publicidade hoxe
Galicia no corazón de Madrid - Cabecera

Galicia no corazón de Madrid

No hotel, antes mesmo de abrir a boca, o recepcionista espétanos, “que de vacacións, yo este año quiero ir a las Rías Bajas que nunca he “estao” en Galicia”.

Tirso de Molina, Sol, Gran Vía, Tribunal… Resoa o Sabina no familiar paseo da memoria. Na parede do vagón do metro unha señora le atentamente un delicioso texto de Álvaro Cunqueiro extraído de La cocina cristiana de occidente. Unha idea fantástica (exportada con éxito a outras cidades e países) que baixo o título de “Libros a la calle” vén desenvolvendo nos últimos 18 anos a Asociación de Editores en colaboración coa Comunidade de Madrid co obxectivo de fomentar a lectura entre os viaxeiros.

Fotografámonos diante do Café Gijón no Paseo de Recolectos, 21. No ático do mesmo edificio tiñan o seu fogar Laxeiro e Lala. Tenme contado Xosé Neira Vilas (e mesmo o ten publicado tamén) que cando el e Anisia os foron visitar no ano 1976, pasárono moi ben os catro xuntos, falaron da Guerra Civil, dos días de Buenos Aires, pasearon por todas as rúas e mesmo Laxeiro tirou unha morea de fotos, pero a máquina (“cousiñas” do Laxeiro) non tiña carrete.

Paramos na Praza da Cibeles, diante dun dos símbolos da cidade, o antigo edificio de Correos (hoxe Palacio de Comunicacións, tamén nomeado como Palacio da Cibeles, sede do concello), obra do arquitecto Antonio Palacios (O Porriño, 1876 – El Plantío, 1945).

Lembreime que hai tres anos –durante unha mesa redonda que lle adicamos a Valentín Paz Andrade (Lérez, 1898 – Vigo, 1987) na Estrada co gallo do Día das Letras Galegas– seu fillo Alfonso contounos como seu pai, moi amigo de Palacios, nunha das súas viaxes a Madrid, fora visitar ao arquitecto ao edificio que ía ser a sede nacional de Correos.

Atopouno preparando sobre unha mesa, a tamaño natural, o bosquexo do que ía ser o escudo de España, que ía ir na fachada principal. E Paz Andrade díxolle con sorna, “plántalle aí o de Galicia”. O arquitecto non o pensou dúas veces, debuxou no centro do escudo un círculo no que inseriu o cáliz e as sete cruces e logo de rir a cachóns saíron a cear e a dar unha volta pola noite madrileña, esquecéndose por completo da brincadeira. Ao día seguinte o capataz dos canteiros foi recoller –como adoitaba facer sempre– os patróns á mesa do arquitecto e os canteiros executaron en pedra o escudo.

O día da inauguración, 14 de marzo de 1919, acudiu Alfonso XIII que deuse conta que algo interrompía o escudo de España e comentou, “a mi que me lo explique Antonio que lo entiendo a la primera…”

E así foi, ata hoxe. O escudo de Galicia ficou para sempre nun dos edificios máis emblemáticos da arquitectura moderna española do século XX. Galicia no corazón de Madrid.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 11 de Abril do 2015 | 1:13 a.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"