarelistas de España. Teño varios traballos del. Esa portada foi tomada dun retrato de gran tamaño que está na miña casa.

E que podemos atopar nel? A que etapas da súa vida lle dan máis importancia estas follas? Cales recorda con máis agarimo e cales foron máis duras?

A etapa máis dura foi a da adolescencia e primeira xuventude. Tamén os primeiros tempos en Bos Aires. Polo demais, doulle importancia por igual ós meus anos da Arxentina e de Cuba, aínda que neste último país sentinme moito máis a xeito por ter participado modestamente nun proceso social que comezaba, e porque o pobo cubano é cordial, fraterno, modesto, solidario.

“Unha infancia de moito traballo e esforzo, de pan de broa, remendos e zocos”

As voces da infancia tiveron sempre un peso moi importante na súa obra; “Memorias dun neno Labrego”, “Cartas a Lelo”… Significa isto que a súa tivo moita importancia para vostede? Como foi a súa infancia?

A miña infancia foi a dun neno campesiño de familia pobre. Unha infancia de moito traballo, de moito esforzo, de pan de broa, remendos, zocos. Pero en definitiva toda infancia equivale ao paraíso da nosa existencia. Por tanto, aínda que foi dura, foi un tempo feliz coma no caso de todos.

Neira VilasE a hora de escribir, que lle permite esta perspectiva? Que ten de diferente esa visión dos rapaces?

Síntome moi a gusto entre nenos e nenas, e adolescentes. Estiven en moitos colexios de toda Galicia, e sigo indo a eles porque me gusta escoitalos e falarlles. Tiven unha bonita experiencia en Cuba cando dirixín a revista Zunzún durante sete anos. Unha revista da que publicabamos 250 mil exemplares cada mes e que resultaban insuficientes.

Xa ten contado noutras ocasións que “Memorias dun neno Labrego” orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?

Efectivamente “Memorias” non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura.

“Balbino vivía nun ámbito moi diferente ós rapaces de hoxe, sen embargo ségueno lendo”

Xa non só en Galicia, é o libro máis traducido da historia da nosa literatura (17 linguas) e podemos atopalo en escolas e universidades dende Cuba ata Alemaña. Cre que todos os seus lectores entenden igual a súa esencia, ou as diferenzas culturais inflúen?

Lévanse publicado algo máis de 700 mil exemplares nas diferentes linguas. Séguese reeditando e neste momento estase traducindo ao xaponés e ao esperanto. Os rapaces de Galicia e os de Alemaña, Canadá, Suecia, Hungría, Rusia, etc. Non son tan distintos uns dos outros como puidera pensarse. Teñen problemas e sentimentos moi semellantes.

A emigración é un tema que nestes momentos volve a estar cada vez máis presente, poderíamos dicir que a historia se repite ou non ten nada que ver a situación actual coa que se viviu naqueles anos da posguerra?

Os emigrantes de hai sesenta anos eran campesiños semianalfabetos. Agora son licenciados e van a países de alto desenvolvemento con contratos de traballo. A perda é maior agora, polo que custou formalos e porque perdemos forza técnica no país.

Os motivos fundamentais da emigración naqueles tempos eran económicos, aínda que no seu caso a situación era algo diferente… Que o levou a vostede a poñer rumbo a Bos Aires?

O meu caso foi algo distinto. Entrei na riada da emigración económica pero o obxectivo principal era que quería estudar, superarme, e aquí non podía facelo. Busquei traballo en varias cidades galegas para traballar polo día e estudar pola noite e non o atopei. Por iso emigro. Estudei comercio, música e fixen a carreira de xornalismo.

Neira VilasComo foi aquel cambio? Como viviu un rapaz de Gres aquela chegada á gran cidade? Chegada por certo que fixo cun billete en primeira clase, probablemente o maior luxo que tivera ata aquel momento…

A pesar do ámbito completamente distinto afíxenme pronto a Bos Aires. Collín o barco en Cádiz en primeira clase porque non había prazas nin en segunda nin en terceira. Había moita demanda. Se non embarcaba nun tempo determinado collíame o servizo militar. Meu pai xuntou como puido o importe da pasaxe e viaxei cos ricos, cos ociosos, cos aburridos con diñeiro. Vin o contraste e cavilei moitas veces que non podía ser, que o mundo tiña que cambiar.

Os primeiros meses deberon ser duros…

Pasar da aldea á cidade non é fácil. Realicei diversos traballos e fun vencendo a morriña e encamiñando a miña vida. No entanto, ademais de atender a miña vocación “descubrín” Galicia e convertinme nun activista da nosa cultura.

