publicidade hoxe
Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía” - Cabecera

Modesto Fraga: “A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía”

modesto-fraga-foto-maria-porta

Modesto Fraga Moure (Fisterra, 1974). Poeta galego que comezou a súa andaina poética no “Batallón Literario da Costa da Morte”. Son poemarios seus Do amor salgado // Mar de ausencias // Ese estraño silencio // Derrotas con raíces… Recentemente acaba de saír á luz unha recompilación súa de poemas mareiros so o título de Atlántica luz. Poesía mareira (1995-2015). Foi gañador de premios abondos como “Avelina Valladares”, “Faustino Rey Romero”, “Certame Literario Concello de Vilalba”…

Amigo Modesto, un fisterrán que fai levar omnipresente sempre esa excepcional paisaxe -que ti mesmo tes definida como “a derradeira perla de Occidente”- e que vai ser o eixe de vida e de obra literaria, non?

Por suposto, as orixes están moi presentes na miña produción literaria, coma non podía ser doutro xeito. En certo modo, para min Fisterra non é soamente un espazo xeográfico concreto, un lugar físico, senón máis ben un íntimo sentimento vital imposible de disociar.

E neste espazo vai nacer un grupo literario que adoita aparecer en letras maiúsculas na nosa literatura contemporánea: o “Batallón Literario da Costa da Morte” conformado por xoves plumas nadas nos anos sesenta e setenta -se exceptuamos á mestra Marilar, claro-… Que supuxo para ti este novo faro desta costa, neste caso un faro literario?

A aparición do BLCM a comezos da década dos 90 supuxo unha boa oportunidade de dar a coñecer as nosas inquedanzas, pero non só desde o punto de vista literario –que tamén- senón como acción directa impulsada por un movemento cultural cívico comprometido coa sociedade na que nos tocou vivir (reivindicación da nosa lingua, restauración e dignificación da Memoria Histórica, promoción e difusión das novas voces da literatura galega, etc).

modesto-fragaQue lembras daquel digamos bautismo poético chamado De mar e vento (1997)?

Teño un magnífico recordo daquel bautismo poético, coma ben dis. Ten en conta que nese poemario, editado por Espiral Maior en colaboración co concello de Fisterra, participamos por primeira vez cinco poetas da localidade: Alexandre Nerium, Mónica Góñez, Xoán Alberte Moure, Roberto Traba Velay e un servidor, prologados por un amigo, un irmán, como é Rafa Villar. Polo tanto, hai un antes e un despois da publicación de De mar e vento. Cinco poetas de Fisterra.

E estas plumas seguiron despois alumando a nosa poesía… Que supuxo a desaparición dese nó que vos unía ou é que ese espírito vos seguiu a marcar?

A desaparición do Batallón Literario da Costa da Morte coma colectivo organizado non supuxo ningún problema para que algúns de nós continuásemos compartindo singradura poética, amais dunha estreita amizade persoal nalgúns casos inquebrantable. Afortunadamente, a vida vainos brindando novas oportunidades e, nese senso, cada quen escolle o seu camiño da maneira que mellor estima oportuno.

Posibelmente tamén fose daquela cando os recitais poéticos cobraron un máis que forte pulo… foron estes recitais aquel impulso que necesitaba a nosa poética para o seu espallamento?

Sen dúbida, un dos grandes logros que se lle poden atribuír ao Batallón Literario –e a moitas outras persoas e colectivos que colaboraron connosco neses anos- é o impulso que se lle deu a todo o relacionado coa creación literaria: os recitais de poesía abandonaron as cómodas butacas dos salóns de actos e empezaron a deixarse sentir nos bares, nos pubs ou nos palcos das festas; o discurso poético aparcou de lado o seu “eu” para espallar un “nós” colectivo moito máis comprometido social e culturalmente. A poesía, en definitiva, optou por abandonar momentaneamente o reino das musas na procura dun reto moito maior: a calor humana.

No último cuarto de século pasado foron abondas as revistas poéticas que viron a luz (“Dorna”, a vosa “Feros corvos”…) Non se botan algo de menos hoxe esas iniciativas poéticas e moitas e moitos poetas dependen as máis das veces de premios…?

As follas voandeiras cumpriron, abofé, un importantísimo labor de difusión da creación literaria. A modo orientativo direiche que o noso boletín “Feros corvos”, órgano oficial do BLCM, que enviabamos de balde a todas as persoas interesadas, axiña se converteu nunha lectura obrigada para centos de persoas amantes da literatura. En canto anunciabamos a saída dun novo número era tal a demanda que en apenas tres días esgotabamos a edición. Aqueles “Feros corvos” do Xallas voaron a lugares tan diversos e distantes da nosa xeografía coma Catalunya, Euskadi, Canarias, Arxentina ou Cuba.

modesto-fraga-con-diana-varela-e-francisco-pilladoTamén é certo que moitas das veces ao carón destas revistas tamén saíron á luz obras colectivas -ti tes colaborado abondo en moitas- que, ademais de certo compromiso co que naceron os proxectos, serviron como mostra do noso quefacer poético, non cres?

