Lino Braxe: “Eu son, fun e só serei un poeta, que se gaña a vida como pode”
Nome e apelidos: Lino Braxe Mendía Un lugar: Creta Un hobby: Non teño Unha comida: Non gosto de comer Unha virtude: Amar ben Un defecto: Bebín demasiado no pasado Un soño: Creta |
Lino, para empezar cóntanos, en que andas metido neste momento? Algún proxecto entre mans? De que se trata?
Acabo de estrear un espectáculo que se titula “Romano”. É moi autobiográfico, aínda que suceda na antiga Roma. Estou escribindo moito teatro e corrixindo poemas. A ver se quedan ben dunha santa vez!
Unha pregunta moi típica, que estarás xa canso de responder, con que faceta te sentes máis identificado? Director, actor, escritor,…?
Non me cansa nada responder a isto. Paréceme lóxica e oportuna a pregunta. Eu son, fun e só serei un poeta, que se gaña a vida como pode ou lle deixan.
Algunhas veces mesmo combinaches varias, non si? Non é a primeira vez que “te dirixes a ti mesmo” como actor… Como se leva iso?
Si, claro, combinei varias e en moitas ocasións, e supoño que seguirei facéndoo se a saúde me respecta. O de dirixirte a ti mesmo é raro. Pero se non hai cartos, non queda outra.
Se falamos de xéneros? Teatro, poesía,… Que che ofrece cada un?
O teatro ofréceme paixón, a sensación de estar vivo e de compartir esa vida con outras persoas, o que para un solitario empedernido coma min é toda unha regalía. A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor “O meu anxo, meu todo, meu deus”.
“A poesía é para min o mesmo que dicía Beethoven do seu amor: O meu anxo, meu todo, meu deus” |
E en canto á canle? Tamén tocaches un pouco tódolos paus. Prefires o directo do teatro, a televisión, a radio?
A radio é o medio ideal para un poeta. Es anónimo. Ninguén ve o teu rostro. Fas o teu programa e marchas para casa a escribir poemas. Nun tempo vivín así. Pero non tiven sorte cos xefes que tiña na radio e decidín deixar “aquela mina abandonada” que era como definía Orson Welles á radio.
Como foron os comezos? Sempre tiveches esta vocación ou de pequeno querías ser outra cousa?
Até os doce anos eu fun educado, non polos meus pais, senón por certo entorno familiar, para ser militar. Pero a esa idade escribín un poema. Desde aquela xa non existiu nada máis na miña vida que a poesía.
A cal dos teus proxectos lle tes ese agarimo especial? Que obra, poema ou serie recordas especialmente?
“Ós doce anos escribín un poema e desde aquela xa non existiu nada máis na miña vida que a poesía” |
A obra da que gardo un recordo máis nidio é “Hamlet” que dirixín hai uns anos. Creo que o meu mellor poema foi Banquete, por moito que me gusten outros moito máis, mais eu sempre falo desde a opinión do público. O programa de radio do que teño máis morriñas foi “Prohibido durmir a sesta” que presentaba coa miña amiga e compañeira Ana Pontón. A xornalista, non a política, claro.
A túa compañeira Ánxeles Cuña escribiu que “facer teatro é a paixón inevitable dun grupo de exploradores que decidimos vivir na alta vixilia do poeta”. Que opinas? Considéraste un pouco explorador?
Si, considérome un explorador. Sempre estou explorando. É a única maneira de crear dende o risco. Sobre a alta vixilia do poeta, non podo dicir moito. Ánxeles leva razón, mais eu vivo permanentemente nese estado, daquela non son quen para definilo.
En que situación se atopa Sarabela? Ti traballaches moito con esta compañía, é a máis potente de Galicia neste momento? Son as postas en escena máis ambiciosas que se realizan?
Eu traballei en varias ocasión con Sarabela. Con eles síntome na casa, en familia, agarimado. Mais non formo parte da compañía, por iso non podo dicir como se atopa. E menos despois dun ano inactivo por unha doenza. O que si é certo é que Sarabela sempre aposta forte nas súas montaxes. Son xente con talento e paixón e cun enorme amor polo teatro.
