Louzao:“Sempre lle insisto aos alumnos en que van falar até o último alento, aí a importancia da lingua”
Porque a lingua, sexa a que sexa e especialmente a súa, é gran paixón de Miguel Louzao. A ela se dedica dende todos os ámbitos. Primeiro dende o do ensino, tratando de transmitirlle ó seu alumnado ese amor pola cultura que a el lle sobra porque como ben di, non se aprende o que non se ama. E en segundo lugar, dende o ámbito da investigación, a través de estudos e escritos que mesmo lle valeron un premio Ricardo Carvalho Calero no ano 2005. Tan modesto que case diríamos autocrítico, non lle gusta botarse flores. Prefire falar do que queda por facer que do conseguido aínda que iso si, faino vendo a botella medio chea, que de pesimismos xa imos ben servidos. |
Nome: Miguel Louzao Outeiro (A Estrada, 1974) Un lugar: dous, Orazo e Compostela Un hobby: viaxar (física e mentalmente) Unha comida: o polbo con cachelos Unha virtude: a responsabilidade Un defecto: a impuntualidade Un soño: a normalización da nosa lingua |
É vostede Licenciado en Filoloxía Galego – Portuguesa, Hispánica e Románica. Amor pola lingua, non o pode negar…
Pois si, por todas as linguas, mais especialmente pola nosa. Xa desde segundo do antigo bacharelato souben que quería estudar filoloxía galega. Primeiro polo apego emocional e sentimental que sentín coa nosa lingua ao chegar á cidade e sentir como a maioría a rexeitaban. Non entendía por que algo que era tan meu, tan noso, era rexeitado por moitos, algúns aínda de xeito belixerante. Posteriormente, contra final do bacharelato comezou o vicio da literatura. E por último, porque non dicilo, tamén por descarte: non me vía en ningún outro sitio onde a nosa lingua non estivese presente dunha forma digna e así puidese eu estar á vontade. Foi este meu apego primario á lingua o que me decantou. E dunha filoloxía veu a outra. Visto desde hoxe sería distinto, tamén me vexo noutros ámbitos.
Sei que non é unha pregunta sinxela pero, de onde lle ven a vostede esa inquedanza, esa paixón pola investigación e, sobre todo, pola investigación literaria?
Pois considérome unha persoa moi apaixonada e tiven, e sigo a ter, ao longo da vida, a sorte de me poder dedicar a varios apaixonamentos. E este foi un deles. Na facultade fíxenme gran lector de poesía e dediqueille especial atención aos poetas coetáneos meus, aos dos 90. Aos que vía recitando en bares, pubs, na facultade, en festas… Foron e son a xente do meu tempo e o que facían sentíao moi próximo a min, por iso tirei por aí.
De cal das súas obras e dos seus escritos se sente máis orgulloso? Con cal se identifica máis?
Non son un autor tan prolífico como para poder escoller entre as miñas obras. De feito, nos últimos anos por ter outras “rudas necesidades urxentes”, en palabras de Eduardo Pondal, que atender, xunto ao alargamento das ocupacións profesionais, non teño tempo para dedicar á escrita nin á investigación. Son unha persoa crítica con todo o que fago, por iso co paso do tempo sempre penso que tería feito as cousas doutra maneira. Quizais de todo o que escribín gardo moi bo recordo dos artigos tematicamente centrados en Orazo, a miña aldea natal, pola relación emocional e de descuberta que supuxeron.
Que significou para vostede o premioRicardoCarvalhoCalero que recibiu no 2005?
Pois foi unha sorpresa e unha alegría moi grande. Ver o teu traballo recoñecido é sempre algo extraordinario. Os que nos dedicamos á docencia moitas veces pasamos por situacións ingratas e dificilmente vemos os froitos do noso traballo. Naquel momento foi tamén unha aguilloada para seguir a investigar, algo que, como xa dixen, as novas funcións laborais e de voluntarismo activista mo impediron.
