Ler paga a pena.

Hai cousas que non deberían necesitar defensa. Respirar, querer, conversar cos amigos, mirar o mar cando temos a sorte de telo preto ou sentarnos diante dun libro e deixar que outro ser humano nos conte algo que nós aínda non sabiamos. E, con todo, ás veces parece necesario defender a lectura. Explicar por que paga a pena ler nun tempo no que case todo compite por conseguir a nosa atención e no que, curiosamente, temos máis posibilidades de acceder aos libros ca nunca e menos tempo para abrilos.

Sempre se dixo que a literatura fai máis libres. Pode parecer unha frase solemne, desas que quedan moi ben nun discurso do Día das Letras, especialmente se detrás hai unha bandeira, un atril e alguén que leva vinte minutos dicindo que a cultura é importante. Pero detrás desa afirmación hai unha verdade sinxela: un libro pode abrir unha porta que non sabiamos que existía. Pode levarnos a outra época, a outra vida, a outra maneira de mirar. Pode poñernos diante dunha realidade que prefeririamos non ver. E tamén pode facernos rir, que non é pouca cousa nun mundo que se empeña en tomarse demasiado en serio.

Hai libros de aventuras, de memoria, de amor, de liberdade ou de melancolía. Hai libros que homenaxean o mar, a xente que traballa, os lugares que coñecemos e aqueles que só coñecemos porque alguén soubo contalos. Hai libros escritos co lapis dun carpinteiro e outros que nos axudan a mirar a vida cotiá doutro xeito. Hai libros que nos fan mellores do que levamos dentro.

E hai libros que nos incomodan.

Benditos sexan.

Porque ler non consiste unicamente en atopar aquilo que confirma o que xa pensamos. Tamén significa poñer as propias certezas a remollo. É descubrir que alguén pode contar unha historia desde un lugar que nós nunca visitamos, defender unha idea coa que non coincidimos ou describir unha dor que nunca padecemos. A lectura pode producir desacordo, e o desacordo, cando se exerce con intelixencia, é unha das formas máis nobres de pensar.

Quizais por iso ler nunca foi unha actividade completamente inocente. Os libros fan preguntas, e unha pregunta ben formulada pode resultar moito máis perigosa para a ignorancia ca unha biblioteca enteira chea de respostas. Ademais, ten un inconveniente importante: non se pode apagar como a televisión.

Pero ler é difícil. Como case todo o que realmente importa.

Require tempo, atención e algo que hoxe parece converterse nun artigo de luxo: silencio. Un libro non compite ben contra a sucesión vertixinosa de imaxes, titulares, mensaxes, vídeos e notificacións que reclaman constantemente que miremos para outro lado. A lectura profunda pide que nos quedemos.

E precisamente por iso paga a pena.

Nun libro non hai que responder inmediatamente. Non hai que poñer un corazón, compartir, comentar ou decidir se estamos a favor ou en contra antes de rematar o segundo parágrafo. Podemos quedar pensando, volver atrás, subliñar unha frase, pechar o libro e continuar mañá.

Que luxo.

E tamén podemos non entender nada. Que ás veces é o principio de entendelo todo.

As enquisas adoitan ofrecernos datos sobre os hábitos lectores: cantas persoas len, cantos libros ao ano, que xéneros prefiren. As cifras serven para coñecer unha realidade, pero hai algo que ningunha estatística pode medir: o que lle sucede por dentro a unha persoa cando un libro lle toca unha fibra que nin ela sabía que tiña.

Non se pode contabilizar a emoción dunha frase lida no momento oportuno. Nin aquela novela que alguén nos recomendou e acabou converténdose nunha amizade. Nin o poema que regresou á nosa memoria vinte anos despois, precisamente o día en que máis falta nos facía.

Por iso a lectura é tamén unha forma de memoria.

Os libros gardan voces. Conservan persoas, lugares, costumes, medos, esperanzas, maneiras de falar e de entender o mundo. Un libro pode converterse nunha pequena casa na que aínda viven os que xa non están. Talvez por iso volvemos a determinados títulos: porque non regresamos exactamente ao libro, senón á persoa que eramos cando o lemos.

E tamén nos fan compañía.

Non porque substitúan as persoas —non hai novela que abrace, polo de agora—, senón porque ás veces necesitamos atopar unha voz que poña palabras ao que sentimos. Unha historia pode dicirnos: isto que che pasa tamén lle aconteceu a outro. Esta tristeza ten un nome. Este medo existe. Esta alegría tamén é posible.

Ler é, nese sentido, unha maneira de non estar completamente sós.

E unha maneira bastante económica de viaxar. Un billete a París pode saír caro. Unha novela de Patrick Modiano, bastante menos. E se a viaxe non nos gusta, sempre podemos pechar o libro sen reclamar indemnización á axencia.

A lectura ten tamén unha dimensión colectiva. Unha sociedade que le dispón de máis ferramentas para interpretar o que lle sucede. Ler axuda a comprender, argumentar e distinguir entre unha afirmación e unha evidencia, entre unha opinión e un feito.

Pensar, en definitiva.

E pensar é unha actividade incómoda. Moito máis cómoda resulta a obediencia. É máis doado aceptar o primeiro titular, repetir a opinión da maioría ou quedar coa explicación máis sinxela. Pensar require preguntar, contrastar, dubidar. A literatura non nos converte automaticamente en persoas máis intelixentes nin máis boas, pero pode ampliar o territorio no que somos capaces de pensar.

