Brindemos
Pola saúde e a boa andaina. Por ti e por min. Polos nosos. Pola amizade. Polos presentes e polos ausentes. Polos que están e polos que non están, pero viven nun recuncho do noso corazón. Por todos aqueles invisibles, os secundarios, aqueles que ninguén ve pero son os que sosteñen o guión dese filme chamado vida. Polos que suspenden cun 4,9 pero teñen un 10 en loita e esforzo. Polos que cantan e bailan e rin e tinguen de vivas cores este Nadal melancólico. Polos desfavorecidos, oprimidos e vítimas que sofren, padecen e choran en calquera recuncho esquecido. Polos que fican nunha illa chamada soidade. Polos que se mergullan, pero non afogan. Polos bos e xenerosos. Polos pereiriños, que son o futuro e teñen o poder da imaxinación. Polos que gañan aínda que sexan os últimos da carreira. Polos que son quen de retirarse sen renderse. Polos últimos da fila. Polos que están en contra, sen agredir. Polos que retroceden (continuamente) tan só para coller impulso. Polos que derruban sen destruír, os que constrúen ilusións e soños e esperanza. Polo amor. Polos que día a día loitan por sobrevivir, os que re(existen). Polos que son “sen”, sen teito, sen papeis, sen… Polos que soñan por saír de illa soidade. Pola rebelión. Polos refacedores de soños. Pola poesía e polos poetas. Polo verso perdido, “quero verte amañecer e tamén anoitecer”. Por Odiseo que chegou a Ítaca e perdeuse nos brazos de Penélope. E por ti lector que dás sentido (e sensibilidade) a esta columna… Brindemos!