publicidade hoxe

Ramiro Varela Cives

Onte tomei un café co meu bo amigo, o doutor Varela Cives. Un deses galenos que sentaron cátedra. Profesional cunha sólida formación e bagaxe. Bacharelato na Estrada, doutor en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela (sobresaliente cum laude na tese), especialidade na Clínica de Cirurxía Pediátrica do Hospital Universitario de Munich.

Cirurxán pediátrico (foi xefe do Servicio de Cirurxía Pediátrica do CHUS e profesor da USC) cun infindo amor á medicina, centrada nos máis cativos, nos pereiriños. Penso (e sei que penso ben) que ese amor lle vén herdado dos seus pais, dous mestres exemplares, Rafael Varela Pazo e Encarnación Cives Tarrela (a mestra de Guimarei).

Home dun profundo galeguismo, herdanza, sen dúbida, do seu avó, o agrarista, José Varela Puente e do seu tataravó, o tamén médico, Serafín Pazo.

Pero por riba de todas estas “cousiñas”  hai unha moito máis importante, que fai que as outras acrecenten (se cabe) moito máis o seu valor, o noso doutor é un Ser absolutamente anxelical, un médico da alma; é dicir, unha boa persoa. Sempre (e sei do que falo) disposto a botar unha man para solucionar calquera problema do noso ben máis prezado, a saúde.  

Por iso, cando o vindeiro venres, 9 de maio, ingrese na Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, estaremos alí, na cidade herculina, para sermos testemuña, e poder dicirlle, “mil parabéns doutor, es unha honra para a profesión e para os teus amigos”.

E entrementres, na Estrada da Vida, á beira da Pinguela, na escola de Guimarei onde viviu o noso doutor (arestora unha humilde biblioteca), unha banda de pardais interpretará ao unísono a Alborada de Pascual Veiga, homenaxe merecida á carreira brillante dun excepcional cirurxán pediátrico e dunha boa persoa.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 25 de Abril do 2014 | 8:33 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"