publicidade hoxe
Silvia Penas: “a poesía ofrece a posibilidade de que o terreo queimado alume” - Cabecera

Silvia Penas: “a poesía ofrece a posibilidade de que o terreo queimado alume”

silvia-penas-1

Silvia Penas Estévez (Vigo, 1980). Acaba de gañar o XIXº “Premio de poesía Avelina Valladares” coa obra Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, obra que vai ver a luz en vindeiras datas no marco da “Festa da poesía” que anualmente se celebra na Estrada. Anteriormente xa ten recibido premios abondos onde poderiamos destacar o “Premio de poesía Manuel Lueiro Rey” (2013) co poemario As uñas crecen. É unha poeta moi presente en recitais poéticos, proxectos literarios…

Sempre estamos a falar de que os premios son aquel banzo case necesario para a publicación poética… ti que tes abondo premios, que ocorre coas futuras publicacións?

Se te refires ás miñas publicacións futuras, de habelas, serán auto-edicións. Estou agora traballando nun álbum ilustrado coa ilustradora Andrea Jano e a nosa intención é auto editalo. Tal como vexo o panorama editorial galego esa paréceme a mellor opción.

Tes dito que o importante é que a poesía “alume”… esta lumieira que ten que procurar? 

O que dixen concretamente é que a poesía ofrece a posibilidade de que o terreo queimado alume, é dicir, que os cascallos, a ruína, as cinzas poden abrir novos camiños, para deixar atrás as cinzas, a ruína, os cascallos.

O que procura é dicir algo cando xa foi todo dito.

Se no teatro a posta en escena é a finalidade, que dicirmos dos recitais poéticos?

Os recitais poéticos, polo que teño visto ao longo destes anos teñen diferentes finalidades. Hai recitais que se fan para dar a coñecer a obra de autoras e autores, outros que son de estilo clube de lectura, daquela o obxectivo é ter unha experiencia de lectura diferente, neste caso como oíntes. Hai recitais que teñen como finalidade entreter e deleitar, onde a posta en escena é moi importante. Eses son os que a min me gustan, confeso, os recitais que están traballados e dirixidos á creación dun espectáculo poético, se se quere escénico.

E de recitais poéticos si que nos podes falar abondo xa que es unha asidua participante incluso alén as nosas fronteiras (“poetry slam galego”) en diferentes “Gran Slam” de Madrid, Barcelona…

Si, teño participado en todo tipo de recitais, con diferentes formatos e finalidades. Levar á escena os textos é unha teima que teño desde ben cativa. Respecto aos recitais alén das fronteiras que mencionas, prefiro xogar na casa.

cartel-espectaculo-cinta-adhesiva”Ola ríos, ola fontes”, un obradoiro de creación. Cantos destes proxectos cumprirían para incentivarmos as mentes máis novas para evitarmos aquilo de “adios rios, adios fontes”, e que esas novas fontes non deixen de burbullar, non? 

Pois si, pero o panorama está moi complicado. Estes proxectos son moi interesantes e serven, pero claro, ocupan unha porcentaxe moi pequena na vida dos cativos. Complicado.


E nestes proxectos (“Tristecentos versos”, “Cintaadhesiva”) a música si que cobra unha máis que relevante importancia, como ten que ser en toda poesía que se precie, non?
 

Non ten por que, creo eu. Hai poesía marabillosa que non atende ao ritmo ou á música, e o seu cerne está noutro lado: no discurso que propón, na asociación de conceptos, de imaxes. Pode ser estética e prosaica á vez. De calquera modo eu tendo á música interna do texto e o acompañamento musical, como era o caso de “Tristecentos versos”, viste moito os poemas. En “Cintaadhesiva” é diferente, xa que non se trata dun acompañamento, senón de cancións, onde ás veces a voz canta e outras veces recita. Cancións faladas chámolles eu. Neste sentido o que facemos en “Cintaadhesiva” é máis un concerto poético ca un recital con música.

A poesía é posibelmente o xénero literario onde o eu da autora ou do autor está máis presente, daquela, como xustificar unha obra poética a catro mans (Elvira Riveiro)? 

Elvira Riveiro é unha das voces da poesía galega actual que me resulta máis interesante, a súa evolución, por iso para min foi un pracer e unha honra escribir ese poemario canda ela. Foi un diálogo poético, onde un poema de Elvira suscitaba un meu, e ao revés.  Non creo que o xénero poético estea restrinxido a un”eu” que proveña dunha única autora ou autor, o noso caso é un exemplo, pero hai máis.

