Estados
Lin hai pouco, non sei onde, que ninguén é tan feo coma na foto do DNI, nin tan guapo como nas do facebook. Nos perfís do wassap hai de todo, facianas, pés, cans, gatos, happy family, pinturas, anagramas, mares, piscinas, limoeiros, igrexas, motos…
E logo está o estado. Un brado mainiño. Algo así como anunciar ao teu pequeno microcosmos, ao teu uni(verso), como te atopas, a túa situación vital.
O estado pode ser real ou ficticio, nunca se sabe; en todo caso, tanto ten. O estado évos como a vida mesma. E, como no caso das fotos, hai para todos os gustos e cores. Velaí van un feixe deles, extraídos unicamente do meu móbil.
Hai estados que son unha especie de auténticos GPS vitais. “Estou en Santiago”. “De vacacións”. “No cine”. “No ximnasio”. “Por aquí”. “No traballo”. “Dublín”.
Hainos moi positivos. “Se a vida non te sorrí, faino ti por ela!” “Vive a vida con intensidade”. “Vivindo”. “C´est la vie”. E reivindicativos. “O movemento demóstrase andando”. “Be Water my friend”. “Con gañas de volver dar guerra”. Hainos hedonistas. “Gozando a tope”. “Non parar”. “De festa”. “Bailando”. “De marcha”.
Hainos que cantan ao amor. “All you need is love!” Ollar, sentir, lembrar. Hai estados que non ruben nin baixan (pola escaleira). “Pode que estea, pode que non”. “Que máis che da…” “Máis ou menos”.
Logo están os que preguntan. “Que foi?” “E logho que?” Logo veñen os poéticos. “Eu son Balbino, un rapaz de aldea”. “Ser vez e consecuencia da dor e da orixe”. “O libro dos bicos”. “crebas.blogaliza.org”.
Os loucos, “como unha cabra”. Os simpáticos, “Juasapeando”. Os pícaros, “pescando ou intentando, jeje”. Os raros, “facendo heliesquí”. Os filosóficos. “Sen o medo non habería valentes”. “A sorpresa é unha lebre agochada que só descobre quen non sae de caza. Os musicais, “siamo fragili”. “Supertramp”. “Ad libitum”
E para rematar, o estado dunha filla que perdeu ao seu pai, e que escribiu no seu estado, un verso precioso, “sempre haberá unha data, un lugar, unha hora, un minuto, un segundo… para recordarte e dicirche mil veces que foches o mellor pai do mundo.”