publicidade hoxe
Antonio Reigosa: “O inmaterial é a tona da cultura, a pel que a protexe das agresións colonizadoras” - Cabecera

Antonio Reigosa: “O inmaterial é a tona da cultura, a pel que a protexe das agresións colonizadoras”

antonio-reigosa-6

Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958). A súa actividade cultural está practicamente enmarcada no aspecto creativo, especialmente na literatura infantil e xuvenil, con obras coma Memorias dun raposo (“Premio Merlín”, 1988) Resalgario (“Premio Raíña Lupa”, 2000)… e tamén no campo da nosa literatura oral e popular, na mitoloxía popular, etnografía… onde cómpre salientarmos o seu labor á fronte de “Galicia encantada” e doutras revistas de temática semellante.

Amigo Antonio, comezamos por algo co que supoñemos xa estás moi afeito a convivir, e é Mondoñedo, Álvaro Cunqueiro… Cando hai de Cunqueiro en Antonio Reigosa? 

Igual que hai territorios que quedan gravados a lume no noso ánimo, tamén hai persoas que deixan marcas na nosa forma de entender o que pasa no mundo. Non sei se hai ou non hai pegadas de Cunqueiro no que fago, pero si que me gustaría que as houbese. Síntome debedor da súa obra.

Vamos con algo persoal… Normalmente cando alguén quere derrubar unha rocha, un penedo… (Pena Morcán) é que quere derrubar figuradamente un mito, un símbolo… Por que esa teimosía en Antonio Reigosa?

Non se trata de derrubar por desfacer senón por saber que pasaría despois. É curiosidade. Os mitos son o misterio que nos acompaña e vivir non deixa de ser un constante pelexar por descubrir ese misterio. Temos a obriga de reinventarnos xeración a xeración.

Facer un traballo de campo na procura de lendas, contos… orais e populares e pasalo á escrita é procurar non perdelos ou impedirlles seguir medrando debido á súa transmisión oral?

É unha das maneiras que se nos ocorreu para que non se esquezan, sen que por iso se lles couten as medras no soporte oral. É unha metodoloxía, pero hai outras maneiras de conservalos e, ao tempo, intentar tamén que sigan vivindo no seu medio oral.

antonio-reigosa-3Canto lle pode facilitar a un narrador o coñecemento profundo da literatura popular á hora de escribir, especialmente para as idades máis temperás? 

Para min resultou fundamental pois creo que a literatura para os máis pequenos debe estar apegada á oralidade, ao son da voz dita por un pai ou unha nai. A arquitectura do texto oral está moi ensaiada por moitas xeracións, por iso resulta sempre efectiva, o que non impide que o que se di desa maneira sexa diferente en cada caso. Vale o molde, pero o sabor non ten porque ser necesariamente o mesmo que lles gustaba aos nosos avós.

Tes dito que “O patrimonio inmaterial é o máis fráxil elo dunha cultura”. Non botas moito de menos unha maior protección deste patrimonio a nivel institucional e que fique a súa protección especialmente de maneira individualizada?

A mellor protección é procurar que se coñeza o inmaterial, que se saiba que existe porque é imprescindible para poder considerarnos xente transmisora de saber e de emocións. Por outra parte, o inmaterial é a tona da cultura, a pel que a protexe das agresións colonizadoras. Que as administracións se decaten, sería tocar o ceo.

Se antes falabamos do mestre Cunqueiro, tamén cremos que ao mellor o lugués Ánxel Fole pode ser outro dos alicerces para a túa investigación, ou non? 

Fole representa outra maneira de achegarse ás esencias simbólicas. Mentres Cunqueiro constrúe novas miradas do noso, Fole revélanos o negativo latente, extrae a imaxe esencial que nos retrata. Ambos son ourives que usan técnicas diferentes, pero sempre mestres capaces de orientar a nosa forma de ver o mundo.

Lendas, mitoloxía, fábulas, contos… Canto queda por estudar, pescudar… desta literatura oral e popular en Galiza?

Afortunadamente, o corpus do que chamamos literatura de tradición oral está nun proceso recreativo continúo; actualizándose, adaptándose, reinventándose… Sempre quedará moito que facer porque cada día hai algo novo que descubrir. Ningunha obra está acabada, todas teñen marxe de mellora e esta máis.