“Vin o contraste e cavilei moitas veces que o mundo tiña que cambiar”

Tivo a posibilidade de acceder a todo un mundo de libros e obras que a censura española non permitía case nin imaxinar… Iso suporía un enriquecemento tamén…

É certo, Bos Aires era un emporio editorial. A mellor literatura universal estaba alí. Claro que era un enriquecemento. En España nin os estudantes de clases altas tiña acceso a literatura que alí se podía adquirir facilmente.

Como empezou a escribir? Houbo un momento concreto ou foi algo que sempre estivo aí?

Empecei a escribir cando tiña nove ou dez anos. Escribín moito: versos, contos, etc. Ata os 20 anos que emigrei. Pero non o tomaba en serio. Isto empezou cando colaboro na prensa galega de Bos Aires, Montevideo e México. Once anos despois publico o meu primeiro libro.

É en Bos Aires onde decide facerse editor e libreiro, o que desembocaría despois na creación de Follas Novas, editorial de referencia. Non abandonou en ningún momento a defensa e a promoción da cultura galega, alá onde estivera. Era imprescindible que o fixeran os que se atopaban fora das nosas fronteiras?

Ah, non era imprescindible que o fixeran todos! Eu si porque tiña unha definida vocación pola escrita e tras descubrir Galicia convértome nun activista da nosa cultura de por vida. De aí Follas Novas e a distribución do libro galego en toda América. Antes creara Mocedades Galeguista, organización xuvenil da que fun Secretario Xeral.

E nesta defensa da cultura galega  que papel xogaron os xornais? Foi vostede fundador e colaborador de boa parte dos que xurdiron no exilio, que significou para vostede a labor xornalística?

Eu só fundei, con outros compañeiros Adiante, en galego, que editaban as Mocedades pero colaborei nos restantes, ou sexa, semanarios e revistas mensuais. Bos Aires era daquela a capital da cultura galega. Había alí 400 mil galegos nativos.

Neira VilasNeste bule bule cultural que se vivía, foron moitas as amizades que se forxaron entre os círculos galeguistas. Entre elas, unha das que o acompañarían para toda a vida, foi a de Díaz Pardo…

Entre os meus amigos principais, de nomes coñecidos aquí estaban Díaz Pardo, Rafael Dieste, Laxeiro, Seoane, Dieset, Valenzuela, Blanco Amor, Lorenzo Varela, Suárez Picallo…

“En realidade vivín “Sempre en Galiza” mais tardei 24 anos en volver”

Como foi o seu traslado a Cuba? E a súa vida alí? Chegou a estar plenamente satisfeito ou no seu desexo sempre estivo volver a Galicia?

En Cuba triunfara unha revolución popular. Custoume deixar Bos Aires debido a Follas Novas e aos amigos, pero foi unha decisión da que non me arrepentirei nunca. Sempre desexei volver a Galicia. En realidade vivín “sempre en Galicia” e tiña múltiples contactos con intelectuais de aquí. Mais tardei 24 anos en volver a primeira vez.

Dende rapaz os seus desexos por aprender e medrar como persoa foron moi fortes, desexos que o acompañaron durante toda a súa vida. Nunca deixou vostede de estudar?

Sigo estudando. Eu non deixo de estudar nunca. É moito máis o que ignoramos que o que sabemos. Un refrán galego di: “Vai o vello morrendo e vai aprendendo”. Se algún vaidoso di que non estuda máis, que xa sabe moito estou en total desacordo con el. Para min o estudo era fundamental. Emigrei para ter libros e para estudar pois carecía de ambas posibilidades na aldea onde nacín e me criei.

Neira VilasFinalmente acabou volvendo a Gres xunto con Anisia, a súa compañeira. Que mellor maneira de definila? Anisia foi a mellor compañeira que lle puido dar a vida…

Si, Anisia foi a mellor compañeira que podía ter, como amada e con afinidades literarias, políticas e unha común visión do mundo.

Aínda que cubana de nacemento, os seus pais eran galegos, Anisia soubo cultivar as dúas culturas á perfección. A súa labor para coa cultura galega é dende logo digna de mención…

En canto a cultura galega Anisia non lle debía nada a seus pais que nin sequera lle falaron na nosa lingua. Chega con eles a Bos Aires da Habana cando tiña vinte anos e incorpórase de inmediato as nosas actividades galeguistas.

Anisia desenvolveu unha faceta que ata esas se cadra estaba sendo esquecida, a literatura infantil e xuvenil. Un público difícil naqueles momentos?