Todo proxecto colectivo, ben sexa en forma de libro ou de intervención social, é sempre moi meritorio, especialmente nestes momentos nos que a sociedade vive estresada nunha perversa voráxine de individualismo e desgana. Nunca tanta falta de conciencia colectiva houbo como agora e, ou moito me equivoco, ou de non mudarmos o rumbo as naves levarannos irremediablemente aos cantís.

Ah, e falando de premios, non podemos esquecer que un dos teus estreos é como gañador do “Iª Premio de Poesía Avelina Valladares” cunha obra que cremos que non foi publicada e que presentaras so o título de Corpos paisaxe… Que ocorreu con esa obra poética?

Cando recibín a noticia de que o meu libro Corpos paisaxe resultara premiado co “Iº Premio de Poesía Avelina Valladares” do concello de A Estrada non puiden sentir maior alegría. Nas Bases da convocatoria facíase constar que, amais da dotación en metálico, o premio incluía a publicación da obra, que é o verdadeiramente importante, alomenos para min. Porén, ignoro que foi o que pasou (o último que sei é que había un acordo de publicación entre o concello e a editorial Espiral Maior que finalmente nunca se concretou) pero aquela obra lamentablemente quedou sen editar e iso é un lastre para a imaxe de calquera premio literario que non cumpre co establecido nas Bases.

Os premios adoitan marchar da man de Modesto Fraga… É esta a fonte necesaria para a publicación da nosa poesía? Pode o virtual axudar na expansión e universalización da nosa poesía?

Sempre concibín os premios literarios coma unha plataforma útil para dar a coñecer novas voces e para facilitar novos discursos se queremos pulsar a situación que vive o noso sistema literario. Non todos os premios literarios son xustos á hora de emitiren nos seus ditames, pero iso non significa que estean amañados ou que non constitúan unha ferramenta axeitada para posibilitar a aparicións de novos autores e autoras. No meu caso, recoñezo que sempre tiven boa fortuna neste aspecto e non me podo queixar do recoñecemento obtido ao longo destes anos. Por outra banda, é evidente que no mundo global no que vivimos os novos soportes dixitais xogan un papel determinante no que atinxe á difusión da creación literaria e, ademais, posibilitan, pola súa inmediatez, que cheguen a un número de lectores e lectoras certamente elevado.

A fins do século pasado viu a luz unha obra poética túa Mar de ausencias que posibelmente sexa unha das maiores mostras poéticas verbo da Costa da Morte… ah, e unha moi sentida homenaxe a aquelas persoas do mar, dese duro e magnetizador mar… Foi este o cometido pretendido polo autor?

Por suposto. En Mar de ausencias quixen render merecido tributo aos vellos lobos de mar fisterráns e tamén, por extensión, a todos os mariñeiros que, día a día, combaten en desigual loita con Poseidón nas perigosas augas da costa atlántica. Recentemente, decidín complilar toda a miña poética do mar nun volume titulado Atlántica luz. Poesía mareira (1995-2015), que inclúe fotografías antigas de Fisterra e as coordenadas cartográficas de todos e cada un dos poemas que figuran no libro.

Xa certo día llo preguntabamos a María Canosa, esa escritora que sente “roncar o mar”, ese duro mar… que ten a Costa da Morte, o seu mar, para crear esa forte simbiose entre os e as poetas con el?

Coido que é imposible vivir rodeado de mar de norte a sur, de babor a estribor e, ao mesmo tempo, que este poderoso océano non estea presente no noso ideario creativo. Eu sempre digo que non deixa de ser curioso que os romanos bautizaran o noso pobo co topónimo Finis Terrae, o fin da terra occidental, cando se algo é Fisterra –e abonda con ollar ao noso redor- é mar e mar e mar. Curioso, verdade?

modesto-fraga-con-alejandro-finisterreTampouco podemos esquecer que outros temas (amor, compromiso, o fuxidío do amor co seu “tempus fugit”…) van aparecer nos teus versos… É isto mostra de madurez poética ou meramente circunstancial?

Se hai dous leitmotiv recorrentes na miña poesía eses son, sen dúbida, o amor e o mar. Desde a publicación do meu primeiro libro Do amor salgado (1997), pasando por Mar de ausencias (1999. 1ª Ed e 2009. 2ª Ed.), Ese estraño silencio (2002), Derrotas con raíces (2007), Atlántica luz (2015) ou Adagio por outono, poemario que vén de gañar o XLI Certame de Poesía do Concello de Vilalba e que vai publicar Alvarellos Editora o vindeiro ano, tratan case exclusivamente estes dous temas. Porén, o compromiso social co país e coas súas xentes, tamén é unha constante na miña produción literaria, como non podía ser doutro xeito.

