Na lembranza de Paco Lareo
Hoxe é o día. Volverei á Solaina. Á casa do meu amigo levado. E mirarei para todos os recunchos. E botarei un sorriso de complicidade. Porque acredito (acreditamos) que ti tamén estarás connosco. E lembrareite, con aquela “Cousiña,” recordas? Aquela que escribín para ti no Faro, e da que tanto gozaches, e que agora reproduzo aquí (máis ou menos) dedicada á túa memoria, dedicada a todos os forxadores que fan posible, co seu infindo traballo, presididos pola túa irmá Carmen, que a túa Solaina, amigo Ferreiriño, escintile un día máis ao amañecer.
Da túa tribo herdaches o maior Tesouro do Mundo, a Forxa da Vida. Os teus amigos, que son moitos, chamabante Paco. E ti respondías sempre cun sorriso. A túa figura foi a dun Cabaleiro de Deza galopando nun “Golf” branco polas estradas da Arte.
Eras desa especie en vías de extinción, a dos bos e xenerosos. Nunha ocasión falamos do segredo das cousas e o abaixo asinante, principiou a escribir “Cousiñas”.
Se tiveses que pintar un animal quizais escollerías unha bolboreta de mil colores distintos. Se tiveses que poñer música seguramente “pincharías” calquera desas cancións que fican no corazón por sempre xamais. Se tiveses que escoller un lugar no mundo, tal vez, irías á procura dese teu Macondo paradisíaco, onde o sol fachea sempre ao amañecer.
Participaches en mil proxectos. Coñeciches mil países. Saboreaches mil culturas. Viviches libre(mente) baixo mil ceos. E todo, absolutamente todo, metíchelo, de vagariño, na túa maleta e trouxéchelo para a Terra.
Forxaches, coa forza dos teus Soños, unha Solaina de Cultura. E fixeches da túa aldea, Piloño, un lugar universal. Gustabas de cantar no coro da parroquia. Gozabas actuando no Teatro da Vida. Pasaches moitas horas mesturado cos nenos, dos que sempre dixeches que son o futuro. E gustabas de parolar cos teus veciños na taberna ou botarlle unha man no que fixera falta.
Hai tempo dixen de Ti, meu amigo, que eras un dos Grandes do noso país. Hoxe -por escrito e tendo como testigo o luar de xullo-, repítoo aos catro ventos: Paco Lareo foi un dos Grandes Artistas da nosa Terra. Un día, lembras? pintaches unha anduriña inscrita nun círculo, ao día seguinte xurdía entre as augas da cultura Edicións Fervenza.
E é que, meu amigo, ti non facías obras de Arte, non, Ti facías Maxia. O teu Universo Máxico era como Mil Estrelas bailando libre(mente) nun infindo mar azul.
Paco Lareo, aínda que nunca o procuraches, xa o acadaches dende hai moito tempo, o recoñecemento de todos aqueles que tivemos a honra de tratarte como persoa e como artista. Deica sempre, amigo.