Nai
Día a día. Noite a noite. Sempre collido da túa man. A nai é a nai. A alborada, o mencer, a urdime, a raigame, a raiceira, a cerna. A nai. A nai é a primeira. Nai-luz. Nai-froito. Nai-loita. Nai-forza. Nai-amor. O aleitar da vida. O colo sempre agarimoso. O soletrear das letras. O repenicar da chuvia na fiestra. A ollada da verdade. A tenrura das caricias. Os bicos protectores. A voz mol que nos arrinca do sono e nos anuncia a ledicia dun novo día. A nai. O pan de todos os días. As estrelas da noite ensoñadas por Van Gogh. Unha cerdeira maxestosa que nos invita a soñar. O recuncho feliz da nosa moradía, da nosa existencia. Unha brisa lene que arrandea a arrandieira na que sorrir e festexar. A nai. O lume agarimoso que nunca esmorece na cociña de ferro do fogar. A lembranza dunha canción perdida no latexar dos tempos, “eres como una espinita que se me ha clavado en el corazón”. A nai. A estrela que nos guía na estrada da vida. Día a día. Noite a noite. Sempre collido da túa man.