publicidade hoxe
Manuel Álvarez Fuentes “O bardo da colectividade galega” da Habana - Cabecera

Manuel Álvarez Fuentes “O bardo da colectividade galega” da Habana

manuel-alvarez

Manuel Álvarez Fuentes (La Habana, 1939), máis coñecido nos ambientes culturais galegos da Habana como “O bardo da colectividade galega” é fillo de pai galego e neto, por parte materna, tamén de avó galego. Sempre viviu en Cuba. Xa desde moi novo estivo inmiscido nos ambientes culturais habaneiros dos anos 50 así coma tamén no movemento revolucionario que levou a Cuba a derrocar o réxime batistiano. Ten publicadas as seguintes obras -bilingües- tituladas Eu teño dúas patrias (2011), O canto da nosa Terra (2012), Con todos e para o ben de todos (2013) e máis recentemente Ó camarada Felipe e á mocidade cubana en homenaxe a un seu camarada de loita revolucionaria (Fulgencio Oroz) que foi asasinado no ano 1958 pola tiranía batistiana.

manuel-alvarez-2Amigo Manuel, imos comezar por lle preguntar algo verbo das súas orixes… Poderíase dicir que aquel sangue galego paterno, e tamén materno, ferveu decote por dentro súa e que tamén o axudou a se marcar un ideario de compromiso no seu percorrer vital?

Esa é a miña orixe, teño o sangue de dous galegos, tamén os seus nomes e mais os seus apelidos –Manuel Álvarez Iglesias e Manuel Fuentes Sanmartín-. Mais hai unha grande diferenza entre estes dous galegos. No físico e no carácter eu son igual ó meu avó, mais herdei as ideas do meu pai, que tamén tivo dúas patrias, Cuba e Galiza. Meu avó veu cando Cuba era aínda unha colonia de España; el sentíase español, falaba galego, era un campesiño da Coruña coma o meu pai, pero el pensaba que Galiza era só unha rexión de España e o galego un dialecto do castelán. Meu pai tamén pensaba que o galego era un dilecto do castelán falado por campesiños sen educación, estudou ata un terceiro grao e en lingua castelá, pero para el España era a pobreza de neno labrego e a guerra de Marrocos da que fuxiu como polisón nun barco ata Cuba. Veu de 17 anos e morreu de 80; pasou a maioría dos seus días en Cuba, aínda que se notaba que era galego pola forma de falar; el sentíase cubano, renunciou á súa cidadanía española e fíxose cubano, aínda que ía ás actividades da “Sociedade Naturais de Ortigueira”, pagaba o hospital “A Benéfica” do Centro Galego onde morreu e foi soterrado no panteón de Naturais de Ortigueira, o máis grande do “Cemiterio Cristóbal Colón”, a necrópole habaneira. Estudou xa vello cando veu a Revolución coa que sempre simpatizou, que alfabetizou a un millón de cubanos e deprendeu a todos polo menos até o noveno grao e miles obtivemos un título universitario coma min. El sempre me falou da beleza da súa Galiza, da súa aldeíña, Fortesende, da súa nai, os seus irmáns, el amaba aquela terriña, mais pouco coñecía da grandeza de Galiza, da súa fermosa historia e non puido transmitirme esa grandeza e eu só, xa morto el, tiven que descubrir a Galiza, estudar a súa historia e unha profesora que mandou a Xunta de Galicia, Arantxa Fernández Crespo deprendeunos, non a lingua que el falaba, senón un galego culto e normalizado que hoxe se fala en Galiza. Teño dúas patrias, as dúas cunha historia gloriosa e moi vinculadas pola historia e o sangue. A emigración galega en Cuba creou o himno e a bandeira galega e foi a iniciadora da Real Academia Galega e os galegos emigrantes mandaron escolas a Galiza e foron un xerme da rebeldía do pobo cubano; moitos galegos pelexaron pola independencia de Cuba, entre eles o Xeneral mambí Francisco Villamil que deu a liberdade aos seu escravos e presentouse cunha numerosa tropa á guerra “necesaria” e deu a vida pola nosa independencia e fillos de galegos foron o motor que iniciou a Revolución cubana.

eu-teno-duas-patriasCon tanto apátrida e renegado que habita este noso planeta, como xustificaría a unha persoa coma Vostede que presume claramente de ter dúas patrias (Cuba e Galiza)?

