Fernando Salgado Varela
“Demasiados xornalistas queren ser protagonistas, cando todos deberíamos ser invisibles”
Con voz pausada e a mirada inqueda, Fernando Salgado é desas persoas coas que sempre apetece sentar a tomar un café e deixar pasar o tempo. Gusta de levar boina e normalmente non se separa do seu bolso, no que non faltan a gravadora, fiel compañeira de batallas, e unha morea de historias por contar. Non fala das súas virtudes nin dos seus defectos, iso déixao a valoración de quen o coñece. Para os que non, xa lles digo eu que entre as primeiras non falta a de saber atopar unha historia. Todos temos a nosa, di el, polo que calquera podería ser o Julio de “Elefantes e Hormigas”, libro que está a presentar este xornalista que se fai invisible para atopar ós verdadeiros protagonistas da vida. |
Nome: Fernando Salgado Varela Un lugar: Monte Teide (Tenerife) Un hobby: camiñar Unha comida: paella Un soño: Subir ao Monte Ararat (Armenia) |
Fernando Salgado, xornalista e escritor ou escritor e xornalista? Que es primeiro?
Teño a sorte de contar cunha ou dúas páxinas limpas no meu xornal tódolos domingo para dedicarllas ó reportaxe que queira. Ós 12 anos cheirei por primeira vez a tinta nunha imprenta, a miña vida sempre estivo unida ás letras por distintos motivos, e un día atopei a historia que buscaba.
“Elefantes y Hormigas” é un libro biográfico que relata a historia de… Non sei como chamalo, Julio? Como comeza esta historia Fernando? Como coñeces a Julio e por que decides escribir este libro?
A Julio coñecino, de vista, nos primeiros anos da década dos noventa, cando rexentaba a Cafetería Trasalba, de Vilagarcía, pero non cheguei a falar con el. Si o fixen moitas veces coa súa muller, Angélica Ferrín. Un día, fará entre tres e catro anos, escoitei que un home de Vilagarcía estivera nun campo de concentración, e que o seu apelido era Patachiuta. Como non hai dous, busqueino.
Dicía que non sei como chamalo porque o protagonista deste relato ten moitos nomes, non? De feito descobre o seu verdadeiro nome xa con certa idade…
Cando a túa casa se converte en cinzas, vas de unha cidade a outra, pasas por dous campos de concentración e varios campos de refuxiados, non é tan estraño. Todos lle chamaban Lula cando era pequeno, e ata que desde Bos Aires non pediron a Grecia a súa documentación, non soubo que o seu nome é Stergiuos, e que Lula non é máis que un diminutivo de Sergiula. Entón tiña 18 años. Tamén cambiou o seu apelido, que do orixinal Patakioutas acabou en Patachiuta.
Os que te coñecen adoitan dicir de ti que es un home máis de escoitar que de falar. Probablemente será por iso que hoxe temos este libro nas nosas mans, como foron aquelas longas charlas con Julio? Entre café e cigarros?
Demasiados xornalistas queren ser protagonistas, cando todos deberíamos ser invisibles. Claude Lanzamann estivo varios anos dando voltas para buscar antigos prisioneiros de Hitler e, despois de convencelos para que falaran, el mantívose calado. Incluso cando eles nada dicían, porque os silencios, os xestos e as bágoas din moitas cousas. O resultado foi un documental titulado ‘Shoah’, de seis horas de duración. De el aprendín.
Canto tempo che levou coñecer e escribir esta historia?
Algo máis de ano e medio, despois puxen en orden todo o que me dixo e documenteime para contextualizalo todo.
Como foi a relación que se forxou entre vos? Para unha persoa que ten tanto que contar atopar a alguén que queira escoitalo ten que ser moi gratificante…
Sen dúbida. Asombroume coñecer pasaxes da historia contada por quen foi protagonista da mesma, como xa o foran antes seu pais, que viviron baixo a dominación do Imperio Otomano e tamén sufriron a I Guerra Mundial e a I Guerra dos Balcáns. Agora, cando presentamos o libro, as veces penso que é un pouco aburrido cando Julio llo conta á xente, sen decatarme de que a reacción do público que o escoita asombrado, é a mesma que tiven cando o coñecín.
O relato comeza precisamente coa vida dos seus pais. Se falamos de acontecementos históricos dese calado, como a I Guerra Mundial, a Guerra dos Balcáns, o nazismo,… Decatarnos de que non é só cousa dos libros, se non que hai persoas reais que os viviron é sorprendente…
O día que presentamos o libro na Galería Besada, do Grove, dous rapaces duns dez ou doce anos escoitaban cos ollos grandes como pratos. Na Galería Sargadelos, de Pontevedra, a miña compañeira do Diario de Pontevedra Belén López dixo que, unha vez máis, a realidade supera á ficción. Estou de acordo con ela.
É posible escribir un relato coma este con rigor ou irremediablemente un crea a súa opinión?
