publicidade hoxe
Carlos Loureiro: “Algo falla na normalización dun idioma cando no seu espazo natural ten que haber persoas, entidades… que loiten pola súa pervivencia” - Cabecera

Carlos Loureiro: “Algo falla na normalización dun idioma cando no seu espazo natural ten que haber persoas, entidades… que loiten pola súa pervivencia”

falando-de-garcia-barros-na-cidade-da-cultura

Carlos Loureiro Rodríguez nace na parroquia estradense de Callobre no ano 1957, imparte clases de lingua e literatura galega no colexio Manuel García Barros da Estrada. Traballador incansable a prol da cultura e da nosa lingua, ten publicados varios libros e participou na traducción e edición de distas obras teatrais, poesía e relatos. Recibiu varios recoñecementos como, socio de honra da Sociedad de Hijos del Ayuntamiento da Estrada en Cuba, premio Sanmartiño de Normalización Lingüística, entre outros. A partires da vindeira semana abrirá unha nova sección de lingua en noticieirogalego.com. Imos ler que nos conta.

caricatura-carlos-loureiro

Nome: Carlos Loureiro Rodríguez (Callobre, A Estrada 1957).

Un lugar: tantos de Galiza… e ademais, a Cala Macarelleta (Menorca) e La Habana.

Un hobby: camiñar, sendeirismo…

Unha comida: o polbo á feira nunha feira ou festa.

Unha virtude: querer pasar o máis desapercibido posíbel.

Un defecto: supoño que moitos… quizais crer a priori que todo o mundo é bo.

Un soño: que no mundo desaparezan guerras, fame e paro.

Profesor, escritor, tradutor, activista deportivo e cultural… Carlos, que máis podemos engadir á túa vida pública e social?

Vistas tantas cousas mesmo semella que un é algo importante cando todo isto se resume nunha soa cousa: traballar alí onde cho pidan, desinteresadamente e sempre a prol do noso, chámese literatura, deporte, ensino… Encántame viaxar, ver novas culturas, novas paisaxes… e se por riba isto se pode combinar co sendeirismo, mellor que mellor. Canto ao ensino, algo que comezou máis que nada como unha profesión, cada vez vas inmiscíndote máis e máis e terminas inserido nun mundo no cal disfrutas. Cando xa non faltan tantos anos para a xubilación (de xúbilo) a verdade que é cando ao mellor máis estamos a disfrutar desta profesión-actividade pero tamén cómpre ir dando paso a novas xeracións, novas ideas e perspectivas.

Será difícil dicidir, pero con cal das anteriores te quedarías, e porqué?

Profesor, xa que coido que é a profesión fundamental dun país. Un sociedade culta é unha sociedade con futuro; unha sociedade inculta é unha sociedade totalmente explotada, manipulada…

Por certo, xa eres bis avó… cóntanos como é iso posible á túa idade?

Son bis avó porque son avó por partida dobre e á miña idade é totalmente posíbel, igual que sería posíbel matematicamente dez ou máis anos antes. Esa circunstancia desde logo que non é algo programado senón que é precisamente circunstancial e a min tocoume algo máis xove o que conleva que poida transmitir unha imaxe moito máis vital que se tiver que transmitila apoiado nun bastón ou algo semellante…

Eres profesor de lingua e literatura galega no Instituto Manuel García Barros da Estrada, como ves o ensino nos últimos anos?

Sempre lle transmito unha máxima ao meu alumnado: “que para educación, cultura e deportes” soen poñer á cabeza xente que xamais actuou como tal… Soamente podemos entender que alguén programe unhas “reválidas” se esa persoa xamais se dedicou ao ensino e por riba ten añoranza de tempos pasados onde ao mellor lle tocou facelas ou coñece a súa existencia. Claro, eu non as fixen, pero non as añoro nin creo que sexan solución. O mesmo poderiamos dicir doutros aspectos que nestes tempos andan aí como a relixión no ensino… Insisto, añoranzas ou pensamento de quen non deu clase e que soamente quere impoñer ideoloxía… pero sen recapacitar de que “os tempos son pasados” e que o ensino de agora non se pode retrotraer a cincuenta anos antes. Por riba intentan convencernos de que o noso ensino vai detrás… iso só se consegue mellorar cunha clara aposta desde arriba por el, con diñeiro… pero non con manipulación.