No 2013 a túa obra As uñas crecen enceta como gañadora o “Manuel Lueiro Rey” e foi publicada un ano despois… unha metáfora da pasaxe do tempo, do proceso persoal, non? 

Si. O proceso da perda, concretamente. Para min As uñas crecen ten dúas partes, a primeira ten que ver coa perda da identidade e da voz, da incapacidade de rebelarse,  a anulación como persoa que se produce en situacións vitais e emocionais límite e a vontade de darlle a volta a todo iso. Na segunda parte está a perda das capacidades físicas a través da doenza, da perda que supón a morte das persoas que temos ao redor, e outra vez a necesidade de darlle a volta, de reparar, a través da escrita.

portada-as-unas-crecenTemos visto por aí que para ti “a poesía é ficción”… A poesía de Silvia Penas non ten nada de realidade, de persoal? Poderiamos dicir -tendo en conta este comentario- que o vangardismo profundo aniña na túa obra? 

Creo que a poesía non pode expoñerse a esa dicotomía verdade/non verdade.O discurso poético é unha construción artística, e por iso provoca que non teña sentido unha oposición supostamente ontolóxica entre sentimentos verdadeiros e falsos. Non ten importancia se os referentes son reais en canto que se trata dun falar imaxinario cun falante ficcticio. Se o que me preguntas é se hai algo de  min nos poemas, do que me pasa e vexo no mundo, entón si. Nese sentido escribo coa carne e todo o que provoca unha tensión, que abre furados, iso é o que despois utilizo como materia, pero esa materia ten detrás un discurso, un construto artificial.

Por exemplo Diario de ladras… non se trata dun diario persoal coa literalidade de contar confesións, a pesar da palabra “diario”, que ademais neste caso vai como sinónimo de “xornal”.  A voz do “eu” que o percorre son moitas voces. E as lectoras e lectores achéganse aos textos literarios con ese pacto, o pacto de saber que no texto hai outro mundo onde as posibilidades son diferentes das do real. Dubido que alguén lea poesía para coñecer as intimidades de quen o escribiu (iso espero, hehehe).

E teimando no anterior, a rebeldía que se enxerga nesta obra, e outros versos teus, que ten ou non ten algo do eu de Silvia Penas?

“Rebeldía” é una palabra que me soa case vintage, talvez porque lla teño oído aos meus país referíndose a min desde moi cativa centos de veces. Son una persoa impulsiva que explosiono e preciso dicir e dicir e volver dicir e que se me escoite, e explicalo todo e que quede ben claro e enfángome cos conflitos cun sentido moi acusado da xustiza, que ás veces me fai saír moi mal parada. Deféndome ata a saciedade e se non estou de acordo con algo persisto na miña postura ata o final.

Sempre pensei que era “teimosa”, pero pode ser que sexa rebelde.

A miña irmá Lorena, que é una das persoas a quen vai adicado este libro, é moi tranquila e calada e os meus pais nunca lle chamaron rebelde, pero é bastante máis rebelde ca min.

Recentemente acabas de acadar o XIXº “Premio de poesía Avelina Valladares” coa obra Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, obra que en breve vai ver a luz… Como se xermolou este poemario?

portada-de-diario-de-ladrasPois xermolou a partir da descoberta, grazas á miña amiga Iria Presa dunha edición facsímile de “Diario de los asesinos” (Órgano oficial de acuchilladores y ladrones), un xornal publicado en Lyon en 1884, do que non se sabe moito, pero suponse que os nomes ficcticios dos asasinos que aparecen esconden a man de grandes escritores. Hai poemas, obras de teatro, crónicas. Pareceume xenial a idea de ter un órgano de difusión para as persoas dedicadas á delincuencia.

Entón pensei que sería interesante facer un xornal deste tipo para as mulleres e os homes que quixeramos divulgar os problemas sociais e persoais que xorden polo feito de ser mulleres, que creásemos historias ficticias  de vinganza e cousas así divertidas, e que servise tamén para a auto-crítica a análise da nosa responsabilidade como mulleres e, por suposto, aberta á participación de homes, a incitación a que falen destes temas como algo que tamén lles incumbe.

Para facer todo iso necesitaba moito tempo e colaboracións, dispoño de moi pouco tempo, son traballadora en múltiples ámbitos, todos os meus empregos son discontinuos e ando todo o día dun lado para outro, ademais tamén son nai, difícil construír algo tan grande, así que escribín un poemario porque tiña que escribir algo. Moito do que pensara previamente quedou polo camiño.

