Francisco Castro
Como definirías o presente do panorama editorial galego?
O presente é complicado. A crise económica está a golpear moi duramente a un sector que está a ver mermada a súa capacidade de actuación e vendo moi ameazado o noso futuro. Como en tantas outras cousas, non se corresponde o nivel da calidade do que facemos, o ben que editamos, a modernidade do noso traballo, co apoio que, por exemplo, dende a administración (que ten obriga moral e estatutaria de apoiar a cultura galega), recibimos. Así que a resposta é que o vexo difícil. Pero somos unha cultura resistente. Aguantaremos. Sufrindo. Pero sairemos adiante.
Parece ser que a lectura infantil está nunha fase de puxanza, que hai de certo?, teremos ou non unha boa xeración de lectores asiduos o día de mañá?
A Literatura infantil e xuvenil en Galicia está vivindo un intre de esplendor. Parece unha frase feita e un tópico, pero é verdadeiro. Feitos como a entrada de Fina Casalderrey na RAG así o confirman. Lésenos en Galicia e tamén fóra de Galicia. E son milleiros os nenos e nenas que len en galego as historias soñadas polos nosos autores e autoras. Agora a clave é saber se van desertar do galego despois como lectores e lectoras. A prescrición educativa fai que lean e gocen da nosa LIX. Pero debemos teimar para que tamén se enganchen á nosa literatura de grandes.
Galaxia vai camiño dos 63 anos de existencia e conta con máis de 2.000 títulos no seu catálogo, que define en esencia a esta grande e veterana da edición en galego?
A fidelidade ao proxecto soñado polos fundadores en 1950: a lingua galega como estandarte, e o desexo de editar a mellor literatura e traer a mellor literatura do mundo para o galego, por iso sempre as traducións nos pareceron tan importantes.
Cal é, con respecto ao libro editado, o soño confesable dun equipo como o que compón editorial Galaxia?
Eu creo que o mesmo soño de calquera editor: facer un libro-xoia, saber que o que sae do prelo do teu traballo de edición é insuperable…
Que vende máis Galaxia, obras galegas clásicas ou contemporáneas?
Hai unha feliz mestura en canto a resultados. Hai autores novos, coma Domingo Villar, que venden milleiros de exemplares con cada nova novela. E logo, Castelao, Blanco Amor, e outros clásicos, seguen a ser ano tras ano dos máis vendidos.
Unha curiosidade, e non che pido que nos digas o seu nome, pero, cantos escritores galegos poden vivir exclusivamente da literatura? ou iso é unha utopía?
Pois sinceramente non é un dato que coñeza aínda que me poda facer unha idea de que é difícil vivir exclusivamente dos dereitos de autor en galego. Oxalá o noso mercado dese para iso e para moito máis. Eu, como autor, a verdade, é que nin mo planteo. O meu oficio é escribir. E eu vou tentar escribir os mellores libros do mundo na miña lingua, sen plantearme, porque non me interesa, o asunto da profesionalidade. De feito, non creo que escribise mellor sendo un escritor profesional. Eu sempre lle fago esta reflexión aos mozotes cando visito os institutos: que se quixera vivir dos dereitos de autor escribiría en castelán. Os que o facemos na lingua do país non o facemos por cartos, dende logo.
Por último queremos que nos suxiras, de entre as vosa novidades, un título para os lectores de Noticieirogalego.com desta semana.
Pois, sen dúbida, O principiño, de Antoine de Saint-Exupèry, que acaba de chegar ás 20 edicións en galego dende aquel afastado 1972 en que saiu do prelo de Galaxia traducido por Carlos Casares.
O PRINCIPIÑO é sempre un clásico ao que volver. Un deses libros que a pesar de que hai unha morea de anos que xa se publicou, segue turrando do interese dos lectores e das lectoras xeración tras xeración. En Galaxia publicámolo no ano 1972, en tradución de Carlos Casares, que era, ademais, un gran coleccionista de edicións de O PRINCIPIÑO. E levamos xa vinte edicións na nosa lingua, e non precisamente edicións pequenas, o que dá a medida dos moitos seareiros e seareiras que tamén ten na nosa lingua. O libro está ademais acompañado das ilustracións orixinais, o cal é un acerto, porque imaxino que ninguén é capaz de imaxinar ao Principiño con outro aspecto que non sexa ese.
En definitiva, é un texto máis que recomendable porque é un clásico absolutamente actual que nos deixa claro que, na vida, máis que buscar o importante o que hai que procurar é o esencial.