publicidade hoxe
Dúas cousiñas infinitas - Cabecera

Dúas cousiñas infinitas

Poñer a vacina do meningococo B aos pereiriños galegos –segundo os expertos– custaría cada ano 1,7 millóns de euros ao Ministerio de Sanidade (que é o que ten a obriga de incluíla no calendario oficial como xa fixeron os ingleses por exemplo, que negociaron coa farmacéutica un prezo de 20 libras por dose (28 euros). Ou sexa, unha nimiedade se o comparamos con calquera dos múltiples casos de corrupción.

Pero –me cachis en la mar– os nosos “competentes” gobernantes ren de ren. Nin o inclúen no calendario como unha prioridade de saúde pública (sabendo que en Galicia é unha enfermidade endémica) nin permiten a venda en farmacias. Seica o Sergas leva desde novembro facendo xestións co Ministerio, pero nada de nada, conxunto baleiro, “cero patatero”, non están polo labor.

Entrementres, as familias galegas, que poden pagar, viaxan a Portugal na procura do fármaco (co perigo que entraña rachar coa cadea de frío…) ao igual que os extremeños, casteláns e andaluces; os cataláns mércano en Andorra e os vascos en Francia.

Unha auténtica homenaxe ao absurdo. Ao esperpento. Á senrazón. Un absoluto descontrol que vai provocar outro desastre engadido –como ben explicou Héctor Castro, presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña–, que cando decidan incorporala ao calendario, non haberá datos reais de vacinación estatística nunha cuestión de saúde pública. E iso si que é gravísimo.

Os pediatras, os pais, a cidadanía, esiximos que se solucione xa este problema provocado por un ministerio que ten a obriga de velar pola saúde (“pública”).

En fin, só dúas “cousiñas” son infinitas:  o universo e a incompetencia dos nosos dirixentes… e da primeira, afirmaba Albert Einstein, que non estaba seguro.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 16 de Maio do 2015 | 1:48 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"