Anisia desenvolveu unha importante laboura na literatura infantil e xuvenil en Cuba. Chegou a ser Xefa de Redacción dun semanario infantil e máis tarde da revista Zunzún. Publicou uns catorce libros para nenos e adolescentes. Obtivo premios nese xénero. Varios dos seus libros traduciunos ela ao galego e foron publicados aquí: Os contos do Compay Grilo, A primeira Aventura, A casa dos títeres, etc. Na Habana traballou uns anos na Editora Juvenil e chegou a ser coordinadora nacional de todas as edicións infantís.

Neira VilasE tanto para os nenos, coma para os que non o somos tanto, leva xa un tempo circulando por distintos centros e bibliotecas de Galicia a exposición “Querido Balbino. 50 anos de Memorias dun neno labrego”. Un repaso pola súa obra, pola súa vida e pola historia de Galicia…

“Querido Balbino” en dous anos percorreu máis de trinta cidades e vilas de Galicia. E continúa. Tamén é importante a obra de Cándido Pazo “Memoria das Memorias dun neno labrego” que leva xa máis de cen representacións e ademais presentouna en Arxentina, Uruguai, Brasil e Suíza.

Agora, dende a súa perspectiva actual, á fronte da Fundación que leva o seu nome, como ve vostede a situación da literatura galega? E no que respecta ao futuro?

A literatura galega vai ben a pesar da crise e a pesar de que merman lectores. Temos editoriais, concursos, premios nacionais e internacionais. Non é pouco para un pequeno país coma o noso e nas circunstancias actuais. En canto ao futuro, non sei, pero penso que seguirá consolidándose.

En canto a situación na que se atopa Galicia? Como era o pobo que deixou e como é o que atopou anos despois?

Completamente distinto. Cando me fun, o ano 1949, a maioría das aldeas non tiñan nin electricidade. O tractor non se coñecía, as estradas non estaban asfaltadas, non existían os grupos escolares de hoxe. En fin, se nos poñemos a comparar as diferenzas son grandes aínda que queda moito `por facer e hai que seguir loitando para que se faga, para lograr un maior benestar para o noso pobo, e sempre mantendo a solidariedade cos que menos teñen.

Neira VilasE un home do seu compromiso social e cultural, como valora a situación actual na que nos atopamos? 

A actual situación, en sentido xeral, é moi complexa, algo así como un impase do que non sabemos o que sairá. Son optimista, aínda que tamén realista. Penso que todo cambiará para mellor. Malia á corrupción, etc.

Falemos dos seus galardóns, mencións, recoñecementos… Das bibliotecas que levan o seu nome… Non lle vou facer escoller o que máis lle gustou pero, cal foi o máis inesperado? O que máis lle chamou a atención?

O que máis me sorprendeu e que moito valoro foi o Doutorado Honoris Causa pola Universidade da Habana. Podería mencionar tamén o da Universidade da Coruña, a Medalla Castelao, a Medalla de Alejo Carpentier, o Pedrón de Honra, o feito de ser Fillo Predilecto de Vila de Cruces e Fillo Adoptivo de Boqueixón. Pero da Habana conmoveume moito porque xa eu deixara Cuba había once anos e porque é unha Universidade histórica en América.

De feito ven de ser nomeado tamén fillo adoptivo de Boqueixón, como recibe esta mención?

Hai uns anos nomeáronme Fillo Predilecto de Vila de Cruces e agora son Fillo Adoptivo de Boqueixón. Isto agrádame moito. Eu nacín e vivo na fronteira dos dous territorios que é o río Ulla. Síntome de ambos e este xesto recente de Boqueixón resúltame particularmente entrañable.

Neira VilasE para rematar, falemos de proxectos. Publicou libros en todos os xéneros, agora presenta estas Memorias Gráficas das que comezabamos falando, pero non remata aquí a cousa. O seguinte traballo no que está xa mergullado é musical, non si? Fálenos dese proxecto que ten entre mans co cantautor Manuele De Felisa para musicar os seus poemas. 

Manoele de Felisa musicou poemas do meu libro Dende Gres. Poemas entrañables porque falan de miña avoa, de meu avó, de miña nai, deste río, desta ponte, desta paisaxe, da casa onde nacín… Por iso o disco se vai titular “Cantos de Lembranza”.

Ademais, teño para varios libros máis. Con outro compositor, José Manuel Lueiro “Cantos de sol a sol”. En Galaxia “Días de Cuba” e en Bolanda un libro sobre Díaz Pardo. Sairá en Embora “Epistolario diverso” e no Consello da Cultura, “Galicia en Cuba”.

Moitas grazas por ter conversado con nós, un auténtico pracer. Xosé Neira Vilas, grazas e ata sempre.

 portadas-neira

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 7 de Febreiro do 2014 | 12:33 p.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura