Margarita Ledo: “Cómpre tomar partido, non facelo convértenos nun oco máis a transitar”
Unha premisa que probablemente sexa a folla de ruta que marcou a vida de Margarita Ledo. Poderíamos definila de moitas maneiras, pero en todas elas atoparíamos o compromiso e a implicación de quen, dende logo, non quixo quedar á marxe do discorrer da historia de Galicia. A cabalo entre as verbas e a imaxe, a que foi a nai da Facultade de Xornalismo de Santiago, dedicou a súa vida e esforzos á comunicación. Á comunicación en todas as súas vertentes. |
Como se define unha persoa que, como vostede, desenvolveu a súa actividade cultural en tantos eidos diferentes, ? Escritora, directora, docente?
Síntoas tan relacionadas que case sempre digo as tres. Ou simplemente deixo que as outras persoas, segundo a ocasión, o fagan por min.
O seu primeiro contacto literario tívoo coa poesía, con aquel “Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto”. Por que este xénero?
Porque foi o primeiro que lin en galego quizais, ou porque quería escribir en lingua galega e ese paso termaba dunha escrita na que comprometías o corpo e a fala.
Aqueles primeiros tempos de poesía, evolucionaron cara a narrativa e despois cara o ensaio. Este último centrado sobre todo na comunicación…
No ensaio a verdade é que adoito traballar eses obxectos que existen porque se fan para os demais: a foto, a prensa, o cinema, as iconografías do corpo…
Pero os seus inicios estiveron máis ligados a outras áreas que non foron a comunicación propiamente. Comezou estudando Filosofía e Letras, como foi aquilo?
Metinme un curso no que daquela se chamaban “comúns”, porque tivera un accidente de auto e non puidera presentarme ao exame de ingreso en Xornalismo. A escolla xa a tiña feita, a pesares de que eu era de ciencias, mesmo con matrículas en Física e Química, por exemplo.
“Estudar xornalismo fornéceche de ferramentas para observar, para coller ao voo medias palabras” |
Ou sexa que a vocación sempre a tivo. Os estudos xornalísticos realizounos en Barcelona, foi esta unha oportunidade para saír de Galicia e coñecer a “gran cidade”?
So podía facelos en Barcelona ou en Madrid. Pero para min o encontro coa cidade foi Lugo, onde fixen bacharelato, e sobre todo A Coruña onde pasaba os veráns. Aquel foi o verdadeiro encontro.
Que supuxo para vostede a título persoal? Como a fixo medrar como persoa a carreira?
Facer xornalismo fornéceche de ferramentas para observar, para coller ao voo medias palabras, para axexar por entre materiais de pouco valor que de súpeto deveñen centrais. E Barcelona, que con Porto é a miña cidade de referencia, aprendeume a política.
“Pasei á clandestinidade por unha orde de caza e captura a resultas dunha panfletada, en xullo do 1974” |
Política na que foi sempre moi activa. Se non me equivoco, pouco despois de rematar a carreira viuse obrigada a exiliarse en Portugal, non si?
Tal coma outras moitas persoas, militaba contra a Ditadura dende posicións marxistas e, polo tanto, era (e son) nacionalista galega. Pasei á clandestinidade por unha orde de “caza e captura” a resultas dunha panfletada. Foi en xullo do 1974. Dende había poucos meses Portugal vivía a Revoluçao dos Cravos, así que a UPG decidiu enviarme a organizar aló o aparello de propaganda e as relacións co exterior. Traballei de lectora de galego na Facultade de Letras da Universidade de Porto. Non teño recordos especiais porque ese tempo, para min, é sempre presente.
Cando regresa, volta para Barcelona e da clase na Universidade Autónoma de Barcelona. Quería dedicarse a docencia?
Cando regreso artello o periódico semanal “A Nosa Terra” que dirixo nos seus tres primeiros anos. Despois deixo o periódico, bótanme da UPG, volvo estudar e fago a Tese de Licenciatura en Ciencias da Comunicación na Universitat Autònoma de Barcelona e, como non había moito lugar para min nos medios, regreso a Catalunya e fágome docente do Ensino Público Superior.
Doutorouse, continuou medrando como profesora, e chegou o momento no que houbo que poñer en marcha a Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela, quen mellor que vostede?
“Daba aulas de documental, escribía sobre documental, ata que me puxen a facer un documental” |
É unha encarga que me fai o reitor Ramón Villares e que acabo por aceptar. Ás veces cómpre tomar posición e mesmo tomar partido –coma ben nos aprendeu Brecht- e non facelo converteriámonos nun oco máis a transitar.
Como foron aqueles primeiros tempos? Poñer en marcha una facultade non é tarefa sinxela, como viviu aquel proceso?
Coma un plano-secuencia no que non sabes qué pasará no minuto a seguido. Pero os ventos fóronse poñendo a favor e o recoñecemento internacional da Facultade aconteceu moi axiña. En 1995, no Congreso “Comunicación na Periferia Atlántica”, con investigadoras e investigadores que chegaron de Quèbec, Islandia, Suecia, Finlandia, Gales, Bretaña, Escocia, Francia, Portugal, Euskadi…
Ademais da importancia da labor docente na súa carreira, non foi menos a xornalística. Como falabamos antes foi vostede directora do semanario “A Nosa Terra” durante tres anos, que recorda con máis cariño? E con menos?
Con máis cariño recordo a rede de correspondentes mundo avante e por todas as vilas, e as pequenas seccións como “Andando a Terra” de Manuel María, e máis as entrevistas. Con menos cariño? Unha tendencia ao extremado control por parte dalgún socio-fundador, e tamén o desentendemento coa liña informativa que a UPG pretendía.
Entón, chegou un momento na súa vida na que aparece o audiovisual e no 2004 dirixe a súa primeira longametraxe, “Santa Liberdade”, como entra en contacto con este mundo?
Son estas idas e vidas da docencia e a pescuda ó traballo creativo. Daba aulas de documental, escribía sobre documental e púxenme a facer un documental. Era un documental sobre a utopía, os anos sesenta, a ocupación dun transatlántico para denunciar as ditaduras de Franco e de Salazar, unha acción da que é parte fundamental o exilio galego.
Despois viñeron outros proxectos audiovisuais… Cal recorda con máis cariño ou con máis orgullo?
Con máis orgullo recordo “Cienfuegos, 1913”, unha viaxe dupla á cidade cubana onde naceu a miña nai.
E de “A cicatriz Branca”, que nos pode contar?
Que é un filme sobre o corpo e sobre a recuperación da fala, un filme de mulleres nun espazo illado –a casa-. De criadas que dan un paso de xigante ao pasaren ao traballo na fábrica. Como marca, “A cicatriz branca” é cinema contemporáneo en lingua galega.
Dos premios e recoñecementos recibidos, a cal lle garda máis cariño?
O premio nacional da cultura galega en Cine e Audiovisual 2008 é o máis especial para min.
Dende a súa experiencia e situación, como valora a situación do audiovisual nestes momentos?
Caótica e hipnótica. Coas marxes a florecer.
“Ós meus alumnos anímoos a que constrúan novos espazos de expresión e que aprendan a sentirse iguais” |
E a do xornalismo?
A emerxer polas marxes para chegar ao corazón.
E xa para rematar, que lle diría as novas xeracións que queren dedicarse a estes sectores? Que trata de transmitirlles ós seus alumnos?
Que constrúan novos espazos de expresión e que aprendan a sentirse iguais dende esta pequena e inmensa nación.
Moitas grazas por ter conversado con nós Margarita Ledo.