Dous debuxos e un poema
A María e Iago
Recibimos na casa un agasallo precioso, dous debuxos e un poema, froito do traballo de dous xoves lectores, María e Iago, que principiaron hai tempo (da man dos seus pais) o camiño da lectura.
Eu dígoo sempre (véxase nesta mesma sección, “A finalidade suprema da lectura” e “Ler para vivir”), e gústame repetilo, ler non é doado; é difícil, como case todo o que ten interese na vida, ou nos fai medrar por dentro, e custa tempo e traballo e dedicación e esforzo, moito esforzo.
E é que ler, legere, é ver, ollar, sorrir, chorar, comprender, ensoñar, camiñar (como no “Camiñando” de Nicolás Guillén), interpretar, expresar, adiviñar, saber, reflexionar, cavilar (Unamuno, dixit), razoar… Vivir por un mesmo.
Ler, insisto, é difícil. Pero cando se consegue é marabilloso. Algo así como andar en bicicleta sen rodíns polas estradas dos soños; ou saborear un xeado de amorodo e chocolate; ou mergullarse libre(mente) no mar (da vida) sen “manguitos”, nin flotadores.
Velaí o infindo valor da lectura, camiñando, soletreando, lendo, percorremos a palabra, o camiño, a estrada da (nosa) vida, e descubrimos –como o están a facer María e Iago– que o segredo está no traxecto, no camiño, na lectura… E que podemos principialo con algo tan sinxelo e marabilloso como son dous debuxos e un poema. Mil grazas polo agasallo.