Realmente a poesía é para ti “o gran milagre do mundo” tal e como reza nunha obra colectiva na que participaches ou simplemente é a mostra da sensibilidade e compromiso do poeta co seu mundo, consigo mesmo…?

Eses versos fermosísimos de Luís Pimentel reflicten, ao meu entender, a meirande mostra de amor do poeta para cos valores do Humanismo. En síntese, o verdadeiro poder da poesía radica na súa función social, mais tamén na súa humanidade capaz de facer sentir ou de “dicir o que non se pode dicir”, en palabras de José Hierro. Ese –e non outro- é o grande milagre da poesía.

E recentemente saíu á luz unha recompilación da túa poesía do mar Atlántica luz. Poesía mareira (1995-2015). Unha nova homenaxe ao teu mar, ao mundo do mar, ás súas xentes…

Si, efectivamente, en Atlántica luz. Poesía mareira (1995-2015) están vinte anos de poética do mar a modo de tributo aos homes e mulleres nados ao abeiro do Promontorium Nerium.

Que supuxo para un home-poeta tan identificado co mar, coa Costa da Morte, cando a comezos deste século este mar se viu tinxido de negro? Sentícheste un Manfred Gnädinger?

Nunca esquecerei o día no que a incompetencia política, a cobiza e a indignidade humana tinguiron de negro as luminosas paisaxes da Costa da Morte. É máis, nunca se irá de todo ese cheiro a chapapote que nos acompañaba a todas horas aqueles días de novembro de 2002. Manfred morreu de pena cando foi consciente da dimensión da catástrofe e nós, os habitantes desta paisaxe milenaria, cando recoñecemos a simple vista a nosa fráxil vulnerabilidade.

Dicía Vicente Aleixandre que “a poesía ten que ser humana; se non é humana, non é poesía”. Estás de acordo con isto o máis ben optas por certo vangardismo?

Estou absolutamente de acordo con esa reflexión do grande poeta Vicente Aleixandre. A poesía sen alma pode ser calquera cousa menos poesía.

portada-atlanticaFuches o gañador dun certame poético verbo dos faros da Costa da Morte… Que simboloxía poética teñen estes faros para un identificado fisterrán?

Para calquera persoa que viva nun porto de mar, coma é o meu caso, os faros son as nosas atalaias, os eternos vixiantes que nos protexen, sempre á espreita. O faro de Fisterra, sen ir máis lonxe, é un dos principais referentes da navegación marítima e, nese senso, son moitos os poemas que lle levo escrito, tanto ao faro como ao edificio anexo, coñecido como A Vaca, último sinal sonoro de Europa.

Ah, e que sentiches cando te viches premiado por un xurado case formado por camaradas do “Batallón”?

Sentín unha enorme satisfacción, por suposto, pero non só pola indubidable calidade do xurado (que tamén) senón por acadar un galardón con ese simbolismo tan grande e tan profundamente inzado de salitre.

Tamén vemos o teu labor no “Pen Clube de Galicia”… Que representa esta asociación para a nosa literatura?

O P.E.N Clube foi durante anos unha parte importante da miña vida. Foi nesta asociación de escritores e escritoras onde puiden ver cumpridos algúns dos meus soños, como viaxar a distintos lugares de grande interese desde o punto de vista literario (México D.F., Venecia, Toulouse, Barcelona, Lisboa, Madrid, Valencia…) e, asemade, coñecer en persoa algúns dos escritores máis sobranceiros da literatura mundial (Ernesto Sábato, Antonio Gamoneda, Derek Walcott, Isabel Allende, Francisco Brines, José Saramago, Eugenio de Andrade, Mario Vargas Llosa ou Carlos Fuentes, entre moitos outros). Ademais, claro está, de forxar unha estreita amizade con colegas da escrita como Xesús Rábade, Bieito Iglesias, Gonzalo Navaza, Helena Villar Janeiro, Miro Villar, Xavier Seoane ou Luís González Tosar, entre outros.

E para rematarmos, participaches no proxeto “Letras de Cal”. Que supuxo este proxecto poético no seu lustro de existencia para a nosa poesía contemporánea?

“Letras de Cal” foi un proxecto editorial humilde, unha especie de cooperativa de creadores e creadoras, que supuxo un antes e un despois no noso sistema literario. De entrada –e quizais o máis importante- porque servíu para dar a coñecer novas voces de grande talento, hoxe xa consolidadas (María Lado, Sechu Sende, Igor Lugris, Verónica Martínez, etc) e, en segundo lugar, porque demostrou que se pode publicar neste país sen estar condicionado polas subvencións públicas nin outro tipo de intereses alleos á calidade literaria. Foi unha experiencia certamente interesante da que se falará, supoño, no futuro.

modesto-fraga-asinando-exemplares-atlantica-luz

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 23 de Outubro do 2015 | 10:53 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura