Un só obxectivo
Sábado, xaneiro 2015. Chove e vai frío. Escribo estas liñas logo de dar un paseo polo xardín. Unha banda de estorniños interpretan unha fermosa melodía. Marabilloso. Un soño. O limoeiro que dá laranxas está resistindo bastante ben as inclemencias do inverno. Os magnolios na súa liña, un alto e estilizado con moita folla e o outro máis tristeiro e pequecho. En canto á maceira (que estivo enfurruñada no pasado verán) aconselláronme que este ano non a podase. Haberá que facer caso ao meu veciño que sabe moito destas cousiñas. A que peor está levando a friaxe é a oliveira que perdeu moita vitalidade e reclama a todas horas uns raios de sol que lle aporten quentura e ledicia. A Blondie e o Nadal andan felices metidos os dous no mesmo cocho. Abro o xornal para ver como vai o mundo. Tras as eleccións gregas o terceiro partido político é “Amanecer dorado”.
Sábado, xaneiro de 1944. Chove e vai frío. Escribo estas liñas dende o campo de exterminio de Auschwitz – Birkenau. Unha banda de pardais sucan asustados o ceo gris. Silencio absoluto. Estamos instalados no epicentro do horror. Incrible. Un pesadelo. A barbarie sanguinaria nazi non ten límites. Un rapaz que vin hai apenas dúas horas baixando do tren cunha maleta pequena na man está tirado diante de min. Espido. Cos ollos abertos. Xunto a el, centos, milleiros de cadáveres de homes e mulleres e nenos. Un escritor polaco cóntanos na escuridade fría do barracón que Ilse Kolch, a muller de Karl Koch (coronel do campo de concentración de Buchenwald), gusta de encadernar seus libros con pel que lle arrinca ás súas vítimas. Faise o escuro.
Mércores, febreiro de 2015. Setenta anos despois. Vou ir cos meus 15 alumnos/as de 6º curso de primaria a unha exposición sobre o drama do holocausto (organizada por alumnos/as de Bacharelato do IES Manuel García Barros e pola súa profesora de historia, Ana Fernández).
Un só obxectivo. Reflexionar (recoñecer, valorar, cavilar, aprender…) que o maior patrimonio que ten o ser humano é a Vida. E que ela –a vida, digo– ten que estar presidida pola liberdade, igualdade, fraternidade e diversidade.