Andrés Pociña: “Ler e meditar as obras dos clásicos viría moi ben neste mundo que anda a trancas”
E aí é onde nos decatamos da importancia da labor dos docentes. Nunha sociedade onde resulta cada vez máis difícil abrir a fiestra da reflexión, Andrés Pociña trata de transmitir ós seus alumnos ó amor pola lectura. O mesmo amor que el lle ten ó teatro, a poesía, ó ensaio,… O mesmo que el lle ten á Literatura. |
Nome e apelidos: Andrés Pociña Pérez Un lugar: Lugo Un hobby: ler poesía Unha comida: grelos con lacón e chourizo Unha virtude: teimar ser un bo profesor Un defecto: non saber dicir non Un soño: ver lugares que aínda non vin |
Como profesor que é vostede Andrés, relacionado ademais con materias de Humanidades e Filosofía, o primeiro que me gustaría saber é, como están as cousas neste senso?
Vaia por diante que a miña relación é coas Humanidades (Filoloxía clásica, Tradición clásica nas literaturas modernas, Literatura galega, Teatro), pero non teño relación directa coa Filosofía. Nos campos da miña dedicación, as cousas non están todo o ben que deberían, pero tampouco van tan mal como por veces se pensa. Malia a suposta crise que inventou este capitalismo desaforado que nos domina, seguimos estudiando os textos clásicos, furgando na prehistoria, preocupándonos pola arqueoloxía… O día que estas cousas veñan realmente a menos, o mundo non vai ser nada interesante.
No seu caso, que trata de transmitir ós seus alumnos? Que é para vostede o máis importante como docente?
O amor á lectura e a capacidade de asimilar a escrita dos grandes homes e das grandes mulleres devanceiros e devanceiras nosos. Como docente, o que máis me interesa é que o meu alumnado me reciba cada día con agarimo.
Por que estudou Filosofía e Letras? En que momento lle xorden as inquedanzas neste senso?
Non podía estudar outra cousa. Aos trece anos, en terceiro de bacharelato, descubrín o latín, e gañoume de seguida.
Licenciouse en Salamanca e comezou a súa labor docente en Granada. Como foi isto? Por que acabou nestes lugares e que lle permitiron aprender?
“Como docente, o que máis me interesa é que o meu alumnado me reciba cada día con agarimo” |
En Salamanca licencieime e fixen o doutoramento, porque en Santiago daquela non había estudos de Filoloxía clásica. Pero xa fun, despois, profesor en Salamanca. A Granada tróuxome unha oposición, que gañei moi novo. E de aquí nin me movín, nin penso moverme.
En canto á escrita, ten vostede máis de douscentos traballos escritos, entre os que destacan os dedicados ó teatro clásico. Como comeza vostede a escribir? Por que?
Comecei a escribir moi novo, sendo un rapaciño, porque desexaba chegar a escritor… E chegar, cheguei! Teño publicadas case catrocentas… chamémoslle “cousas”. Hai libros de investigación, artigos, traducións, obras de creación (narrativa, teatro, poesía). Pois si, parece que se cumpriu aquel desexo de cando era novo; o como se cumpriu xa é outra cousa.
E que ten o teatro clásico? Por que este tema? Que significa para vostede?
O teatro latino, en concreto as Traxedias de Séneca, foron o primeiro tema da miña investigación; despois, a comedia latina foi o tema de doutoramento de miña dona, Aurora López. Somos tolos polo teatro, o clásico e o non clásico; de feito, fixémonos noivos representando unha obra teatral, “La barca sin pescador”, de Alejandro Casona. O teatro gústanos con loucura.
Xusto estes días vimos de despedir a un importante persoeiro da literatura dos nosos tempos, como valora a figura de Gabriel García Márquez?
Xustamente estes días faleilles aos rapaces e rapazas de Elena Poniatowska, unha muller inmensa, á que lle deron o Premio Cervantes deste ano, e limos na clase o seu relato “El recado”: é unha muller divina. Despois falamos de García Márquez, un novelista que nunca leremos dabondo, porque cada vez descobres nel algo novo. E despois falamos das fábulas latinas de Fedro. Pasámolo moi ben!
“Ao mellor prefiro o galego, porque foi a lingua que a maldita dictadura non me permitiu falar con meu pai” |
Vostede escribiu tanto en galego como en castelán, cal prefire?
É unha pregunta terrible, sen resposta doada. Escribín máis en castelán que en galego, pero son dúas linguas que levo no corazón. Ao mellor prefiro o galego, porque foi a lingua que a maldita dictadura non me permitiu falar con meu pai, o home máis grande que coñecín na miña vida.
Como evolucionou a súa obra dende os seus principios ata o a actualidade?
Foi mellorando un pouco. Levo arredor de cincuenta anos escribindo, de modo que algo debeu mellorar a miña obra, sobre todo a de investigación. Eso si, ideoloxicamente non cambiou nada.
Son dous ámbitos moi diferenciados, o do ensaio e o da creación literaria propiamente dita, con cal se queda?
Gústanme os dous, pero no ensaio e na investigación camiño máis seguro; na creación literaria teño máis dúbidas. Debo dicir que nesta última escribo case sempre en galego.
Cal dos seus libros o define mellor? Con cal se identifica especialmente?
De filoloxía clásica, “Comedia romana”, escrito a medias con Aurora López. De creación, o monólogo “Medea en Camariñas”, escrito en galego, pero representado sempre, moitas veces e con éxito, en castelán. Pero agora, neste momento, o libro mellor de Aurora e meu é “Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza”, no que traballamos durante case dez anos e que sairá axiña; quedounos unha obra preciosa, case tanto como esa muller divina á que está dedicada.
Cre que deberiamos botar máis man das Humanidades na actualidade? Falta reflexión na sociedade actual?
Pois si. Ler e meditar as obras dos clásicos do espírito humano viría moi ben neste mundo que anda a trancas.
“Onde se atopan os libros en galego nas librarías galegas, se non é naquel recunchiño pequeno aló no fondo?” |
Como valora a situación da Literatura na actualidade? Cre que está a perigar a Literatura en galego ou que está máis viva ca nunca como apuntan algunhas voces?
Aquí habería que falar moito. Estase a producir moita e moi boa literatura en lingua galega, pero quen a le? Onde se atopan os libros en galego nas librarías galegas, se non é naquel recunchiño pequeno aló no fondo? Cando sae un xornal galego, por que acaba morrendo sempre? Que foi de “Galicia hoxe”? Que foi de “A nosa terra”? Quen está subscrito a “Sermos Galiza”? Quen merca un libro en galego?
Moitas grazas por conversar connosco.