No limiar a esta obra Iolanda Zúñiga di o seguinte: “A única intención é a de desacreditar, a golpe de furia e desafío, a eses pesos pesados que nos fan adversarias de nós mesmas.” Podemos encetar a lectura do teu poemario dende unha óptica reivindicativa feminista? 

Podemos facelo así, por suposto.

E aquí acharemos á poeta coma unha vate deixando de lado as ideas de liberación e calzando luvas de boxeo para se pór a loitar… como nos deixa intuír a propia Iolanda… 

Hai un intento de “xustiza pola man” neste poemario, simbólico, de ritualizar o exercicio da escrita para reparar, vingar dalgunha maneira. E para esa xustiza teñen tamén que expoñerse as miserias propias, as contradicións, a violencia que hai en cada conflito, etc.

No mesmo título vemos mulleres e flores… e incluso en versos como :”En posición de ataque // a muller que baila coas flores // trata de morder o bordo tenso da noite ”… muller, flores… e noite, escuridade… 

Unha vez comentoume unha amiga miña que no meu punto de vista á hora de crear hai algo escuro, unha tendencia á sordidez. E co tempo vexo que se acentúa, unha especie de melancolía sórdida, un desencanto que abrangue incluso os meus recordos, mesmo que sexan recordos felices. De todos os xeitos é algo que está aí na vida: a sombra provocada pola luz e viceversa.

silvia-penas-2Na nosa lírica -e por desgraza na nosa sociedade- a muller adoita aparecer discriminada… xa dende aquelas “soldadeiras” medievais… Abondará coa palabra para facer que esta visión mude ou haberá que coller as luvas de loita?

A palabra serve, sobre todo para chamarlle ás cousas polo seun nome. Chamarlle aos crimes de violencia de xénero “asasinatos”, chamarlle “machistas” aos homes e mulleres que o son. Poñerlle nomes e apelidos ás persoas implicadas, etc.

Coa palabra poética non abondará, axuda como ritual a reparar un pouco o dano persoal. Falar, no sentido da linguaxe natural, ir ao plano do real, dar nomes e apelidos, pode axudar no social.

Até cando as ladras, as bailarinas, as asasinas terán que seguir nesta sociedade machista en alerta, tal e como vemos nos derradeiros versos do poemario (e alí // en permanente alerta // bailan )? 

E aínda menos mal se hai alerta, o problema é que á maioría cóllennos nas patacas, totalmente desprevidas. A alerta non está de máis neste sentido, sempre e cando a pesar da alerta, sexa posible o baile.

E relacionado co anterior ao mellor temos que reflexionar verbo dunha actividade que acaba de ter lugar dentro do “Festival Internacional de Teatro de Ourense” e estamos a nos referir ao “Enconro Mulleres creando”… “Somos actrices, é dicir mulleres traballadoras, e como tais sentímonos dobremente agredidas.” Até cando esta loita incluso no espazo cultural onde debería de estar máis que superado? 

Para responder a esa pregunta habería que ver as estatísticas respecto á presenza das mulleres que traballamos no sector cultural, e habería tamén que ir ás nosas casas e ás casas dos homes deste sector.

silvia-penas-3No espazo cultural o que está superado é o discurso. Os intelectuais, as persoas da cultura en xeral, teñen coñecementos teóricos abondo para falar de feminismo, para saber o que teñen que dicir e como teñen que comportarse para seren unhas persoas respectuosas co tema de xénero, outra cousa é o que fan na súa vida privada, e os seus movementos non tan públicos. Ese territorio, que se chama “cuestións persoais”  e que eu considero que nos incumbe a toda a sociedade, é un territorio sen lei. Os límites da desigualdade son difusos, as reaccións do contorno son indefinidas, non hai un posicionamento, e moitas veces precisamente todo isto se ampara no poder que confire ser un intelectual, e estar nun ámbito cultural, onde se presupón, como ti ben dis, que este tema está máis que superado.

A nosa poética popular xa dende antano ten moito que agradecer ás “regueifas” (aquelas “tenzóns” medievais)… É posibelmente o xénero popular que máis requira da improvisación e da arte lírica?

Da improvisación, desde logo, e teñen o seu correlato actual no rap e o hip-hop. Da arte lírica… cada estilo require a súa arte.

E para rematarmos, amiga Silvia, unha pregunta abondo recorrida no tema lírico… pode o virtual, a rede, revitalizar a nosa lírica?

Poode axudar, desde logo. A accesibilidade deste medio permite chegar a moitas máis persoas e en diferentes formatos ademais, podemos ver un videopoema ou ler uns versos, ou escoitar un recitado.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 21 de Decembro do 2015 | 10:59 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura