publicidade hoxe
Carlos Labraña: o teatro para idades temperás - Cabecera

Carlos Labraña: o teatro para idades temperás

carlos-labrana-4

Carlos Labraña (Cedeira. A Coruña, 1969) é un dos dramaturgos galegos máis activo na actualidade, especialmente no que atinxe ao teatro para os máis novos. Con vinte e poucos anos comezou o seu contacto co teatro pasando a partir destes intres a escribir, montar, divulgar… teatro. Os premios non tardaron apenas nada en chegar (“Concurso Xeración Nós”, “Estornela”, “O Facho”…). Deuse a coñecer coa obra O segredo de Daniel (1988) até a última publicada A fraga das árbores das palabras (2013). Recentemente acaba de volver a gañar o “VIIIº Concurso Estornela de teatro” coa obra A pequena compaña.

Amigo Carlos, para comezarmos falando do teu teatro temos que comezar falando da túa primeira toma de contacto con esta arte e aquí achamos a Fusa Guillén. Que supuxo esta escritora, actriz… para a túa inclinación teatral, aínda que supoñemos que esta arte xa viña de atrás?

 Eu comecei a escribir cando estaba no colexio e daquela son as miñas primeiras pezas teatrais, moi sinxelas e inxenuas. Pero foi ao coñecer a Fusa cando a miña escrita dramática callou. Estaba estudando COU no instituto cando ela veu a vivir a Cedeira. O primeiro que fixo foi impartir un curso de formación actoral. Lembro que fun o primeiro en matricularme! Fusa, como profesional, traía un ritmo de traballo moi forte, polo que ese ano aproveitámolo moito e aprendemos unha morea de cousas. Seguramente, se non coincidira con Fusa non estaría implicado co teatro do xeito que o estou agora.

carlos-labrana-3Fusa ten como referente especialmente o teatro para os máis novos… foi isto o que te inclinou a ti por este apartado?

A andaina de Fusa e mais a miña cara ao teatro para os mais novos foi da man. De feito, as primeiras pezas que representei con ela non eran infantís, traballábamos co teatro de Antón Chéjov. Foi a falta de apoio das administracións, daquela tiñamos incluso que pór cartos para alugar a sala onde actuabamos, o que nos levou a participar no premio “Xeración Nós” de teatro infantil, hoxe desaparecido, para recadar fondos para o grupo. A partires de aí coñecemos a problemática do teatro para nenas e nenos e implicámonos na súa promoción e desenvolvemento.

Ti tes moitas pezas teatrais publicadas. Tamén tes presente a máxima de que “o teatro escrito precisa que se implique o lector no texto”?

Por suposto, pero non só do teatro senón de calquera outro texto. A miña forma de logralo é contar as acotacións dun xeito narrativo para implicar ao lector na lectura. Eu penso que a única diferenza que leva a un lector a non escoller un texto dramático fronte a un texto narrativo ou doutro xénero é o descoñecemento. Se nas escolas os rapaces lesen teatro de maneira habitual non habería ese medo. Todo o contrario, xa que o texto dramático é moito máis áxil que o narrativo. De feito, o emprego do diálogo é moi habitual en novelas infantís e xuvenís.

Ao mellor se a finalidade fose escribir para xa representar esta estratexia cambiaría, ou non?

Ben, penso que calquera dramaturgo escribe para que as súas pezas se representen, a cuestión é que se faga ou non. Iso xa non depende de nós. Por iso, na miña forma de escribir o primeiro é crear unha estrutura forte, que aguante cando se erga do papel e se leve aos escenarios. De feito, o meu teatro está pensado non só para que o vexan o nenos, senón para que eles mesmos o representen. Por iso, as miñas pezas contan con moitos personaxes con intervencións curtas, para que todos os nenos dunha clase poidan participar.

E axiña te vemos mergullado no proxecto do “Colectivo Garola”… Como naceu este colectivo? Que supuxo para ti -e para o noso teatro- este colectivo?

Como comentei anteriormente, logo de participar no certame “Xeración Nós”, hai máis de 25 anos, Fusa e mais eu decatámonos da situación deste teatro e da falta de textos en galego. A partires de aí, fundouse o “Colectivo Garola” coa intencionalidade de desenvolver o teatro para nenas e nenos tanto desde a escrita como a representación das pezas que escribíamos. Por iso comprometémonos a escribir, polo menos, un texto ao ano e representalo. E así fixemos durante bastante tempo, ata que o meu traballo fixo que cada vez me afastara máis de Cedeira. De tódolos xeitos, estamos falando de recuperar esa tradición agora que as ferramentas dixitais permiten traballar a distancia.

Respecto á importancia do “Colectivo Garola”, eu creo que é un referente no teatro infantil en galego, porque conxuga tanto a escrita de pezas teatrais, que logo foron publicadas en diferentes editoriais, como a representación das mesmas, pero de xeito independente. Así, as bibliotecas municipais e, sobre todo, escolares, comezaron a ter pezas escritas para seren representadas polos rapaces.

carlos-labrana-5”Asociación de Amigos do Samaín”… outro fito importante para ti e para o teu teatro…

A recuperación da tradición de tallar cabazas en Cedeira foi un fito a nivel de recuperación de tradicións galegas que estaban a piques de perderse. Eu son un daqueles nenos que tallabamos caveiras en cabazas ou melóns, como dicimos na miña terra, cando aínda non coñeciamos a existencia do Halloween. Para min supuxo unha mirada atrás e comezar a investigar sobre outras tradicións que veñen dos nosos devanceiros. Así, logo de escribir Indo para o Samaín, publicada por Everest Galicia e cunhas ilustracións máxicas de Fernando Júarez, continuei coas Lendas da Noite de San Xoán, tamén publicada en Everest, neste caso coas ilustracións marabillosas de David Pintor, e nos últimos tempos regreso a esta temática co Apalpador.

Tamén colaboraches co Centro Dramático Galego…

O meu contacto co Centro Dramático Galego foi a través dun curso de escrita dramática impartido no CDG por Cándido Pazó, que supuxo relacionarme con outros escritores novos como Rubén Ruibal, Santiago Cortegoso, Zé Paredes… A partires de aí, interesáronse na miña faceta como escritor para os máis novos para a redacción dalgúns dos cadernos pedagóxicos que acompañan as montaxes realizadas polo CDG. Foi unha experiencia moi interesante porque me permitiu coñecer o CDG por dentro.

Ti, que comezaches moi novo no mundo dos certames de teatro para os máis novos, non botas de menos que houber máis certames deste tipo na actualidade?

Máis que a creación doutros certames, eu apostaría porque se mantivesen e consolidasen no tempo os que existen, xa que estamos moi acostumados a que funcionen uns anos e logo desaparezan. Tamén sería preciso que os organizadores tivesen en conta que ao tratarse dun xénero que aínda non está normalizado sería importante, sempre que a calidade das pezas o mereza, a maiores de promocionar o texto gañador se destaque aquelas pezas que merezan a aprobación do xurado, como de feito se fai no premio “Estornela”.

Por outra banda, non é algo frustrante para un autor de teatro para nenos que a maior parte destas obras permanezan na escrita sen pasaren aos escenarios? Pode levar isto a que os máis novos tarden en tomar contacto co teatro até idades superiores?

Como o meu teatro está dirixido fundamentalmente ás escolas aínda vou tendo sorte, xa que os meus textos son representados, de cando en vez, nos colexios. Incluso algunhas montaxes están penduradas en You Tube. De tódolos xeitos, a fin dunha peza teatral é ser representada, polo que sería importante que as artes escénicas entrasen no currículo escolar, como nalgún momento se manexou, e non quedara só nas mans de mestres esforzados, sen apenas apoios e dedicándolle un tempo de seu, levar a diante un espectáculo. É moi importante que os rapaces tomen contacto canto antes co teatro, non só como espectadores, senón como actores.