Como valora a importancia dos premios literarios no que á lingua se refire? Refírome á súa importancia como axentes de normalización e defensa dunha lingua.
En todas as culturas son importantes os premios literarios como elemento motivador e recoñecedor do traballo feito, e tamén como vía de publicación. Nunha cultura non normalizada coma a galega, os premios son aínda máis necesarios para a visibilización da creación literaria. Ao partir dunha situación histórica de desigualdade social, a lingua galega precisa dunha maior promoción en todos os ámbitos, especialmente nos de prestixio, como é o caso.
É o idioma o elemento máis importante de unión dunha cultura?
Sen dúbida. O idioma é a maior creación dunha sociedade. Despois hai moitos elementos tamén basilares pero xa secundarios. Eu sempre lle insisto ao meu alumnado que van falar (e hoxe en día seguramente ler) até o último alento. De aí a importancia dunha lingua, non só como medio de comunicación, se non como ferramenta de transmisión dunha maneira de ver o mundo, única e irrepetible, nin mellor, nin peor, só diferente. A retranca, as respostas con preguntas, a ausencia de respostas totalizadoras, por pór só uns exemplos, son marcas inequívocas da maneira de estarmos no mundo, unha maneira de sermos.
Se non me equivoco, é vostede fundador e vicecoordinador da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, non si? Que é exactamente isto?
Vai xa para cinco anos que un grupo importante de docentes que traballamos nos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros educativos decidimos unir as nosas forzas para deter, ou cando menos minorar, o retroceso brutal que supuñan as políticas lingüísticas que o goberno que acababa de gañar as eleccións quería implantar, e está a facer de feito. Desa “ruda adversidade urxente”, que diría Pondal, que un goberno dun país, se queren chámenlle comunidade autónoma ou rexión, que a desgraza é a mesma, se dedique a lexislar contra a lingua propia, a desprotexela. Imaxinan un goberno dun país de maioría de raza negra lexislando contra os negros? Un país onde se limiten os dereitos dunha parte da sociedade, como por exemplo as mulleres? Pois desa irracionalidade naceu a nosa paixón, a nosa vontade.
Pode explicarnos en que consiste a súa labor neste senso?
O que eu fago é pór un grao de area para que se consiga esa normalización e dinamización lingüística ao mesmo tempo que botamos a andar unha forma de traballar pola normalización da nosa lingua,até o momento minoritaria, queconsiste en facer un traballo cooperativo a prol do galego de xeito inclusivo, sen partidismos nin patrimonializacións. Porque o galego é de todos e de todas.
Tamén escribiu vostede para publicacións como “Tabeirós Terra de Montes”, “ATrabedeOuro” e “Tempos Novos”. E mesmo para xornais como Vieiros ou Faro deVigo. Cre que é importante a labor da prensa para chamar á reflexión sobre os temas importantes? Sexa a cultura, a lingua, a política ou a economía…
A prensa debe ser sempre un espazo de liberdade e de pluralidade. Partindo diso, como teño lido a ben destacados xornalistas, o papel da prensa debe ser contar a verdade. Por desgraza o papel da prensa tradicional perdeu ese valor por ser dependente do poder político de turno, mais hoxe en día internet permite cumprir con ese obxectivo fundamental do xornalismo. De feito hai temas aos que un só pode ter acceso por xornais pequenos, blogues, webs ou redes sociais porque nos grandes medios perdeuse, de forma xeralizada, a vontade de falar en liberdade para contar o que queren que consuma a xente.
Como valora as súas achegas a estas publicacións? Que era o que trataba de transmitirlle ó lector nestas colaboracións?
Eu son ensinante de profesión. Polo tanto teño a sorte de vivir dun traballo que me apaixona. O resto que fago, sexa activismo social, político, cultural ou lingüístico, fágoo de forma voluntarista e completamente altruísta, o que me dá unha liberdade absoluta para falar e escribir do que quero. Sen dependencias de ninguén, nin de ningunha capela, algo que tamén ten os seus inconvenientes, pero nunca me preocuparon en absoluto porque sempre optei por sentirme libre á hora de dedicar o meu tempo. Xa bastantes obrigas temos na vida. O que busquei sempre foi falar e contar o quería contar, quer dunha obra ou movemento literario que me parecese interesante, quer dun aspecto histórico-social que xulguei relevante lembrar, quer da necesidade das novas estratexias necesarias para a normalización da nosa lingua.
E dende o punto de vista tamén da súa labor docente, como valora a situación actual? Que papel xogan a lingua e a literatura no sistemas educativos actuais? E sobre todo, que papel deberían xogar?
Na actualidade o ensino encóntrase nunha situación de desasosego. A sociedade esíxelle moito pero retiroulle o prestixio doutrora. A administración xoga de forma electoralista co ensino sen entrar a fondo nos problemas, non hai máis que ver a sucesións de leis sen consenso e a escasa vontade de transformar profundamente o ensino. No caso da literatura, esta está abeirada porque nos currículos oficiais perdeu o seu carácter central e o tratamento que se fai dela na aula é moi secundario, cando non ínfimo, o que non é exclusivo da literatura galega. De todas maneiras, tanto no caso da lingua coma no da literatura galega, eu son dos pesimistas da razón e optimistas da vontade, que diría Gramsci, polo que a miña actitude sempre é positiva, de persuasión, de máxima ilusión, de ver o vaso medio cheo. Só se aprende o que se ama, e niso estamos. E no ámbito do ensino temos hipercriticismo pasivo de sobra. Eu, sen deixar de ver a realidade, opto pola esperanza, pola acción, polo activismo.
Sería preciso darlle máis valor ás Humanidades nos sistemas actuais?
Claramente. O que acontece é que nun mundo consumista en que vivimos, onde todo se fai a base de resultados económicos, as letras, as humanidades vense coma unha rémora porque non dan resultados cauntificables en termos económicos. Alén diso, as humanidades axúdannos a termos un pensamento crítico e iso o poder político e económico non o poden permitir, por moito que digan que o fomentan coa letra pequena.
Que trata de transmitirlle ós seus alumnos?
Moitas cousas. Primeiro de todo, en relación coa miña materia: a paixón pola lingua, pola literatura, pola cultura galega. Só as persoas que nos apaixonan son capaces de transmitir plenamente. Paralelamente os grandes temas transversais que pouco se tratan: sempre o respecto por todas as diferenzas, sexan de raza, de orientación sexual, de pensamento etc. Así mesmo, anímoos a coidar a biodiversidade do medio, das persoas, das culturas, das linguas… a que non caian no maniqueísmo infantil nin no relativismo absoluto dos adultos. E tamén, coa sorte de facelo desde o ensino público, que ofrece un trato equitativo a todo o alumnado, a que loiten por manter ou conseguir os tres piares básicos que para min deben existir nunha sociedade: igualdade (de condicións), liberdade e fraternidade. Sen ser boas persoas poucas cousas se poden conseguir na vida. E todo isto trato de facelo sempre mediante o diálogo permanente, e da consideración do alumnado como persoas que poden e deben achegar moito.
Para rematar Miguel, algunha mensaxe para alguén? Para a administración, para o sector cultural, para a sociedade?
Pois eu non son quen para mandar mensaxes a ninguén. E menos nestes tempos avoltos de desorientación, de desesperanza, de grandes dificultades na sociedade. Si vou aproveitar a palestra que me ofrecedes para facer tres peticións: para as administracións, que non recorten nos servizos básicos de educación, sanidade e servizos sociais das persoas que nada fixeron para provocar esta crise; para o sector cultural, que teñan ánimo e que non desfalezan, que aproveiten a crise para repensar que queren ser; e para a sociedade, que temos que pensar que nunca choveu que non escampara, que loitando e traballando sempre se conseguen cousas e que nunca debemos perder a esperanza.
Moitas grazas por ter conversado connosco.