Un día no Correo Galego o grande escritor galego Xosé Neira Vilas escribiu un artigo sobre min titulado “Poeta e loitador”. A poesía para min non é unha arte pola arte, é un instrumento de loita, que non é o único, que comprende toda a miña actividade vital. Cando tiña 16 anos escribín poemas á miña patria cubana, reciteinos en actividades estudantís, para chamar a mocidade á loita pola patria cubana, mergulleime nunha folga de fame que recolleron os xornais, a televisión, a radio, neses momentos chamamos a atención da mocidade e a toda a nación sobre os crimes da tiranía de Batista; detívonos a policía. Era unha acción de loita como a propaganda revolucionaria, recadar cartos para a fronte guerrilleira, acadar armas, e ao final incorporámonos ao exército rebelde.

Agora escribo poemas de loita pola nosa lingua e cultura galega, e recítos nas actividades das sociedades da emigración, edito libros para difundir a nosa lingua entre os fillos dos emigrantes e ensino a nosa lingua; o importante non está na arte dos meus poemas, está na loita por Galiza e a súa lingua e cultura. Agora estou a formar un grupo de gaiteiros e escribín dous himnos para dúas sociedades galegas con letras en galego e formei un coro para os cantar. Coido que Don Xosé, que viviu trinta anos en Cuba, coñece ben aos cubanos e mais aos cubanos fillos de galegos, por iso me chamou poeta e loitador. Fidel un día dixo que debía a súa vocación revolucionaria á herdanza xenética dos seus avós, campesiños pobres e explotados de Galiza; os meus tamén llo eran.  

Cre Vostede que está a cumprir a función primordial dun “bardo” (preservar e transmitir unha cultura, neste caso a cultura galega) como para ser recoñecido como “O bardo da colectividade galega?

Non sei ben se foi por primeira vez o xornalista de España Exterior na Habana Dr. Manuel Barros que me puxo “O bardo da colectividade galega” ou o director do boletín dixital a Cova Céltiga, Felipe Cid. O problema é que xa a xente se acostumou e cando me presentan nunha actividade fano con este pseudónimo. Penso tamén que pode ser como son o único que escribe os seus poemas en lingua galega na Habana, ata agora, me chaman así. Coido que estou preservando a lingua dos meus devanceiros e transmítoa nos meus poemas. É interesante que “A Sociedade O Val de Lemos” en ocasión do seu Centenario outorgoume un Recoñecemento que di: “Por manter viva a Lingua Galaica dedicando os seus coñecementos a transmitila nos seus poemas, abnegado ensino e esforzo persoal, mostrando a riqueza da cultura da nosa Galicia a naturais e descendentes e a quen desexen beber da fonte do saber”.

Ser educado nos seus primeiros anos nunha escola de clara tradición mambisa puido ser o caldo de cultivo que o levou a que con 17 ou 18 anos se mergullase no movemento revolucionario que desembocou na caída da ditadura batistiana?

folgaÉ certo, o Dr. Fernández director do “Colexio La Empresa” era un home de altos principios patrióticos e ensinounos os pensamentos dos nosos grandes patriotas cubanos como Martí, Maceo, Gómez e Céspedes, “O Pai da Patria”. Os meus primeiros poemas foron á Patria cubana e mais a estes pensadores e guerreiros que loitaron pola nosa independencia.