Os certames de teatro “O Facho” e o “Estornela” xa contan contigo como case un abandeirado…

Eu creo que non debemos mirar só os últimos anos, xa que estes premios teñen un percorrido longo. Os abandeirados do Facho son, por unha banda, Carlos Casares, gañador da primeira edición con As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas, o texto mítico do teatro infantil galego, que actualmente se representa no CDG, e sobre Manuel Lourenzo, gañador nunha morea de ocasións, con textos inesquecibles como Viaxe ao país de Ningures.

Respecto á relación como premio “Estornela” está sendo moi importante para min, xa que gañei o primeiro dos meus galardóns no ano 2010, nun momento de crise xeral e tamén persoal, xa que dubidada con continuar con este labor. Foi unha recompensa a un esforzo de anos e teño que agradecérllelo aos seus impulsores: Xose Neira Vilas e a súa defunta Anisia Miranda.

Como anda a “Guía de teatro infantil e xuvenil” que estás a coordinar?

Como a todo neste país afectoulle o furacán da crise, e en maior medida por ser o teatro infantil un xénero minoritario. De tódolos xeitos, estase reformulando a mesma para facer unha guía máis sinxela e práctica coa intención de poñela na rede. Seguramente durante este ano comezarán a pendurarse as primeiras fichas.

carlos-labrana-2Na actualidade hai compañías abondas que levan aos escenarios obras dirixidas aos máis novos. Non botas de menos que estas compañías tivesen outro tipo de apoios debido ao didáctico deste tipo de obras?

A dificultade das compañías teatrais profesionais por falta de apoio institucional non se circunscribe só a aquelas dedicadas ao teatro infantil, é un problema xeral que sería doado de solucionar porque non supón un orzamento importante. No teatro para os máis novos este apoio é fundamental, xa que estas compañías son as creadoras do espectador do futuro. Por esta mesma razón, o Centro Dramático Galego debería representar, polo menos, unha montaxe dunha peza teatral infantil ao ano. Pero só daquelas montaxes que unha compañía privada pola súa dimensión non poida afrontar, para non facerlles unha competencia desleal.

Sabemos que es bastante crítico co que se está a facer para procurar unha conexión do público co teatro e incluso pola falta de calidade de moito teatro levado aos escenarios para os máis cativos… Que lle falta ao noso teatro para chegar moito máis aos máis novos?

Imos ver, son crítico como calquera espectador que asiste a un espectáculo polo que pagou unha entrada e agardo ver un produto digno, sexa este teatro, cine… De tódolos xeitos, o teatro infantil mellorou moito estes anos e hai moi bos grupos profesionais dedicados a este xénero. Incluso Elefante Elegante chegou a gañar o premio María Casares ao mellor espectáculo do ano 2012 cunha montaxe infantil, Nuncabunga. Pero sería conveniente que as compañías traballasen máis cos dramaturgos. Este é o caso de Cándido Pazó, que tanto éxito está acadando como autor para diferentes compañías, así como Paula Carballeira, cunha diferenza grande xa que ela que pertence a un grupo.

Por outra banda, tampouco o mundo da edición de obras teatrais está como para botar foguetes…

Este é un dos problemas fundamentais. O teatro infantil, que sempre foi o xénero minoritario a nivel da edición, agora coa crise é case inexistente. Só unha editorial, Embora, ten unha colección específica de teatro infantil. O mundo editorial nunca creu no teatro para nenas e nenos, tampouco no dos maiores, coa desculpa da pouca venda de libros, que se fan fotocopias… Eu creo, que o que faltou pola súa banda foi pedagoxía. O libro infantil véndese fundamentalmente polas recomendacións dos colexios. Hai que transmitirlles ás mestras e mestres que un texto teatral non é só para a representación, senón vai máis alá. Os últimos estudos pedagóxicos subliñan que é o texto ideal para aprendizaxe da lectura, máis aínda cando os pequenos teñen dificultades coa mesma, porque se practica a lectura repetitiva, a lectura en voz alta, a entoación e pódese usar para unha lectura na que participen todos os alumnos na aula. Respecto ás fotocopias, o libro de teatro xeralmente é un libro cativo, apenas sen ilustracións. Cando o formato é bonito, a xente paga por el.