Carlos-loureiro-con-nenosEu coido que, por exemplo, no noso centro debe de haber como seis anos en que non recibimos ningún material informático, a non ser dese proxecto faraónico do plan “avalar” que tampouco leva a ningures se ao seu carón non se aposta de firme.

Nótase o cambio xeracional, que diferenzas atopas entre os rapaces dos 80-90 e os desta década?

Si que se nota o cambio, algo normal porque non deixan de ir da man dos cambios sociais que se van producindo. Vemos que cada vez a madurez é máis prematura, o que ao profesor lle permite enfocar o ensino doutra maneira especialmente nas etapas superiores (3º e 4º ESO e Bacharelato). Ademais tamén o ensino tivo que se adaptar aos tempos, aínda que, como dixen antes, aínda pervivan persoas que seguen ancoradas no pasado. Hoxe o alumnado posúe moitas fontes de información, o único problema e encamiñalo cara as fontes máis axeitadas porque ao mellor o exceso de fontes tamén pode desvialo.

carlos-loureiro-con-neira-vilasAdemais de docente, tamén estiveches moi vinculado co deporte estradense e cos cativos…

Eu nacín nunha aldea e o meu obxectivo sempre foi que os aldeáns tivésemos dentro do posíbel unhas posibilidades semellantes ás persoas nacidas no urbano. Nestes tempos é moito máis doado, pero alá a finais dos 70 as diferenzas eran ben maiores e aí (78) foi cando comezamos a loitar porque na nosa parroquia se puider realizar deporte e coido que se conseguiu xa que o clube representativo desta parroquia aos poucos anos xa movía por riba dos cen rapaces, e rapazas, e pasou a ser un clube referente en Galiza a nivel de fútbol base, e aí continúa. É incríbel pasar por diante do campo e ver nais, pais, avós agardando polos cativos que están a facer deporte. Para min quedan sobre todo aquelas primeiras lembranzas dos primeiros pasos dados.

entrega-premio-normalizacion-san-martinoNo ano 2013 recibiches o carlos-con-paco-lareopremio San Martiño de Normalización Lingüística, que concede a Asociación Cultural O Brado da Estrada, e tamén che concederon a medalla de Amigo da Solaina (de Piloño, Vila de Cruces), que significan estes recoñecementos?

No ano 2010 recibín dous premios que me reconfortaron porque eran dous premios saídos do corazón, da amizade… concretamente foron o de “Socio de Honor” concedido pola “Sociedad Hijos del Ayuntamiento de A Estrada” da Habana e o da medalla de “Amigo da Solaina” concedida polo padroado da Fundación Casa Museo “A Solaina de Piloño” que creou, dirixiu e ennobreceu o meu añorado amigo Paco Lareo. Só por recoñecementos coma estes paga a pena loitar polo noso e polos nosos. Xa no 2013 a Asociación Cultural O Brado, unha asociación que leva máis de 20 anos recoñecendo a nivel local estradense e a nivel galego a persoas e entidades pola defensa do noso idioma acordouse de min e para min foi un orgullo pasar a figurar en semellante elenco de defensores e defensoras do noso idioma porque quen o maltrate desde logo que sobra.

Tes comentado en máis de unha ocasión, que o marabilloso sería que non houbese que crear e outorgar premios pola difusión e defensa do noso idioma, xa que sería o mellor síntoma para o galego…

Algo falla na normalización dun idioma cando no seu espazo natural ten que haber persoas, entidades… que loiten pola súa pervivencia, pola súa normalización. O síntoma máis claro de que a normalización aínda está lonxe de ser acadada é que esgrevias asociacións como é a do Brado teñan que seguir a premiar e non poidan dirixir as súas actividades cara outros horizontes culturais.

É un problema que está na sociedade ou na política?

