publicidade hoxe
Ler paga a pena - Cabecera

Ler paga a pena

A miña amiga Rosa, coordinadora dese espazo de lectura, información e sabiduría que é unha Biblioteca, regálame un caderno no que escribir os artigos para o noticieirogalego.com

As enquisas do CIS son demoledoras. Non deixan lugar a dúbidas. Un de cada tres españois non abre un libro nin de coña “marinera”. Que por que? Xa estamos co demo das preguntas. Porque si. Porque non lles peta. Non queren. Non lles interesa. Ou porque (“Ai que tarde que é”) non teñen tempo. Que vai principiar o fútbol ou o “Deluxe” ou o Miami Vice ou o Gayoso. Que sempre hai unha boa razón para non abrir o libro. E ademais (sabido é) ao ler entra un sono que nin dios.

O segundo de cada tres españois (segundo –desculpade a “rebuznancia”– o Centro de Investigacións Sociolóxicas), ler o que se di ler, le. Faltaría máis! E ademais que saibades que non só le senón que celebra o Día das Letras Galegas, o Día Mundial do Libro, da Poesía, do Teatro, da Festa do Salmón ou do que faga falta. Mais (iso si) le, maticemos polo miúdo, “ás veces” (poñamos que le unha vez ao trimestre).

O terceiro español da enquisa –beatus qui legit– le todos os días. Faino na intimidade da súa casa e en papel. Preferentemente novela histórica e tamén le a prensa para estar informado. Unha media de 6 ou 8 libros ao ano, fronte aos 47 dos modélicos ilustrados lectores finlandeses.

Ler (dígoo sempre) é bo para gozar dunha boa saúde mental, fuxir do estrés,  exercitar as neuronas, potenciar a creatividade e profundar na capacidade crítica.

Ler é difícil, como case todo o que ten interese na vida, ou nos fai medrar por dentro, e custa tempo e traballo, mais para quen fica engaiolado nas súas redes, paga a pena.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 23 de Xaneiro do 2015 | 11:26 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"