publicidade hoxe
De paseo por Madrid - Cabecera

De paseo por Madrid

–Gallegos? (Noooon andaluces. Penso entrementres esbozo un aceno de complicidade). – “Si. Si. Gallegos. De A Estrada, Pontevedra”.

Vemos pasar a vida na terraza do Círculo de Bellas Artes, na Calle Alcalá, outra xoia arquitectónica que leva o inconfundible selo do noso Antonio Palacios (creador tamén nesta mesma rúa do edificio do Banco de España, do Palacio de Maudes, no distrito de Chamberí, e deseñador do primeiro metro da cidade e do seu logo, un rombo vermello cun rectángulo azul no centro).

Grazas a Palacios cando paseamos por Madrid sempre nos vén á cabeza, Vigo, o Teatro “García Barbón” (“infelizmente” –que diría un meu amigo Brasileiro– rebautizado co aberrante nome de Centro Cultural Afundación).

O caso é que ao Círculo de Bellas Artes (que pode acoller un día calquera 9 ou 10 actos diferentes) acodía, entre moitos outros, Ramón y Cajal que se sentaba nun recuncho do local, sen libro, nin revista, nin cigarro. Seica só ía cavilar. Só el e os seus pensamentos. Aínda que tal vez fose a “la pecera” a pasmar, a paponear, “cousiña” que o abaixo asinante procura facer de cando en vez e abofé que lle vai saíndo moi ben.

Pola mañá fomos ao Reina Sofía con dous firmes obxectivos, rubir nos marabillosos ascensores de cristal para contemplarmos unha panorámica fantástica da cidade. E saudar ao Guernica, unha obra pola que dende pequeno teño especial devoción.

Logo visitamos “polo atallo” – que diría Neira Vilas– o Prado. E alí estaban, impresionantes (coma sempre) os Goia, Velázquez, Rubens, Zurbarán, Murillo, Greco, Ribera, Sorolla, Berruguete… Vaia equipazo! E tamén percorrimos a exposición “10 Picassos” cedida polo Kunstmuseum Basel (de Basilea, claro), o museo público municipal máis importante do mundo.

Por certo, o Pablo Picasso asistía de moi novo ás clases de pintura no edificio onde arestora estamos.

En fin, Madrid é todo un Mar por descubrir. Logo de pasmar un pouco máis, seguiremos coa promenade pola cidade. Rubiremos a costa de Moyano, onde sempre se pode atopar algún libro de vello, e deixarémonos caer polo Retiro, o máis marítimo que ten Madrid –que diría o xenial xornalista Xulio Camba. O escritor de Vilanova de Arousa, vivía moi preto de aquí, na Carrera de San Jerónimo, na habitación 383 (hoxe 317) do Hotel Palace, pero isto xa é outra “cousiña”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 18 de Abril do 2015 | 11:14 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"