publicidade hoxe
Un baño moi literario - Cabecera

Un baño moi literario

O pasado martes estivemos na Feira do libro da Coruña. Unha marabilla. O día invitaba a mergullarse nos milleiros de libros, de todas as formas, cores e gustos, que había nas casetas dos xardíns de Méndez Núñez.

Detivémonos na Libraría Pedreira. Charlamos sobre a afluencia de xente á feira. As vendas seica melloraron respecto do pasado ano. Entre a morea de publicacións espalladas polo mostrador, collimos unha ao chou, un exemplar, editado en galego por Galaxia, do Ulises de Joyce.

Logo de mercarmos Contos do Mar de Irlanda (Ed. Xerais) de Xurxo Souto, fomos presentar o poemario infantil, O libro dos bicos (Ed. Embora). Estiven moi ben arroupado polo meu editor, polo Secretario Xeral de Política Lingüística, pola miña familia, e por Anxo, un bo amigo, excelente fotógrafo.

Só había un pequeno fallo, faltaban os pereiriños, os nenos e as nenas, os lectores do noso país. Supoño que sería pola hora, o evento estaba programado para as trece horas; ou porque á mesma hora había a presentación doutro libro.

Daquela, por iso da asociación de ideas, veume á mente unha novela que don Vicente Risco deixou sen rematar, Os europeos en Abrantes, na que un grupo de intelectuais e mestres reuníanse nunha sala do Ateneo e alí, en seco, sen auga, aprendían a nadar. Facían todos os xestos e movementos para procurar acadar a difícil disciplina da natación. E chegou o grande día. Foron ao río a referendar todo o aprendido. E que pasou? Pois o que tiña que pasar, afundían e case afogan.

Polo demais o día resultou moi agradable, en familia, xantamos ben, demos un paseo deica a Torre de Hércules e rematamos cun baño na praia de Riazor.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 8 de Agosto do 2014 | 7:36 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"