Pode un pobo esquecer o seu pasado cultural? Non será este pobo un pobo fanado?

Non é recomendable rachar coa tradición cultural; corremos o risco de desorientarnos e de non saber quen somos nin a onde queremos ir. E non hai que interpretar isto desde unha óptica exclusivamente conservacionista senón, sobre todo, como unha idea propiciatoria dun futuro esperanzador. O pasado é o osíxeno do presente e do futuro.

Temos que dicir que Lugo é un espazo fundamental na investigación e divulgación da nosa literatura oral e popular. A que se pode deber isto? Podería ser que neste espazo esta literatura ocupase un oco moi relevante, por moito que exista en todos os lugares?

Lugo non é diferente ao resto do país. Tras da Xeración Nós quedou no ambiente a idea de que as terras estudadas por aqueles sabios eran como unha reserva cultural cando, en realidade, tiñamos o seu nome en conta porque eran as mellor coñecidas. Nos últimos tempos, se cadra, en Lugo estanse realizando máis actividades relacionadas coa literatura oral, desde xornadas a obradoiros, polo que pode aparentar que este patrimonio estea máis vivo ou resiste mellor o paso do tempo cando só é que se fai máis ruído que noutros lugares.

antonio-reigosa-1Se antes falabamos de Cunqueiro, resulta que outro autor de “Terras de Miranda” tamén poida que tiver algo que ver no teu traballo, estamos a nos referir a Antonio Noriega Varela, e unha obra como sería Como falan os brañegos e que despois vemos en ti a obra conxunta titulada Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín. Son abondas e importantes as fontes onde bebiches…

Noriega fixo un traballo magnífico cando exerceu de mestre por Vilarente, no concello de Abadín, que foi cando recompilou dos brañegos léxico e literatura oral. A súa sensibilidade converteuno nun referente tamén no campo da investigación etnográfica, por iso lle rendemos esa modesta homenaxe cando lle puxemos título ao traballo do Equipo Chaira polas terras de Abadín.

Non podemos deixar de che preguntar pola xenial revista “Galicia encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia”. Están medianamente cumpridos os obxectivos cos que naceu esta revista? Canto queda aínda por explorar? 

A pesar de que xa conta dez anos de vida, “Galicia Encantada” segue sendo unha obra en construción, unha obra inacabada pero con vontade de estar viva. O seu principal obxectivo era chamar a atención sobre este patrimonio e, nese sentido, estamos satisfeitos do camiño andado. Mais, o futuro é unha obra que comeza cada instante. Así que, comezamos!

E tampouco podemos esquecer outras moitas revistas con obxectivos similares (“O pazo das musas”, “A voz dos carraos”, “Castronela”) onde tamén te achamos a traballar… Non debería haber un abano máis grande deste tipo de xornalismo específico?

As revistas orais son formatos vivos que se prestan a calquera tipo de contidos. Pretenden ser a voz do día a día, o pulso do que pasa nas artes ou na cultura. Unha revista oral non é máis que o discurso organizado do que sucede no mundo que nos interesa. Escribir coa boca e ler cos oídos.

Canto de interacción existe entre a literatura oral, a mitoloxía… e a vida real?

Eduardo Galeano foi un mestre desa interacción. Cada relato, cada reflexión, cada opinión deste gran pensador é unha mostra intelixente de que o tradicional aporta reflexión ao actual. Lendo a Galeano, lemos sentenzas dun intelixente dun mundo en extinción.

A literatura oral e popular ten unha calidade que é a diversidade… como se fai para, á hora de pasala á escrita, optar por unha determinada versión?

Transcribir o escrito oralmente non deixa de ser unha traizón ao soporte e ao pensamento do seu autor ou autora. Aínda así, merece a pena intentalo. Chegar coa letra impresa a onde non chega a voz de quen emite esa mensaxe. A versión final non vai ser a do emisor nin a do transmisor, senón a que sexa quen de construír o receptor. Complexo pero real e certo; o que queda é o que percibimos, non o que recibimos.

No 1998 comeza a túa andaina literaria, cando menos a nivel de publicación, e nin máis nin menos que facéndote merecedor do “Premio Merlín” coa obra Memorias dun raposo. Xa comezamos cun dos animais máis omnipresentes na nosa literatura popular, non?

