Ás veces
Ás veces o semáforo da vida ponse en vermello xusto cando imos atravesar. Ás veces a chuvia cae sobre a estrada gris e xa non temos gañas de rir. Ás veces non somos quen de ver a luz que ilumina unha faciana e ficamos mudos (asombrados) na negra sombra rosaliana.
Ás veces (cantas!) é máis doado chegar ao sol que ao corazón. Non sabemos perdoar para que nos perdoen. Esquecémonos da humildade, da sinxeleza, da xenerosidade. De sermos (nós mesmos). De loitar polo que verdadeiramente desexamos, arelamos, queremos. Crémonos estrelas dun firmamento marabilloso; e claro, non é así, non nos decatamos de que toda a gloria do mundo –José Martí dixit – colle nun grao de millo.
Corremos moito (moitísimo) a todas partes, e a meirande parte das veces non chegamos a ningures. E é que ás veces (na estrada da vida) cómpre pararse (deterse) para reflexionar (cavilar, diría o Unamuno).
Ás veces, digo, é mellor calar (o falar non ten cancelas) e escoitar e comprender e solidarizarse e porse do lado dos que perden, dos máis débiles, dos que nada teñen, dos invisibles, dos que non existen, dos que sofren e padecen, dos desprotexidos. Ás veces, insisto, é mellor perder que gañar.
Ás veces cae unha chaparrada e, mira ti por onde, os soños (os desexos, as arelas, a esperanza, a utopía) convértense en realidade.
Ás veces –neste tempo de vivas colores outonais– contemplamos como no niño novo do vento ventea con forza o “somewhere over the raimbow” e caemos na conta de que pouca “cousiña” somos.
Entón descobrimos que o segredo da re(Existencia), está (tal vez), na estrada, no camiño, que se fai –como dicía don Antonio Machado– “camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar”.