É un problema claramente político xa que o galego non é un idioma falado por unha minoría deste país senón que o emprega cando menos o 50%. O que ocorre é que aínda hoxe os organismos oficiais, aquelas entidades que reciben apoios oficiais, etc. seguen a incumprir a lei de Normalización e ninguén é quen de tomar medidas… Aquí na Estrada levamos anos vendo pendurada unha pancarta que pon “Feria del Mueble” e ninguén tomou cartas para lle dicir a esa Fundación pública que cumpra coa lei de Normalización e así en múltiples casos como o da toponimia… e sen falarmos aquí, porque coido que sairá noutro lado, o do noso Decreto de Plurilingüísmo para o ensino.

Cres que a nosa literatura goza de boa saúde? Como cres que o están pasando as empresas do sector editorial galego?

A nosa literatura coido que está nun excepcional momento. Se repasamos a cantidade e a calidade da literatura que está a saír das plumas da nosa xeración literaria máis nova, desde logo que o futuro coido que é do máis prometedor. Sen esquecermos, por suposto, das escritoras e escritoras xa máis que consagradas e consagrados. Outra cousa moi diferente é o apoio, a difusión… Vía o outro día un comentario dunha poeta que dicía que soamente se publicaban aquelas obras poéticas que tiñan detrás un premio… algo falla. Así vemos como editoriais como Espiral Maior, Laiovento… teñen que se ver na tesitura de ter que pechar e deixar de ofrecer o seu espazo a investigadores, a poetas… para que comecen a publicar. Esta é unha grande eiva, a pesar dos premios que na actualidade existen. Non podemos pensar que unha literatura ten que ver a luz soamente tras os premios. Teríase que apoiar máis a nivel oficial a tradución a outros idiomas, promoción de feiras do libro, bolsas…

carlos-en-presentacion-edicions-fervenzaParticipaches moi de preto coa editorial Edicións Fervenza coa que publicaches e traduciches varios libros, que supuxo esta experiencia?

Foi posibelmente a experiencia máis gratificante que tiven a nivel cultural. Unha experiencia altruísta onde ías vendo cada día como a editorial ía medrando e coñecéndose a todos os niveis. Foron moitas as persoas que comezaron a publicar os seus inéditos nesta editorial e foron moitas as obras de grandes escritores que volveron a ver a luz grazas a ela, poñamos por exemplo Varela Buxán… Ademais esta editorial ten que figurar con letras de molde no noso teatro xa que na súa colección “A pinguela” saíron máis de oitenta cadernos teatrais.

Eres o biógrafo do galeguista estradense Manuel García Barros “Ken Keirades”, que supón para ti este nome?

García Barros “Ken Keirades” foi, e é, aquela luz que te ilumina, neste caso a nivel cultural e de compromiso co noso. García Barros foi aquela persoa que xamais deu o seu brazo a torcer até o seu pasamento desde aquel desgraciado agosto do 36 en que estivo a piques de sufrir unha morte anticipada e no que o desposuíron da súa ferramenta fundamental: ser mestre para poder vivir diso e poder culturizar a este noso país. Tamén era unha persoa que só pensaba en traballar, axudar, culturizar… aínda que pasase desapercibido, velaí o seu seudónimo de “Ken Keirades”.

Autor de Callobre C.F. dos alicerces ó 2000, Diccionario de Escritores Tabeirós-Terra de Montes, tradutor de varias obras de Varela Buxán e Losada Diéguez…

Coido que todo iso é mostra das diferentes actividades que desenvolvín como foi o compromiso deportivo, a literatura… Como tradutor soamente traducín unha obra de Losada Diéguez do castelán Na estrada da vida e unha de Marivaux As falsas confidencias do francés (tamén son licenciado en Filoloxía Francesa). Polo demais encargueime da reedición de obras de Varela Buxán e tamén de Losada Diéguez. Canto ao Dicionario, foi unha experiencia impresionante porque cada día que me puña a traballar descubría cousas novas que ignoraba, novos autores e autoras… Por sorte, xa se trata dun dicionario algo absoleto porque nestes últimos dez anos a aparición de escritoras e escritores así como de novas obras foi moi significativo.

centro-galego-da-habanaA partires desta semana pasas a ser un colaborar do noso xornal noticieirogalego.com cunha sección de lingua, cóntanos como se vai chamar e que nos vas a contar cada semana.

