CEIP Ramón de Valenzuela
Sábado. As primeiras raiolas do sol da mañá traénme unha magnífica nova. O claustro do colexio da Bandeira, onde impartín docencia no curso 1996-97, hónranme invitándome ao acto que vai ter lugar o vindeiro venres, 15 de maio.
O exemplar centro levará o nome do insigne intelectual (mestre, escritor, político, dramaturgo, actor, dinamizador cultural…) Ramón de Valenzuela (Manduas, 1914 – Sanxenxo, 1980).
Para os que acreditamos que o mellor Faro para impedir que os pobos tropecen –Manuel Daniel Varela Buxán, dixit– sexa unha escola (pública), ficamos ledos e orgullosos de que ese Faro leve o nome dunha persoa boa e xenerosa, todo un uni(verso) ético e estético, un dos imprescindibles dos que falaba Bertolt Brecht, todo un exemplo, un paradigma, toda unha lección (tal vez a primeira), que un “pereiriño” (nenas e nenos que dan os seus primeiros pasos na estrada da Vida) debe aprender.
En definitiva, a vida e obra de Ramón de Valenzuela vénnos a dicir algo tan sinxelo como imprescindible, “que a xustiza, a paz, a dignidade, a luz… deben presidir sempre as nosas vidas.”
Por iso quero transmitirlle ao amigo Xosé López Casal (director do centro), a todo o claustro de mestras e mestres, e a toda a comunidade educativa do “CEIP Ramón de Valenzuela” da Bandeira os meus máis sinceiros parabéns.