Despois vimos que esta non era a patria que eles soñaran, a independencia era unha bandeira gloriosa, un himno que levou aos homes á manigua redentora, e mais un escudo nacional. As riquezas do país, as terras, as poucas industrias que existían estaban nas mans do capital estranxeiro. Só había traballo nos meses da zafra azucreira, despois o tempo morto, todos os campos estaban sementados de cana azucreira; cando baixaba o prezo do azucre a morrer de fame. Naqueles tempos dicíase “Sen azucre non hai país”. Non había educación nin médicos para os pobres, para ir a un hospital do estado había que dar a cédula electoral a un político, os votos nas eleccións comprábanse polos políticos, os campesiños ou non tiñan terras ou estas eran do latifundista que as explotaba, e a Garda Rural desaloxaba á forza aos campesiños aínda que as terras fosen dos seus devanceiros dende tempos inmemoriais porque non tiñan títulos de propiedade. Ao final as terras eran dos indios que foron exterminados pois non resistiron o traballo escravo como os negros que trouxeron de África despois. Era necesario mudar esta situación, era necesario facer unha revolución que comezara cunha reforma agraria que dese a terra a quen a traballaba. Niso chegou Batista cun golpe de estado, xa non había nin eleccións fraudulentas, só a toma do poder pola forza das armas.

Os meus poemas revolucionarios foron as miñas primeiras armas nesta loita, que despois foron manifestacións nas rúas, revistas estudantís onde chamabamos á conciencia e á loita pola liberación nacional e a verdadeira independencia, a folga de fame e ó final a loita armada.

O asasinato do seu compañeiro de loita xuvenil Fulgencio Oroz, ao que homenaxea na súa última obra publicada, foi o detonante que o levou a se incorporar ao Exército Rebelde do “Movimiento 26 de Julio”?

Para min Fulgencio Oroz foi sempre “Felipe”, este era o seu pseudónimo. Cando caeu pola tiranía coñecín o seu verdadeiro nome, foi o meu amigo, polo seu carácter que inspiraba confianza e amizade, na miña casa facíanse as xuntanzas da sección estudantil da Mocidade Socialista e recibiamos unha compañeira que era o enlace co fronte guerrilleiro de Yaguajay. Cando Felipe caeu preso no decembro de 1958, pensouse que xa eu non era útil na Habana. El visitaba con frecuencia a miña casa e facía mesmo xuntanzas cos compañeiros do “26 de Julio”. Xa non era lugar seguro para min e decidiron mandarme ao fronte guerrilleiro de Yaguajay onde se pelexou ata o derradeiro día do ano 1958 en que caeu a máis sanguenta tiranía que houbo na miña patria.

Tornei á Habana como membro do exército rebelde ao antigo campamento militar de Columbia, agora “Cidade Escolar Liberdade”, baixo as ordes do Xefe do Estado Maior do Exército Rebelde, Comandante Camilo Cienfuegos, o Heroe de Yaguajay. Fun destacado no mesmo edificio onde asasinaran a Felipe. El morreu coma un heroe. Ninguén foi detido porque el non falou nada e tiveron que matalo con só 18 anos de idade. Os seus restos endexamais se encontraron; quizais o botaron ao mar ou quen sabe que fixeron con el. Hoxe varias escolas levan o seu nome e no “Hospital Hijas de Galicia”, onde nacín, cerca da miña casa está o seu monumento que aparece na portada do libro Ó camarada Felipe e á Mocidade cubana.

Que pensou Vostede cando xa desde xove leu pensamentos do seu admirado José Martí como “Vale máis un minuto de pé que unha vida de xeonllos” ou “Os dereitos tómanse, non se piden; arríncanse, non se mendigan” ou “É preferible o ben de moitos á opulencia de poucos” ou aquel de “A felicidade xeral dun pobo repousa na independencia individual dos seus habitantes”?

curso-galego-no-centro-galegoDediquei un dos meus libros Con todos e pra o ben de todos ao 160 Aniversario do nacemento de José Martí. Ademais dos poemas que son dedicados a el, na maioría dos meus poemas falo algo do Apóstolo da Independencia de Cuba, do Heroe Nacional da nosa Patria cuxas ideas teñen plena vixencia a máis de cen anos da súa caída en combate.

Martí escribiu moito dos galegos aos cales admirou, a Concepción Arenal chamouna “Señora de ouro”, falou da grandeza de Emilia Pardo Bazán coma escritora, de Rosalía de Castro lembrou nos seus escritos frases completas en galego, un dos máis fermosos poemas seus é: “A bailarina española” dedicado á pontevedresa Otero, ao Xeneral Francisco Villamil, que pelexou na guerra dos Dez Anos, dedicou un artigo, a Martínez, un mozo galego que foi asasinado pola súa colaboración cos patriotas cubanos, e a quen chamou o heroe de Nova Iork comerciante galego que morreu na neve despois de levar os cartos para axudar á familia do Xeneral en Xefe da Guerra Cubana.

Nos seus pensamentos ensinounos como debía ser a patria pola que el morreu en Dous Ríos. Fidel dixo no xuízo polos sucesos dos asaltos aos cuarteis Moncada e Carlos Manuel de Céspedes que Martí era o autor intelectual do movemento do “26 de Julio” de 1953 porque as súas ideas e ensino foron as que guiaron a aqueles combatentes que morreron pola patria entre eles o segundo xefe Abel Santamaría Cuadrado, fillo dun galego orensán e o seu máximo xefe o fillo dun galego de Láncara que levou a Revolución á vitoria. E estes pensamentos que vostede sinala foron os sagrados mandamentos desa revolución.

Deixou escrito Benjamin Franklin que “Onde mora a liberdade, alí está a miña patria”. Por que, unha vez acadada a liberdade na súa patria nativa, tardou Vostede en se decatar precisamente da falta de liberdade da súa outra patria e en se identificar de cheo con ela?

Concordo plenamente con este pensamento de Benjamin Franklin. Os cubanos, despois de 1959, fomos internacionalistas; tiñamos exemplos deste internacionalismo na nosa patria, o Xeneral en xefe do exército Liberador, Máximo Gómez, era dominicano; un dos heroes da Revolución, Ernesto Guevara, era arxentino, e miles de cubanos pelexaron pola República Española contra o franquismo e un exemplo cimeiro é Pablo de la Torriente Brau, que morreu pelexando en España. Milleiros de cubanos pelexaron en África e morreron en Angola, Etiopía e outras nacións deste continente. E xunto ó Che loitaron e morreron cubanos en Bolivia. A esta xesta internacionalista foron chamados os cubanos e todos foron voluntariamente. Eu firmei que estaba disposto para ir combater a calquera parte do mundo onde non houbese liberdade ou estivese ameazada a independencia dun país irmán como o caso de Angola polo réxime do apartheid sudafricano, e con esa vitoria garantiuse a independencia de Angola e Namibia e a caída do réxime sudafricano e a liberación do pobo negro de Sudáfrica. O meu irmán máis novo foi seleccionado e pelexou en Angola, xa eu era catorce anos máis vello ca el, tiña problemas de saúde, non pasei o recoñecemento médico que se facían aos combatentes e tiña responsabilidades no estado, non fun seleccionado a pesar da miña disposición.

Naquel tempo para min como xa dixen a patria dos meus devanceiros era España; o que me transmitiron meu pai e meu avó era que Galiza era una rexión de España; a Revolución sempre estivo en contra do réxime franquista, o propio Fidel criticou e houbo momentos de crise nas relacións co franquismo, mesmo unha manifestación de centos de miles de cubanos fronte á embaixada española na Habana.

En abril de 1963, apenas saído do exército para traballar como diplomático no comercio exterior, escribín un poema que publiquei na revista “Lenín” da Mocidade Rebelde do Ministerio de Comercio Exterior que está no libro Eu teño dúas patrias sobre o crime franquista de Julián Grimau que se titula: “Seguirá combatiendo”.

España queimou nunha fogueira o Cacique Hatuey, exterminou aos indios cubanos, trouxo os escravos africanos á nosa terra, matou de fame e enfermidades a un millón de campesiños cubanos coa reconcentración nas cidades que fixo Valeriano Weyler para que os campesiños non abastecesen e apoiasen aos mambises, fusilaron a oito estudantes de medicina inocentes e trouxeron a moitos galegos con contratos que foron unha forma legal de escravitude, Batista levouse a España millóns de dólares que roubou ao pobo cubano… Coido que non podía ser naquel tempo a miña outra patria, aínda que en Cuba se dicía que era a Madre Patria. Penso que o pobo español que tanto sufriu non ten a culpa do que fixeron os gobernos españois, admiro a cultura española e ó pobo español do que tamén falou Martí, fillo de españois, e defendeu aos españois que amaban a liberdade e dixo que eran outros tantos cubanos.

Por outra banda, e seguindo co tema da liberdade, dixo García Lorca: “Na bandeira da liberdade bordei o amor máis grande da miña vida”. Cre Vostede que este bordado libertario lorquiano segue a estar presente nas dúas bandeiras das súas patrias?

manuel-alvarez-tras-a-victoria-da-revolucionSe vostede quere que eu sexa completamente sincero e honesto, en xeral penso en relación con Galiza que non vive como vivía baixo o réxime do franquismo. Hai un avance en canto á liberdade, pero a verdadeira liberdade está plasmada no meu poema “Acorda mocidade” do libro O canto da nosa terra. Creo que o futuro estará na xente moza. Se eu non tivese 75 anos estaría na Porta do Sol coa xuventude española. En canto ao futuro da nosa lingua dependerá de que sexa a lingua única de Galiza, mentres compita cunha lingua máis poderosa a loita será como se di en Cuba “ de león a mono amarrado”.

Que supuxo para Vostede o feito de ser condecorado nin máis nin menos que coa medalla de “Combatiente de la lucha clandestina durante la guerra de liberación nacional?

Teño catro medallas do Consello do Estado da República de Cuba, mais esta penso que é a máis importante, é un recoñecemento á loita dun mozo que puxo en perigo a súa vida para loitar pola patria. Mais, a máis grande honra é dos rapaces como Fulgencio Oroz que morreron pola Patria e soportaron as torturas dos esbirros de Batista e non delataron a ninguén. Foi unha grande honra cando recibín a medalla, pero, como dicía Martí, toda a gloria do mundo cabe nun gran de millo.

Dado que Vostede sempre tivo fondas responsabilidades tanto comerciais como económicas en Cuba, supoñemos que sempre estivo convivindo co inmundo bloqueo ianqui. Que supón, e supuxo, este feito para Cuba e para a sociedade cubana?

A nosa verdadeira independencia ten como custo un bloqueo de máis de 50 anos da potencia máis poderosa da terra, e enormes sacrificios para o noso pobo. Eu comparo o pobo cubano cos sacrificios de Xesús para salvar a humanidade, compartimos a nosa pobreza cos que non teñen nada, axudamos a moitos pobos primeiro con combatentes, despois con médicos e mestres de todas as disciplinas, hai miles de estudantes do terceiro mundo nas nosas escolas. Os traballadores teñen a liberdade que non teñen nos países capitalistas, pero a falta de estímulos polo bloqueo que nos provoca escasezas lévanos tamén á libertinaxe, a falla de esixencia dos xefes, a corrupción nalgúns casos de sona e a xente non traballa como debe ser. Os médicos cubanos son heroicos en Haití, nas selvas sudamericanas, sen embargo algúns en Cuba non atenden ben aos seus paisanos, a medicina é gratis, se levas un regalo aténdente mellor.

A pesar diso é impresionante como este pobo soporta a falta de recursos e as necesidades de bens materiais e todos os días hai homes que son protagonistas dun feito heroico, hai homes que levan moitos anos de inxusta condena en cárceres desa potencia e non se renden, porque é mellor que se afundise esta illa no mar que renunciar á gloria que se ten vivido.

Vostede literariamente dedícase case exclusivamente á lírica. Será este feito o que confirma o dito polo seu amigo Don Xosé Neira Vilas (falando precisamente de Vostede) que “En Cuba sempre camiñan xuntos poesía e combate”?

Como xa dixen a poesía para min sempre foi unha arma de loita, coido máis a mensaxe que levan que a beleza, e recítoas con moita forza coma un loitador na súa trincheira de combate, ese é o meu estilo, a xente aplaude e quere unha copia dos meus poemas. Claro que non todos comparten as ideas de xustiza. A miña muller sempre me di: “se ti escribises poemas de amor terías máis éxito”, mais eu non fago isto por cartos, senón por sentimentos, non podo ser oportunista.

Como todos os mozos escribín poemas de amor dedicados sempre a unha muller determinada, pero isto considéroo algo persoal e endexamais penso publicalos.

Escribín música que algúns coros xuvenís cantaron, agora fixen dous himnos para dúas sociedades galegas, “Monterroso e Antas de Ulla” e “O Centro Unión Ourensá da Habana”; con este último montei un coro que o cantou tres veces nas actividades da sociedade. Tamén teño música cubana, danzóns, habaneiras, etc. que xa son tipo tradicional porque as escribín entre os 15 e vinte anos, é algo antigo pero vou facer un CD para quen o queira oír, seguramente xente vella coma min. Teño uns vídeos de poemas e música miña e bailes galegos dedicados a Galiza que o doei ao “Centro Unión Ourensá” para acadar fondos para a sociedade.

coas-ganadoras-certame-xose-fontenla-lealFoi Vostede gañador dun certame de poesía que leva o nome de “José Fontenla Leal” en honra a un dos pais do noso himno galego. Que supuxo para Vostede semellante privilexio?

O “Obradoiro de Cultura Galega Xosé Fontenla Leal” foi un espazo moi bonito e fixo moito pola cultura galega, teño un Recoñecemento del que gardo con moito agarimo e tamén o Premio de Poesía. Neste obradoiro recitei por primeira vez un dos poemas que gustan moito “Galegos son” que ten un retrouso que di: “Nesta Cuba de azucre, tabaco e ron tódolos españois galegos son” e dou nel oito razóns do porque os cubanos chamamos galegos a todos os españois, cousa que se gañaron nosos pais e avós.

”Se eu nacese en Galicia escribiría soamente en galego como o grande escritor Xosé Neira Vilas”. Esta máxima súa non cre Vostede que debería servir de máxima a moitos escritores e moitas escritoras que, a pesar de naceren en Galiza, empregan o castelán en literatura e en medios de comunicación, máxime en moitos casos en que se deron a coñecer grazas á literatura no noso idioma?

Iso penso. Eu falo castelán porque esta é a lingua que me ensinaron os meus pais, aínda que meu pai falaba galego, mais el pensaba que esta lingua era un dialecto do castelán falado por campesiños que non estudaron, que o castelán era a lingua culta, estudou ata o terceiro grao en castelán, el non puído transmitirme aquela lingua, non tiña a cultura necesaria para facelo.

Ensináronme o galego aos 56 anos unha profesora que mandou a Xunta de Galiza no 2005, e comecei a descubrir Galiza; antes só era o orgullo da miña ascendencia galega, pola admiración que sempre sentín por meu pai, era un home moi traballador, que ata traballaba os domingos e agora son un namorado desta lingua dos meus devanceiros e desta terra que agora é miña polos meus sentimentos e tamén pola lei desde o 2003 e que transmitín aos meus fillos, netos e bisnetos.

E podo dicir que se eu nacese en Galicia escribiría soamente en galego como o grande escritor Xosé Neira Vilas como un xesto de patriotismo para a terra que me viu nacer.

Miña bandeira galega, / a bandeira azul e branca, /como astro rei se levanta / sobre unha cubana veiga!

Miña bandeira mambisa, / a bandeira tricolor / levántase como un sol / que aluma miña Galicia!

Cre vostede que debería “alumar” un maior irmandamento entre estes dous países igual que obra dentro de Vostede o irmandamento entre estas dúas bandeiras presente nestas dúas estrofas dun seu poema?

As bandeiras coido que están irmandadas porque as dúas naceron en Cuba; a primeira polos expedicionarios de Narcizo López, que foi capturado e pasado a garrote, e a galega polos emigrantes galegos en Cuba. A independencia de Cuba é incuestionable que influíu nas ideas nacionalistas dos galegos que estaban en Cuba. Foi un ambiente de independencia de España que desatou ese nacionalismo.

Cuba e Galiza están irmandadas polo sangue que corre polas nosas veas. Un día en que o noso presidente Raúl regresou do Brasil dixo que era galego; en verdade é fillo dun galego; a pesares das diferentes ideoloxías Fidel e Fraga tiveron unha fermosa amizade, que é unha mostra que a irmandade entre Cuba e Galiza é posible, hai moitos puntos de unión, hai moitas razóns para ser irmáns, todo está na boa vontade dos dirixentes dos dous países, o respecto entre as nosas dúas nacións. Penso que o presidente galego veu a Cuba e reuniuse co presidente cubano para facer unha amizade entre os dous gobernos. A ideoloxía imperante en cada país é consecuencia das decisións dos cidadáns de cada país dunha forma democrática. Se cada un respecta ao outro existirá unha convivencia civilizada; non se pode impoñer una ideoloxía a outro, isto foi nun tempo motivo de discordia entre Cuba e mais España. Eses tempos non deben volver.

coro-formado-tras-un-curso-impartidoA nosa música acompaña a moitos dos seus poemas e soa na Habana por voces que só coñecen o noso idioma polos cursos de galego que Vostede imparte. Como asumen os cubanos e as cubanas, que teñen o ritmo omnipresente, a nosa poesía cantada?

Penso que ben, hai cancións que para os cubanos son como o himno de Galiza, refírome a “Unha noite na eira do trigo”, que a coñecen todos os descendentes de galegos e tamén os cubanos vellos porque nunha época hai moitos anos foi popular en Cuba. Por certo, o meu neto político e afillado Addielito, que é un verdadeiro artista desde os 6 anos, baila galego, recita os meus poemas, agora ten 9 anos e varias veces cantou esta canción nas actividades das sociedades galegas e foi moi emocionante para todos.

Tamén eu formei xa dous coros cos alumnos de galego para cantar o Himno Galego e tamén o Himno escrito por min para a “Unión Ourensá da Habana” e gustou moito entre as duascentas ou trescentas persoas que o escoitaron na Casa Balear. Agora con este terceiro curso vou ensinar de novo o Himno Galego e montar un novo coro para a graduación.

Tamén na música hai irmandade entre cubanos e galegos. Un ritmo cubano, a habaneira, aínda soa en Galiza en cancións galegas e cubanas coma “A Paloma”, cando xa en Cuba é música tradicional dos vellos tempos, aínda que hai un “Festival de Habaneiras na Habana” feito seguro para que non esquezamos este ritmo.

o-canto-da-nosa-terraDentro das súas funcións de “bardo” está a de transmitir o noso idioma aí, en plena Habana. É máis doado explicar o noso idioma a persoas que dende os seus primeiros anos están totalmente identificadas coa cultura en xeral?

A lingua galega é moi doada de ler e ata de entender porque moitas palabras son similares en castelán, mais é moi difícil de escribir e de falar correctamente; a dificultade está na gramática, hai cousas que os cubanos non podemos entender ben. Unha é os xiros idiomáticos moi diferentes ao castelán, a conxugación do infinitivo, os pronomes que unhas veces van diante do verbo e outras detrás, os cambios de xénero de palabras similares nos dous idiomas; verdadeiramente hai que nacer en Galiza para chegar a escribir e falar ben o galego. E como vostede di unha persoa cunha grande cultura, que coñeza por exemplo o italiano comprende mellor o uso do artigo nos posesivos, o que coñeza o portugués pola gran cantidade de contraccións que hai, cando en castelán só hai dúas.

E, para rematar, simplemente darlle as grazas e animalo a seguir dando exemplo de patriotismo para con Cuba e para coa nosa Galiza e agardar que a nosa literatura pase a telo de cheo entre o seu elenco.

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 1 de Outubro do 2014 | 10:49 a.m.

Outros temas de Encontros coa Cultura