Unha nova experiencia isto de traballar para un xornal dixital. Teño que dicir antes de nada que a idea non partiu de min senón que me foi proposta desde o propio xornal, algo desde logo que honra a este xornal polo seu compromiso co noso idioma. O apartado vai chamarse “A nosa escrita” e aí, a través de moitos temas, iremos expoñendo a nosa gramática, pero coa idea que este apartado teórico vaia acompañado dun coñecemento de novo léxico. Ao longo dos diferentes temas será moito o léxico que irá aparecendo, un léxico do común pero que ás veces a súa presenza non é moi de contino. Tamén levará dous complementos que coido moi interesantes como son que en cada tema aparecerán seis refráns e seis frases típicas nos apartados de “Fraseoloxía” e de “Refraneiro”. Agardamos que sexa un espazo moi visitado e que contribúa a que a nosa escrita se vaia perfeccionando.

Deixamos para o final unha pregunta obrigada pero tamén comprometida, eres veciño e amigo dunha das persoas que máis dinamizou culturalmente a vila da Estrada e que agora ostenta a responsabilidade da lingua na Xunta, estamos a falar do secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. Consideras que ten unha labor doada, que goza de liberdade ou tocoulle traballar nun dos momentos máis complicados?

Valentín para min, antes de nada, foi,é e será un gran amigo e antes foi alumno meu no IES Manuel García Barrros. Sempre admirei a capacidade de traballo que desenvolveu no Concello. Mais, como llo dixen a el, ao aceptar o cargo que ostenta pasou a ter que defender un Decreto co cal eu son totalmente belixerante, un decreto que día tras día nos está demostrando que está levando a que o noso idioma vaia cara atrás e Valentín ten que defendelo xa que o asumiu desde o momento en que aceptou o cargo e ademais vai ser o escudo sobre o que van bater os misís por mor de que non cheguen máis arriba. Alá van dez anos desde que por unanimidade dos tres partidos políticos presentes no parlamento galego se chegara a un acordo e debemos lembrar que o actual presidente era daquela vicepresidente con Manuel Fraga. O que é inadmisíbel é que se poida xogar coa lingua dun país por un puñado de votos; calquera que sexa o partido que goberne, calquera que sexa a súa ideoloxía, o seu principal cometido é o de defender a súa cultura, e por riba de todo, o seu idioma, sen pensar no rédito político. Quen pode defender que en Galiza se lle dea tanta importancia a un idioma (o inglés) coma aos dous idiomas presentes nesta comunidade? Eu coido que os nosos xoves deben saber idiomas, cantos máis mellor, pero xamais infravalorando o noso. Quen no seu san xuízo pode entender que o noso alumnado se vaia especializar en inglés, ou noutro idioma de fóra, recibindo clases de Matemáticas, Física e Química…? Sen pensar, desde logo, que ao mellor aínda por riba vai perder nesas asignaturas, claro. Non sería moito mellor que os cartos que se está a despilfarrar en formar ao profesorado nese idioma mandándoo por exemplo ao Canadá a perfeccionar o inglés (?) se empregasen en bolsas de verán para o alumnado visitar Inglaterra, Irlanda, Escocia…? Como se pode deixar nas mans da familia a elección dun idioma en primaria? Calquera día chegarán os pais e pedirán que non se explique aos seus fillos Marx, non vaia ser que o alumnado saia marxista… Isto do Decreto de plurilingüísmo para o ensino é un auténtico despropósito e claro, Valentín non pode mirar para outro lado.

Grazas Carlos por tantas cousas…, por estar con nós.

carlos-loureiro-con-valentin-garcia

Por: Sehila Rodríguez
Publicado o 14 de Outubro do 2014 | 10:49 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura