A felicidade na pescadería
É venres e maio na Estrada da Vida. Deixou de chover. Agardo interminablemente na pescadería para mercar. Dubido entre pescada do pincho, o kg a 6.50 (unha ganga), ou uns rapantes que teñen moi boa pinta. A señora que vai diante miña quere rapantes e pregunta con decisión, “son da ría, nonsi?”
Entrementres fico pasmado mirando a parede. Ducias de anuncios informan aos clientes. Detéñome nun deles. Está escrito a man e non ten desperdicio. Toda unha filosofía da Vida. Velaí o segredo da felicidade, “ser amable con todos. Sociable con moitos. Íntimo cuns poucos. Amigo dun. E inimigo de ninguén”.
“Con cabeza ou sen cabeza?” – pregunta a pescadeira co rapante na man. “Ai, filla, con cabeza, con cabeza, que ao meu Manolo é o que máis lle ghusta, porque son da ría eh, se fosen do Gran Sol, non, aí xa che diría que sen cabeza porque o meu Manolo para iso éche moi mirado, bueno (rindo a cachóns) é un repugnante coma todos os homes…”
Eu sigo a voltas co anuncio da parede, “dáme serenidade para aceptar o que non podo cambiar, valor para cambiar o que si podo e sabiduría para recoñecer a diferenza”.
Por asociación de ideas vénme ao maxín as seis “cousiñas” que sempre di Xosé Neira Vilas que hai que facer para sermos felices: 1. Rir. 2. Amar profundamente a alguén (e ser amado). 3. Traballar. 4. Divertirse (gozar do lecer e da recreación cultural). 5. Ter sempre diante un problema, un reto aínda que sexa pequeno (pescada ou rapantes?) por resolver. E 6º. Cantar todos os días un pouco, aínda que sexa na ducha.
A señora dos rapantes marcha feliz. Divertiuse. Riu a cahóns e agora vaille facer os rapantes ao seu Manolo. Vaise tarareando unha canción desas bonitas, das de toda a vida.
“E logo, ti que vas querer, José?”
Pois eu –resposto sen pensalo dúas veces-, eu igual que a señora, uns rapantes da ría.
“Con cabeza ou sen cabeza?” – pregúntame a pescadeira cun sorriso na faciana.