Por outra banda, tamén é certo que o microteatro cada vez colle máis forza, non? En que consiste isto? Ti tes varias obras nesta corrente, cales son as diferenzas?
Eu escribo microteatro dende os anos oitenta. Antes deste estoupido actual. Encántame. Son obras breves, nas que contas en moi pouco tempo un argumento cargado de intensidade. Permíteche contar tramas e historias a mans cheas. E resulta moi agradecido.
Tamén é certo que, nos tempos no que estamos, un dos principais problemas ós que se ten que enfrontar o teatro é a dificultade de poñer en marcha proxectos grandes, non? Cada vez máis dirixímonos cara producións máis pequenas, que non corran riscos… Como valoras a situación actual do teatro en Galicia? As cousas están complicadas, cres que corre perigo?
O teatro sempre corre perigo. Mais aínda así, permanece vivo dende hai tres mil anos. Por iso en cada estrea dunha obra miña, golpeo o escenario tres veces coa miña man. Para demostrar que estamos aquí desde hai tres mil anos. O problema non está no teatro, senón no que arrodea ao teatro. As institucións e as persoas que teñen influencia na promoción do teatro.
Como é a resposta do público? Para recortar neste senso sempre se di o mesmo, que a xente non vai ó teatro. É verdade? Precisamos máis cultura teatral? Que papel xoga o teatro infantil neste senso?
O público está co teatro. Sempre o estivo, mais necesita ser coidado. As entradas subiron de prezo nos últimos anos por culpa do actual goberno. E antes está comer que ir ao teatro. Con todo, insisto que o público está con nós. O do teatro infantil é outro mundo. É como unha funeraria: sempre hai mortos que enterrar. E aínda que Galiza é un país de vellos, nenos sempre haberá. Así que ese público está garantido. O que non acabo de entender é porque non se respecta máis aos grupos de teatro infantil, están a facer montaxes marabillosas e ségueselles vendo como compañía de segundo orde.
O audiovisual tampouco está pasando un bo momento. Como o ves? Córrese o risco de priorizar un sector en detrimento do outro?
O audiovisual é caro. Precisa de axudas porque de non ser así reséntese. É un medio fundamental para a tranquilidade económica dos nosos actores e actrices, mais tamén para os guionistas, iluminadores, maquilladores, estilistas, sonidistas, etc. O audiovisual move un exército de profesións e sen apoio é moi difícil facer cousas.
Algunha mensaxe para alguén? Para os políticos? Para os compañeiros? Para o público?
“Os políticos non saben de cultura. Nin lles importa demasiado” |
Os políticos non saben de cultura. Nin lles importa demasiado. De cando en vez, atopas un ser sensible que ocupa un posto de responsabilidade en cultura, e ese ser vai dar unha esperanza a todo o sector. Mais é algo pasaxeiro. A realidade é que tal e como están montados os partidos é difícil que unha persoa da cultura poida formar parte do seu proxecto, co que sempre vivirán de costas á realidade cultural. Aos compañeiros que se coiden e que sobrevivan nesta época tan ingrata. E o público que siga con nós que é o máis importante, e que é para quen traballamos.
E de cara ó futuro, algunha espiña cravada? Algunha obra ou proxecto que che gustaría poñer en marcha?
No meu estado de saúde actual non me podo permitir ningunha espiña cravada. De cara a un proxecto futuro gustaría de montar “Quen teme a Virginia Woolf” e “O mercader de Venecia”. Mais está última non é doado montala polo elevado número de actores que serían necesarios.
Algún proxecto do que nos poidas adiantar algo?
Estou empezando unha novela. Xa se verá se a acabo algún día. É unha novela histórica e precisa dun alto grado de documentación. Prefiro non adiantar de que vai, nin de quen vai.
Moitas grazas Lino, recupérate pronto e ata a próxima.