“Unha vez máis, a realidade supera á ficción” |
Quixen ser todo o rigoroso posible, tanto na transcrición das palabras como na recompilación de material que fixen para enmarcar cada un dos pasaxes. O meu obxectivo é que sexa o lector quen saque as súas conclusións, partindo dos feitos que relato. Recoñezo que o que quixen é advertir de que a sociedade perde con moita facilidade o sentido común e os tempos de relativa estabilidade, nos que a humanidade se impón a barbarie, son moi curtos. Como a el, a II Guerra Mundial tronzoulle a a vida millóns de persoas. Esa xeración foi a que levantou de novo Europa, e os que aínda viven están vendo que todo treme de novo.
Dicía ó principio que é unha obra biográfica, pero non só iso. Ademais, como dis, hai unha profunda labor de documentación, necesaria para que poidamos entender a vida deste home?
Encántame viaxar, e documentarse é viaxar coa imaxinación. Grevena, Perivoli, o Estreito de Metzovon, Velestino ou Ioánina, descoñecidas fai pouco para min, forman hoxe parte da miña xeografía, aínda que nunca chegue a poñer os pés nesas poboacións. Outra satisfacción desde traballo foi a que me produciu corroborar nos libros tódolos acontecementos que me describiu el, todo o que garda na súa prodixiosa memoria.
Cal foi a historia que máis impacto che causou? Habería moitos momentos para a emoción tamén, falamos dun home que é todo un exemplo de superación, despois da desaparición da súa nai, a morte de seu irmán…
“Papá, no nos mataron”, díxolle ó seu pai, Atanasio, cando saíron das duchas, ás que os mandaron nada máis chegar ao campo de concentración de Noemark. Non era una cámara de gas, como supoñían. E despois dixo: “Nos lavamos para que los piojos que nos estaban esperando, nos encontrasen limpios”.
Ademais do repaso dunha vida, “Elefantes y Hormigas” é tamén un percorrido por Europa e polo mundo, coincidindo tamén coa vida de figuras moi relevantes na historia…
Julio é dese tipo de persoas que viviu varias vidas nunha e sempre soubo adaptarse para saír adiante. Podería ser una crónica resumida dun século de historia, pola que pasan personaxes como Vlad Tepes (convertido en Drácula polo escritor Bram Stoker), o senador McCarthy, Pablo Escobar, Rosa Parker ou Fidel Castro.
Como acaba un home coma el en Arousa?
Por amor. Un día entrou nunha cafetería de Bos Aires e viu unha rapaza que era a imaxe de Sofía Loren. Era Angélica Ferrín, que naceu en Baión (Vilanova) fronte a capela de San Simón.
“Papá, no nos mataron” |
Salvando tódalas distancias, ti tamén acabaches facéndote medio arousán a pesares de non ser da comarca. Como chegaches aquí?
Nacín en Cerdedo e a vida levoume a Pontevedra, Vigo, Barcelona, Caldas de Reis e algún sitio máis antes de facerme vilagarcián.
“A historia dunha comunidade é a historia dos seus membros, cando unha persoa deixa de contar as súas vivencias a sociedade faise máis pobre” Esta é unha frase túa…
É un plaxio. Os habitantes das tribos dixérona antes que eu. Eles contaban as historias de xeración en xeración para que no se esquecesen porque non tiñan gravadoras. A familia de Julio fixo algo parecido.
Outra tamén é “a cotianidade da moito xogo”. Deberíamos os xornalistas fixarnos máis nas historias da xente normal? Prestar máis atención ó que teñen que contar os nosos maiores, por exemplo?
Acabo de rematar unha reportaxe dun vilagarcián que estivo tres anos metido nun zulo, de 1936 a 1939. Pero ó mesmo tempo, un día calquera na vida dun pai ou dunha nai, que teñen que loitar para levar o pan a súa familia, xa daría para un libro. Non hai que esforzarse tanto, basta con ver a vida de diario. Basta con meterse na pel dos outros.
Neste senso, como ves a sociedade Fernando? Dende a óptica do que se dedica a contar o que acontece diariamente, como valoras a situación política, económica e social na que nos atopamos?
Como aconteceu en etapas anteriores, é un combate entre a civilización e a barbarie, por máis que queiran a chamar crise económica é o maior roubo da historia. O que nos xogamos é volver as cavernas, deixar de ser cidadáns cos nosos dereitos para converternos en súbditos, como na Idade Media. Nin máis, nin menos.
E xa para ir rematando, como está sendo recibido o libro polo público? Satisfeito?
Un día entrei nun bar de Rubiáns (Vilagarcía) onde o dono, un home maior, estaba xogando a partida con outros tres. Pedinlle si podía pegar un cartel anunciando a presentación do libro. Sen dicir palabra, levantouse da partida, cando é algo sagrado, arrincou unha esquela do taboleiro e espetou o meu cartel. Por iso xa pagou a pena escribilo.
Algún outro proxecto en mente? Estás pensando no seguinte Julio ou xa tes a algún ou algunha?
Estamos poñendo a punto un novo proxecto. Podo dicir que serán varios os protagonistas. Xente da rúa de novo.
Moitas grazas por ter conversado con nós Fernando. Moita sorte e ata sempre.
Fotos: José Luiz Oubiña