publicidade hoxe
O espertar das mulleres. Filomena Dato Muruais. - Cabecera

O espertar das mulleres. Filomena Dato Muruais.

A Sus(ana)

 

 Venres pola mañá. Falo coa miña boa amiga Susana. Unha mestra ourensá que –entre outras moitas cousiñas–, anda metida nun (digamos) movemento cívico pasional co obxectivo de sacar (léase rescatar) do limbo do esquecemento á muller que dá nome ao seu colexio na Valenzá (Barbadás), Filomena Dato Murais (Ourense, 1856 – Moruxo, Bergondo, A Coruña, 1926). 

Achégame o libro de Jesús-Fernando Román Alonso, Filomena Dato:  a poeta galega de entre séculos. (Duen de Bux, 2009). Trátase efectivamente dunha muller de armas tomar. Unha loitadora. Unha adiantada ao seu tempo. Unha poeta excepcional da que Curros Enríquez deixou escrito que era “unha das máis inmediatas sucesoras de Rosalía”. Unha escritora (excelente oradora segundo as crónicas) que deu ao prelo catro libros, un deles en galego, Follatos (Imprenta de Antonio Otero, 1891) co que contribuíu ao rexurdimento das nosas letras.

Pero aínda hai máis. Foi unha férrea defensora dos dereitos das mulleres. Na súa escrita reivindica o papel das mulleres, que teñen a mesma valía que os homes. “Os que negan â muller// intelixencia e talento// a millor contestaceón (sic)// cicais que fose o  disprecio”.

 A obra da poeta foi recoñecida polas mulleres ourensás, que o 25 de xullo de 1933, fixéronlle unha homenaxe, descubrindo unha placa na súa casa da rúa San Domingos.

Venres á tardiña. Chega ás miñas mans –recén saído do forno editorial– un agasallo do amigo Valentín, Escritoras na Galicia do século XIX, (Carlos Andrés González Paz, Ed.) un traballo do Consello Superior de Investigación Científicas do Instituto de Estudios Gallegos “Padre Sarmiento”. 

Bótolle unha ollada. Alí están todas. Cada unha coas súas obras, cos seus quefaceres, cos seus soños. O tremer da memoria. Reparo en Filomena Dato Murais (a entrada biobibliográfica corresponde ao profesor Xesús Alonso Montero), unha escritora que coa súa obra alumeou o espertar das mulleres.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 7 de Marzo do 2015 | 2:37 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"