publicidade hoxe
Universo creativo - Cabecera

Universo creativo

Onte chegoume á casa un paquete postal que contiña toda unha alfaia primaveral. Todo un universo creativo. Estoume a referir ao libro – catálogo que recompila os gañadores dos premios 2014 do certame Xuventude Crea.

Artes plásticas, banda deseñada, carteis, deseño de xoias, graffiti, moda, música, teatro, videocreación, poesía e relato. O mellor do noso (esperanzador) futuro creador, nun volume editado pola Xunta de Galicia (Consellería de Traballo e Benestar).

Tiven a honra de participar por terceira vez como membro do xurado da especialidade de poesía que foi presidido un ano máis por Yolanda Otero; actuando como secretaria, Pilar Tamerón (coa que sempre partillo do seu pobo natal, Viana do Bolo). Tamén participaron o grande poeta Luís González Tosar (un magnífico contertulio; o bo xornalista Víctor Furelos (con quen tivemos unha miguiña para falar de fútbol); e a poeta Lupe Gómez (sempre tan xenerosa e sensible), que desta ocasión agasalloume cunha foto (do interior da igrexa de Fisteus) que amosa –segundo ás súas propias palabras– “o fascinio desa vella luz que ilumina as pedras e a memoria da nosa aldea”.

En fin, unha xuntanza (léase experiencia) que sempre resulta moi gratificante e esperanzadora, que nos permite calibrar o sentir (o tremer), o universo creativo da mocidade galega.

A todas e a todos, mil parabéns!

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 14 de Marzo do 2015 | 11:14 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"