E aquí é onde cobran un peso do máis salientábel os premios…

Por suposto, porque garantían a publicación do texto, que a maioría das veces era a única forma de publicar, pero agora nin iso. Como moito poden axudar cando te achegas a unha editorial cunha peza baixo o brazo. Non hai moito, unha escritora recoñecida contábame que ela deixara de escribir teatro infantil porque sentía que achegar unha peza de teatro ás editoriais era como pedir esmola, cando cunha novela non tiña problema ningún para publicar. Así mal vamos…

Cando estás a escribir unha obra para nenas e nenos, que é o que está a primar en ti: a escrita, o didactismo, a posíbel posterior posta en escena… ou todos en xeral?

O didactismo, NUNCA. Eu elixo un tema porque me atrae ou me interesa por diferentes razóns. Eu non son mestre e non creo que os libros teñan que ser didácticos, en tal caso os textos escolares. Claro que dos libros apréndese, e moito, pero iso é unha cousa diferente. Eu na miña escrita sempre tento conxugar tanto a posta en escena como a lectura. Xogo con que o texto vai ser lido, pero tamén vai ser representado. Por iso, a primeira fase da escrita é facer unha estrutura que permita á peza erguerse do papel e manterse en pé nos escenarios. E para a lectura, xogo moito coas acotacións máis narrativas que impliquen ao lector á vez que dean pistas ao director para a súa posta en escena.

carlos-labrana-1Ah, e o humor tamén ten que estar bastante presente, ou non?

Penso que as pezas dirixidas a un público infantil teñen que ser sempre cómicas, aínda que tras elas haxa unha segunda lectura máis fonda. De feito, eu xa teño tratado o tema da morte en varias ocasións na miña escrita sen ser un drama, senón como un feito natural da propia vida. Así é na Pequena Compaña, que é unha peza ben divertida, polo menos na opinión do meu fillo Miguel que ten dez anos e cando a estaba lendo escachaba coa risa, pero tamén ten un transfundo moi duro que os nenos chegan a percibir. E non teño dúbidas, se unha historia leva a que unha personaxe morra, non o vou salvar para que o final sexa feliz.

Ser crítico co que estás a escribir levoute a desbotar obras case rematadas, telas baixo chave nalgún baúl…?

Teño un… cofre de pirata. Calquera escritor ou artista debe facer unha escolla á hora de publicitar o seu traballo. Eu nese cofre teño moitos escritos gardados que quizais algún día con traballo posterior poidan saír, ou non. Pero con tantas ideas pendentes de escribir, teño pouco tempo de mirar cara atrás. E tamén hai, iso xa por decisión persoal, algúns traballos narrativos e poéticos que quedaron relegados cando tomei a decisión de amosarme só como dramaturgo para os máis novos, pero calquera día podo cambiar de opinión.

É importante a presenza de xoguetes, de marionetas… para un maior acercamento aos receptores das obras de teatro?

Non especialmente. Eu creo que se a historia que se conta é boa e os actores son profesionais non se precisa de xoguetes ou monicreques para chamar a atención dos nenos. Iso é unha escolla do   director do espectáculo. Outra cousa xa é o teatro de monicreques, que ten unha características diferenciais. De igual maneira, tampouco creo preciso incorporar cancións ás representacións, algo que hoxe prima nos espectáculos para nenos. Está ben, é unha escolla, pero se o conto non o precisa non é obrigatorio facelo.

E claro, nas obras para estas idades, as ilustracións case veñen de serie…

Ogallá! Eu creo que un libro de teatro debe ter a mesma consideración que un libro narrativo ou de poesía. Como dixen anteriormente, moitas edicións son cativas, sen máis ilustración cá da portada. As ilustracións sempre aportaron un extra a un libro infantil, pero agora co mundo dixital é preciso que o libro sexa considerado tamén como un obxecto fermoso. Ademais, no caso do teatro os rapaces queren verse retratados como os seus personaxes no libro. Iso só e posible no caso de que   o texto vaia acompañado de ilustracións.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 13 de Xaneiro do 2015 | 10:56 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura