publicidade hoxe
Solidariedade Galega co Pobo Saharaui - Cabecera

Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

A Juan Soutelo

 

Coñezo xente que dá un chimpo na noite e colle entre as súas mans unha estrela vermella do ceo do Sahara. Logo póusana morniño no seu corazón e a loitar. Recollen garavanzos, lentellas, aceite de oliva, atún, produtos de hixiene, medicinas e organizan caravanas de re(existencia), ilusión e esperanza.

Saben que se hai luz na alma haberá beleza nas persoas. Son xente anónima que posúen como máxima que o movemento demóstrase andando. Viven entregados a unha causa (sempre xusta), axudar aos demais.

Saben que no deserto non medran plantas nin árbores pero florecen seres humanos. Rapaces que sorrín porque queren ser felices. Homes como Hassanna Aalia –activista saharaui de Dereitos humanos e defensor do dereito da autodeterminación do Pobo Saharaui– para quen reclaman (reclamamos, esiximos) asilo político.

Coñezo xente que dá un chimpo na noite e colle entre as súas mans unha estrela vermella para que nos alumee na estrada da vida. Acredito neles. Son dos imprescindibles. Os homes e mulleres de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 7 de Febreiro do 2015 | 11:33 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"