publicidade hoxe
Un agasallo - Cabecera

Un agasallo

No verán de 1973, asistín convidado a unha festa escolar que nos ofrecía na súa casa a miña mestra, a Señorita Leonor. No transcurso da mesma tivo lugar unha desas “cousiñas” que un leva sempre impresas, nun recuncho do corazón, durante toda a vida.

Logo de rematar a merenda, tivemos que pensar un número. Se coincidía co que tiña na mente a anfitriona gañariamos un agasallo. Cando me tocou a min, respostei con seguridade sen apartar a vista do seu ollar, “o sete”. “Efectivamente” –exclamou a mestra debuxando un precioso sorriso na faciana. “É o número sete”. Pecho os ollos e véxoa, dándome dous bicos e escribindo coa súa fermosa letra, “Para José de su profesora y amiga, Leonor”.

O agasallo era unha novela. O meu primeiro libro dedicado. Tratábase dun exemplar de Cinco Semanas en Globo de Jules Verne da editorial Bruguera. Gocei moito coas aventuras do explorador inglés, o doutor Samuel Fergusson (o álter ego de Verne), atravesando o continente africano, dende a Illa de Zanzíbar deica á costa de Senegal. Vivindo mil aventuras, no “Victoria”, co seu amigo Dick Kennedy e o seu criado Joe Wilson.

Daquela aínda non sabía que Verne tivera que pasear coa súa historia inicial, Voyage en l´air, por varias editoras sen que ningunha delas quixera publicala. Ata que un día recaeu nas mans dunha persoa moi especial. O que sería o seu xefe durante corenta anos. Un dos mellores editores do século XIX, Pierre-Jules Hetzel. O mesmo que publicaría, entre outras, obras de Balzac, Víctor Hugo, Michelet ou Émile Zola.

Daquela aínda non sabía que na miña noveliña As cometas da vida, un dos personaxes lería un fragmento de Cinco Semanas en Globo. E tampouco descubrira, daquela, que o Verne, na súas Vinte mil leguas de viaxe submarina, fixera navegar o Nautilus, co capitán Nemo a bordo, pola ría de Vigo, onde baixaron a ver os galeóns de Rande.

Nin que dicir ten que na estrada (léase camiño) da vida, o 7 segue a ser o meu número da sorte. A Señorita Leonor, unha das miñas profesoras pola que sinto devoción. E o agasallo da miña mestra, que arestora repousa nun andel na habitación do meu fillo, unha infinda xoia, todo un galano agarimoso, que me leva, como se dunha desas máquinas fantásticas do tempo se tratase, á miña infancia.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 8 de Novembro do 2013 | 2:27 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"