O raposo é o paradigma do comportamento humano; cativo fisicamente pero áxil intelectualmente. Esa é a mensaxe da fábula, sobrevivir en medios hostís. Representa moi ben o modelo da cultura do mundo onde nos desenvolvemos; resistir, aínda que sexa facendo trampas. Quen inventase a fábula, moito antes por suposto do vello Esopo, sabía moi ben o que facía.

antonio-reigosa-2Con esta obra tamén fuches finalista do “Premio Nacional de Literatura Infantil” ao ano seguinte. Pode ser por estas nominacións polo que sexa quizabes considerada a túa obra máis representativa? Hai algunha outra que para ti for máis querida e que pasase máis desapercibida?

Seguramente. Aparecer nominado para premios ten consecuencias. Pero escribín e fixen moitas máis cousas; dunhas síntome moi satisfeito, doutras non tanto, pero creo que o quen importa é o conxunto, a liña de traballo que permanece no tempo. Ao final do percorrido, serán outros e outras os que valoren se mereceu a pena. Agora só podo dicir que quero seguir avanzando.

E voltamos á túa faceta, digamos etnográfica… Levas anos coordinando, xunto a Isidro Novo, as “Xornadas de Literatura Oral” verbo dos máis variados temas (demo, morte, mouros, monstros, amuletos…). Que procuran estas “Xornadas”? 

Son xa sete, estamos preparando as oitavas, xornadas dedicadas a diferentes temas monográficos onde a literatura oral é o soporte documental de referencia. Nunca antes se fixera un esforzo tan continuado no noso país sobre estes temas. Cada xornada, os diferentes especialistas que participan (aí están as actas que publicamos) fan un enorme esforzo por actualizar e dar a coñecer o noso saber sobre estes temas. Temos grandes especialistas entre nós, e traemos tamén investigadores que desde outras culturas e puntos de vista axudan a contextualizar a nosa visión de cada asunto. Que procuramos? Facernos ver!

Cumpriría aínda máis aproveitarmos a universalidade da rede para espallar máis a nosa literatura oral e popular, a nosa mitoloxía…? 

A rede é unha gran oportunidade para a oralidade e paras as culturas marxinadas como a nosa. Unha ventá ao mundo que endexamais no pasado se puido soñar. Eu confío en que sexamos quen de aproveitala, de facernos ver no mundo. Hai moi poucos días, o escritor brasileiro Luiz Ruffato dicía aquí en Lugo que había moi pouco tempo que descubrira que existía o galego como lingua viva, e que esa lingua era a lingua nai da que el usaba. Unha linga é moito máis que un código, é un trasatlántico cargado de símbolos culturais. Internet é, se cadra, a última oportunidade para facernos ver.

Até que punto temos un compromiso real de transmitirmos a nosa literatura oral e popular ás novas xeracións vendo a falta de interese institucional por perpetuar e pasar este relevo literario, social, cultural…? 

O compromiso é social, afectivo e necesario. Por tanto, quédanos saber levar ás institucións, ás persoas que sexan sensibles, a esa necesidade. A ecuación é simple; somos conscientes do que hai que facer, logo temos que facer o necesario para que nas institucións haxa persoas conscientes desa necesidade.

E para rematarmos, vemos que podes presumir de seres profeta na túa terra xa que vés de ser recoñecido como “Cronista oficial de Mondoñedo”, inda que xa antes foras nomeado “Lucense do ano” no ano 2002. Que supuxo para ti este feito? E para o teu futuro literario e investigador? 

Non sei o que vai pasar no futuro pero si sei que aceptando ser Cronista Oficial de Mondoñedo, comprometinme de por vida a exercer como tal e a pregoar a excelencia de Mondoñedo alí onde me sexa posible. Por outra parte, Mondoñedo é un referente modélico, unha marca única no ámbito cultural galego. Hai detrás unha historia, persoeiros ilustres, institucións, emocións… Mondoñedo dá prestixio a quen di o seu nome e eu fun honrado cun título que só podo agradecer traballando por e para Mondoñedo. No futuro sei que a cada paso, na escrita ou no que diga ou faga, sempre terei no pensamento a palabra “Mondoñedo”

antonio-reigosa-4

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 17 de Xuño do 2015 | 11:23 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura