publicidade hoxe
Re(existe), amigo - Cabecera

Re(existe), amigo

Re(existe), amigo. Re(existe). E por favor, non te esquezas de respirar que, como ben dixo un ilustre doutor nunha convención de ilustres doutores, “é malo para a saúde”. Pecha o parapluie dunha vez e rube paseniño ao cumio da túa montaña (que todos temos unha). E ergue os brazos, si, si, os dous. E respira profundamente outra vez e mira para o Ceo (está precioso, eh) verás a chaparrada que che cae enriba.

Vale. É verdade. Agora estás empapado de chuvia (que é auga e molla, quen cho discute, pero segue sendo Vida, ou non?). Pois iso, sacude as túas sombras, as túas pantasmas, os teus múltiples e variados fracasos. Deixa atrás os erros, erratas, desatinos, faltas, equivocacións, engaños. E Re(existe) por favor, non cedas. Inténtao unha vez máis. Pon música (vale aínda que sexa dos oitenta). Mergúllate nos versos (valen aínda que sexan un pouco sentimentais). Persegue os teus soños (aínda que non sexan moi caros). E, non o penses máis, bótate á Vida. Vive a Vida. Principia a camiñar. Pola congostra, polo camiño, pola rúa, pola estrada (da Vida). Retoma o vóo. E non mires para atrás (vale, podes mirar de esguello pero só para coller impulso). Que a vida é así. Que si. Que levas razón, a chuvia molla e está fría. E o sol (que cabrón o Lourenzo) fica oculto detrás da túa ventá. E a crise queima. E a hipoteca morde. E… sempre hai unha morea de caralladas que te sitúan a varios metros dos dous centímentros e medio, recordas? Pero tes que Re(existir), amigo. Non te rindas. Tes que quererte (e moito), para que te queiran outros. E tes que Reinvent(Arte). E Recuper(Arte). Canta Arte! Claro (esquecíame), que a chuvia no noso país tamén é Arte. Re(existe). Volta a sorrir con eses teus ollos verdes. Volta a cantar con esa túa mirada perdida. E acepta o reto da Vida. Que non é doado pero é fantástico, sen dúbida, o máis máxico que existe. Tes que Re(existir) porque cada día ten un novo amañecer. Porque este é o minuto, e o mellor dos momentos para principiar un novo camiño de ilusión, de desexo, de amor. Tes que Re(existir) porque non estás só, sempre tes a alguén que che berra dende o alto da túa montaña ou a carón do teu oído, ou a través do wasshap, sms e demais tecnoloxía punteira (último berro), Re(existe), amigo. E por favor, non te esquezas de respirar que como ben dixo un ilustre doutor nunha convención de ilustres doutores “é malo para a saúde”.

Por: Xosé Luna Sanmartín
Publicado o 14 de Febreiro do 2014 | 8:58 p.m.

Outros temas de Da lectura e outras "Cousiñas"