Un navío de ouro
Imaxinádesvos un verso popular que diga, “cando no CEIP de Oca,// a tardiña o sol fachea// semella un navío de ouro// que ao pé da costa fondea?”
Imaxinádesvos que un neno que leva por nome Pablo (por exemplo) soñe con acadar o autógrafo dun poeta?
Imaxinádesvos que unha estrofa do poema de O Libro dos bicos se transforme de súpeto nunha sabedeira torta caseira? “A Casa é de chocolate.// O campo, de Van Gogh.//De fina seda o río.//O bico de turrón.//”
Imaxinádesvos unha árbore que no corazón do inverno floreza versos de cores e un ramallete de palabras de Gloria Fuertes, Neira Vilas, Rosalía Morlán, Rosalía de Castro, Antonio García Teijeiro, Paula Carballeira, Carlos Fontes, Helena Villar Janeiro, María Canosa e Manuel María?
Imaxinádesvos unha Caixa Máxica onde logo de introducir unha palabra que descoñecemos saia a mesma palabra (toda leda) coñecida e agarimosa coa que poder xogar e correr e bailar e recitar na randeeira do vento mareiro un verso feliz?
Imaxinádesvos un grupo de 21 pereiriños (léase rapaces e rapazas de infantil) que aprenden a carón do lume tenro da poesía?
Imaxinádelo? Pois todo isto acontece no infindo Uni(verso) poético de Bea e Mariela, dúas mestras de infantil do CEIP de Oca. Elas saben que a poesía (que rima con vida) é unha sabedeira torta de amorodo e chocolate. Elas son quen de adiantar a Primavera das Letras na árbore da vida. Elas teñen entre as súas mans o tesouro máis prezado, delicado e poético do noso ricaz patrimonio humano.
Para Elas que loitan, traballan, constrúen soños de ilusión e esperanza (e para os seus 21 pequenos poetas) vai este artigo co firme desexo de que –dende o seu recuncho paradisiaco dese navío de ouro chamado Oca– ata o solpor, medren felices entre versos, bicos e amor.