Au bientôt
Venres, 9 de xaneiro de 2015. 8.45 da mañá. Teño un wassap do amigo Fernando Martínez que di así, “Día triste polo que termina e feliz polo que empeza…” Mellor descrito imposible. Hai quince anos creamos o meu amigo Manuel Núñez e mais o abaixo asinante, Edicións Fervenza, unha das manifestacións artísticas máis fermosas da nosa terra. Vai frío. Na meniña aínda teño cravada a imaxe dun policía abatido nunha beirarrúa de París pola barbarie e a senrazón. Os lapis (léanse as ideas) hai que combatelos con lapis. Nadal e Blondie dannos os bos días. Tiñamos pouca (ou ningunha) experiencia no mundo do libro, Manuel viña de dirixir Dezactualidade e eu de facer algunha “cousiña” en Ed. Fouce co amigo Garrido que sempre repetía, “nós que nunca sexamos os primeiros en facer as cousas”. Buaf! Como pasou o tempo. Un repenique e velaí van, a Pinguela, as nosas fontes, Orballo, colección humor gráfico, os nosos mananciais, a Fontenla, o Tilirín, outras augas, o cartafol de Vilancosta… E a Festa da Poesía, a Cea das Letras, os Partidos de fútbol a prol da Lingua… E Paco Lareo e os Presidentes de Honra, Avelino Pousa Antelo e don Olimpio Arca Caldas… E Valentín e Carlos… E toda a grande familia de Ed. Fervenza. Fáiseme tarde. Breakfast in A Congostra a todo maría-santísima (que cantarían os Supertramp), e ao CEIP do Foxo que posúe coma lema, “o mellor faro para impedir que os pobos tropecen é unha escola”. Tal vez –penso entrementres poño as luces de brétema– o “quid” da cuestión está aí, nas escolas, na educación. A tolerancia debe presidir as nosas vidas. No recreo paso as follas do xornal sen reparar nas noticias. Detéñome nunha, “Xosé Luna abandona a dirección de Edicións Fervenza tras quince anos”. Regreso á aula. Toca Coñecemento do Medio con 6º. Tereille que falar do acontecido en París e da reacción da humanidade, “Nous sommes Charlie”. Pola tarde teño previsto estar un pouco cos cans que andan moi mimoseiros, sobre todo a Blondie que está preñada e vai ser mamá. Ah, e escribirei o artigo para o noticieiro a carón do limoeiro-laranxeiro, unha árbore que é coma un Uni(verso), e que dá paz e tranquilidade, a mesma que se precisa no mundo, a mesma que se precisa para pegar un chimpo e dedicarse a outras “cousiñas” da Vida. Vémonos. “Au bientôt”.