Uni(verso)pandeireta
Muiñeira, xota, pasodobre, mazurca, rumba… O sol repenica no meu interior. O Nadal e a Blondie moven o rabo ao unísono. A miña rainha anda a voltas coa pandeireta. Aila lalarala lala, aia lalaralalala. Todo un universo musical risca todos os recunchos da Congostra e os versos de amor póusanse de vagariño sobre nós coma o ensoño deste día de primavera.
Hainos para todos os gustos. Amores perdidos como os de “Pasei pola túa porta”, que xa non te quero porque// xa non vales nada e anda// que xa non te quero porque// non me da a ghana e anda//. Amores prohibidos, tanto che quero, quéroche tanto// tanto che quero mira cariña de cielo// Tanto che quero, quéroche tanto// Tanto che quero miña cariña de demo. Amores agachados, sei tocar a pandeireta// tocar sei o violinhe// tamén sei facer a burla// de quen a faga de minhe…
Brincadeiras para non fallar no momento decisivo, o licor da laranxiña// dálle forza ao gaiteiro// un vasiño pola noite// e non lle falla o punteiro.
O desamor da “Jota de Acibeiro”, entrai mociños entrai// por esas porta pa dentro// quen me dera ver entrar// quen tiña no pensamento. Amores maternais, miña nai miña naiciña// coma miña nai ninguna// que me quentaba a cariña// co calorciño da súa… Amores lonxanos como os da “Xota de Soutelo de Montes”, canto hai que non nos vimos// mais hai que non nos falamos// xa o camiño bota herba// onde nos paseabamos.
O xogo dos namoramentos, moito miras para min// moito miras mirarás// tes ollos de pilla pilla// e a min non me pillarás. Amores lizgairos, o cariño que che teño// e máis o que che ei de ter// colle na folla dun toxo// e máis non a de enchere//.
Novos ritmos amorosos, mándanme tocar a rumba// e eu rumba non a sei// para quen entra no baile// eu a rumba tocarei… Amores furtivos, Montealegre, alegre vou// cando vou cun fillo meu// i eu pra min hei arranxar// non se pode calcular// o traballo que me deu… I ela caiu e caiu, e resbalou// e por debaixo da saia// un lagarto lle marchou.
E esta vai por despedida, e esta vai por de remate, e esta vai por despedida, e esta vai por de remate, ata o vindeiro artigo, que a sorte vos acompañe. Ai lalala ai lalala ai lalala ai lalala.