publicidade hoxe

Rosalía Morlán no CEIP do Foxo

(Co gallo da presentación da súa  peza teatral, O libro do mundo dos soños,
na conmemoración do Día Internacional das Bibliotecas Escolares,
24 de outubro de 2013)

…………………………….

Baixo o Sol Rebulideiro do CEIP do Foxo, onde desde hai dez anos festexamos unhas Xornadas Poéticas de luces e de soños, de cores e de amores, de auga e de lembranzas, escintilan con luz propia, A coitada lúa e Estrelas de Azucre que se pousan sobre Nós, engordiñas, coma un bico ao vento, que nos fala da nosa casa, do noso fogar, dos nosos pais, da nosa familia, da aldea, da nosa aldea sempre especial cun palleiro de ouro e de regueiros de sal.

Desde arestora, 24 de outubro de 2013, Día Internacional das Bibliotecas Escolares, coa inestimable colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o noso colexio edita 500 exemplares dunha peza teatral especialmente creada para Nós, O libro do mundo dos soños.

Non é de estrañar, xa que logo, que a autora, a creadora deste feitizo lírico – teatral, nacera con nome de poeta, Rosalía… Rosalía de Trazo. Rosalía Morlán. Unha Princesa do Ar de Compostela que rube maniniña, surcando o Uni(verso) das Letras, deica o Xardín da Poesía do Foxo.

Rosalía escribe como vive ou habería que dicir que vive como escribe? Cando Rosalía escribe, molla a súa pluma na tinta vermella do seu coraçao. Cando Rosalía traballa de Supervisora de enfermería no Hospital de Conxo ou como profesora asociada de Ciencias da Saúde, na Universidade de Compostela, faino de corazón. E cando está coa familia e cos pereiriños do Foxo (sabémolo ben) está (tamén) de corazón.

A forza da súa palabra, a sensibilidade do seu verso, a autenticidade dos seus poemas, a sinxeleza creativa do seu corpus poético, da súa obra, son como mil estrelas danzando nun infindo mar azul.

Por iso, o noso colexio, síntese moi honrado e orgulloso de tirar do prelo este pequena e infinda xoia teatral que desde hoxe ficará por sempre nun recuncho do noso xardín, O libro dos mundo dos soños.

E porque sabemos que Somos o que Soñamos agradecemos esta nova e valiosa achega da Princesa do Ar, O libro do mundo dos soños. Mil grazas, Rosalía.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 24 de Outubro do 2013 | 1:40 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"