E iso xa é moito.

Vivimos nun tempo no que todo parece ter que vir explicado en dez segundos. Se unha novela necesita trescentas páxinas, xa empeza con problemas. Se un poema require dúas lecturas, sospeitamos que o poeta non se explicou ben. E se unha idea nos obriga a pensar durante cinco minutos, sempre queda a posibilidade de mirar o móbil para comprobar se aconteceu algo importante no mundo nos últimos trinta segundos.

Probablemente non.

Pero nós xa o miramos.

Por iso tamén é importante que os libros non sexan todos iguais.

Precisamos novelas e poesía, ensaio e teatro, literatura infantil e xuvenil, clásicos e contemporáneos. Libros que divirtan e libros que sacudan. Que entendamos á primeira e que nos obriguen a volver atrás. Que dean respostas e que deixen máis preguntas das que tiñamos ao comezar.

E precisamos, sobre todo, liberdade para elixir.

Hai unha certa maneira de falar da lectura que acaba converténdoa nunha penitencia. Como se ler fose unha obriga moral, unha especie de deber escolar permanente. Hai que ler porque é bo. Hai que ler tantos libros ao ano. Hai que ler determinados autores. Hai que rematar o libro que empezamos, aínda que esteamos desexando lanzalo pola ventá.

Non necesariamente.

Tamén temos dereito a abandonar un libro. A equivocarnos. A comezar unha novela e descubrir que non é para nós. A volver ao mesmo autor durante trinta anos. A ler poesía un día e novela negra ao seguinte. A ler pouco durante unha tempada e moito noutra. A lectura é demasiado importante para convertela nun exame.

E hai que dicilo: abandonar un libro non é pecado. Ás veces é simplemente hixiene mental.

O esencial é que exista o encontro.

Que un neno descubra que un libro pode ser un xoguete. Que un adolescente atope unha historia na que se recoñeza. Que unha persoa maior descubra que aínda lle quedan mundos por explorar. Que alguén que nunca se considerou lector abra un libro por casualidade e, contra todo prognóstico, quede atrapado.

Porque iso tamén sucede.

Un libro pode chegar tarde, pero chegar. Pode agardar anos nunha estantería ata que alguén o abra no momento preciso. Pode pasar por varias mans. Pode ser recomendado, prestado, regalado, esquecido e recuperado. Pode sobrevivir a mudanzas, inundacións e incluso a familiares que dobran as páxinas, delito que debería estar tipificado no Código Penal e, probablemente, castigado cunha tarde enteira lendo un manual de instrucións.

Os libros sobreviven.

E mentres sobreviven, continúan facendo o seu traballo silencioso: preguntarnos quen somos, que mundo estamos construíndo e que mundo queremos deixar detrás.

Hai moitas maneiras de ler. Hai quen le para informarse, quen le para aprender, quen le para evadirse, quen le para comprender e quen le simplemente porque non sabe vivir sen un libro preto. Todas son válidas. A lectura non ten por que pedir permiso para ser útil. Ás veces é útil precisamente porque non serve para nada inmediato.

Nun mundo obsesionado coa produtividade, ler pode ser un acto de aparente inutilidade. Sentarse, abrir un libro e dedicar unha hora a unha historia que non vai resolver ningún problema da hipoteca, non vai aumentar o PIB e probablemente non vai mellorar o currículo profesional. E, con todo, pode mellorar a nosa vida.

Quizais porque a vida non se mide só polo que producimos.

Tamén polo que sentimos, polo que comprendemos, polo que recordamos, polo que somos capaces de imaxinar e pola maneira na que aprendemos a mirar aos demais.

Ler custa tempo e traballo. É certo. Hai días nos que unha páxina pesa coma unha pedra e nos que a cabeza está noutra parte. Pero cando un libro consegue engaiolarnos nas súas redes, acontece algo extraordinario: durante un tempo deixamos de ser exactamente quen eramos.

E cando volvemos, traemos algo connosco.

Unha pregunta. Unha lembranza. Unha idea. Unha emoción. Unha frase. Talvez unha maneira diferente de mirar.

Por iso paga a pena ler.

Non para ser máis cultos. Non para presumir de libros lidos. Non para engordar unha biblioteca e fotografala despois para as redes sociais, colocando casualmente diante dela unha cunca de café para demostrar que ademais de lectores somos xente interesante.

Lemos para vivir máis vidas das que nos tocaron.

Para coñecer mundos aos que nunca chegaremos.

Para conversar con persoas que morreron hai séculos.

Para entender mellor as que temos ao lado.

Para non deixarnos levar sempre polo ruído.

E tamén para descubrir, de cando en vez, que alguén escribiu exactamente aquilo que nós levabamos anos intentando dicir e non dabamos atopado como.

Ese é un dos pequenos milagres dos libros.

O outro é que, despois de todo o que levamos avanzado, aínda haxa quen pense que ler é perder o tempo.

Quizais sexa porque nunca atopou o libro axeitado.

Ou porque atopouno e estaba demasiado ocupado para abrilo.

Ler é difícil, como case todo o que ten interese na vida. Custa tempo, atención e traballo. Pero, para quen queda engaiolado nas súas redes, paga a pena.

Porque un libro non nos promete facernos felices.

Prométenos algo mellor:

facernos un pouco máis humanos.

E, visto como está o patio, tampouco é un mal comezo.

 

                                                                                                          Xosé Luna

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 1 de Setembro do 2026 | 6:07 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"